Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2017 Páx. 34867

V. Administración de xustiza

Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (117/2014).

O letrado da Administración de xustiza, José-Miguel Formoso Sobrado do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que neste xulgado se tramitou procedemento abreviado 117/2014, seguido por instancia de BFG e outros contra a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, MLPG e outros, no cal se ditou sentenza firme nº 46/2016, do teor literal seguinte:

Sentenza.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016.

Carmen Veiras Suárez, maxistrada xuíza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1, viu os presentes autos de recurso contencioso-administrativo acumulados e tramitados como procedemento abreviado nº 117/2014, entre as seguintes partes: como recorrente (seguen nomes e apelidos de recorrentes que se omiten), representados e asistidos no acto de xuízo polo letrado Óscar José Sánchez García; como demandada, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada e dirixida polo letrado dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia; como codemandados (seguen nomes e apelidos de codemandados que se omiten), representados e asistidos polo letrado Daniel Pereiro Cachaza; contra determinados puntos do anexo da Orde do 16.10.2013, que convocou concurso de traslados entre persoal funcionario docente.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O recorrente presentou recurso contencioso-administrativo contra a Resolución do 1.4.2014, desestimatoria do recurso de reposición contra determinados puntos do anexo da Orde do 16.10.2013, que convocou concurso de traslados entre persoal funcionario docente, en que se terminou suplicando que, tras os trámites legais, se ditase sentenza na cal, estimando en todas as súas partes este recurso, se revogase e anulase a resolución notificada por non ser conforme dereito; todo isto con expresa imposición de custas á Administración demandada se se opuxer á dita pretensión.

Segundo. Que, admitido a trámite o recurso, se acordou reclamar o correspondente expediente administrativo da Administración demandada e citar as partes para o xuízo, ao cal compareceron ambas as dúas partes. A recorrente ratificouse nas súas pretensións e o letrado da Administración demandada opúxose a elas; a vista desenvolveuse en todos os seus trámites, recibiuse a proba o presente xuízo e foron practicadas as probas admitidas, das propostas por aquelas, co resultado que figura na acta redactada para tal efecto.

Terceiro. A contía do recurso obxecto de axuizamento fixouse como indeterminada.

Cuarto. Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. A recorrente presentou recurso contencioso-administrativo contra o anexo da Orde do 16.10.2013, que convocou concurso de traslados entre persoal funcionario docente.

Faise constar na demanda que na mesma data se publicou a Circular 11/2013, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en que se establecían instrucións de interpretación en relación cos puntos 1.1.2 e 1.2.1 da citada orde, no sentido de que se puntuarán, ademais, os servizos prestados como funcionario interino, a diferenza dos anos anteriores, o que considera prexudicial para os seus intereses. Sostén a recorrente que non se fai distinción entre funcionarios interinos e de carreira, que contradí o artigo 5 do Decreto lexislativo 1/2008, e que, ademais, a antigüidade como interino xa foi valorada no concurso-oposición de acceso á condición de funcionario de carreira.

A parte demandante tamén solicitou que se suspendese o curso deste procedemento para que se formulase cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Segundo. Cómpre sinalar, en primeiro lugar, que neste xulgado xa se resolveron procedementos do mesmo contido, sen que se xustifique agora acordar un cambio de criterio.

Con respecto á petición de que se suspendese o curso deste procedemento para que se formulase cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, co fin de que se pronunciase sobre o alcance da interpretación da cláusula 4 do Acordo marco sobre o traballo de duración determinada, subscrito o 18.3.1999, que figura no anexo da Directiva 1999/70/CE do Consello, do 28 de xuño de 1999, relativa ao Acordo marco da CES, a UNICE e o CEEP, como previo ao pronunciamento da sentenza que poña fin ao litixio, a Sala do TSX Galicia xa descartou formular cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, pois os pronunciamentos previos do dito Tribunal se consideran suficientes para adoptar unha decisión adecuada co fin de axuizar se se deben valorar os servizos prestados como funcionarios interinos no concurso de traslados autonómico convocado (St do 17.12.2014 e 11.2.2015).

A citada sentenza foi contundente ao sinalar “(…) a doutrina do acto claro ampara a dita innecesariedade de formular neste caso a cuestión prexudicial ante o TXUE.

Segundo esta doutrina, un xuíz de última instancia non ten a obriga de formular ante outro xuíz unha cuestión prexudicial cando se presenta unha das seguintes situacións: 1) Cando houbo outra cuestión prexudicial idéntica ou similar. 2) Cando non haxa dúbida razoable sobre a interpretación da norma. Nestas últimas, o que se busca é a realización de principios fundamentais do dereito como son a economía, a celeridade e a concentración procesual, xa que non se xustifica pór en funcionamento o aparato xudicial para resolver un asunto “claro”.

Esta doutrina xurdiu cando o Tribunal de Xustiza Europeo (TX), nunha sentenza (Sentenza do 6.10.1982, asunto 283/81, caso CILFIT), fixo un extenso resumo sobre a xurisprudencia arredor da obriga de formular a cuestión prexudicial. Recentemente, a Sentenza TXUE do 13 de novembro de 2014 volveu insistir sobre a plena vixencia daquela doutrina.

Por último, sobre a ausencia da obriga de formular cuestión prexudicial cando xa previamente se pronunciou o Tribunal de Xustiza en cuestión análoga, convén lembrar o razoado polo Tribunal Constitucional cando, na súa Sentenza 78/2010, do 20 de outubro, di que aquela obriga “desaparece, mesmo tratándose de decisións de órganos xurisdicionais nacionais que non son susceptibles dun recurso xudicial conforme o dereito interno, tanto cando a cuestión suscitada fose materialmente idéntica a outra que fose obxecto dunha decisión prexudicial en caso análogo (SSTXCE do 27 de marzo de 1963, asuntos Da Costa e acumulados, 28 a 30/62; e do 19 de novembro de 1991, asunto Francovich e Bonifaci, C-6 e 9/90), como cando a correcta aplicación do dereito comunitario se pode impor con tal evidencia que non deixe lugar a ningunha dúbida razoable sobre a solución da cuestión (STXCE do 6 de outubro de 1982, asunto Cilfit, 283/81). E é que para deixar de aplicar unha norma legal vixente pola súa contradición co dereito comunitario, a formulación da cuestión prexudicial só resulta precisa, coa perspectiva do artigo 24 CE EDL 1978/3879, en caso de que concorran os presupostos fixados para o efecto polo propio dereito comunitario, cuxa concorrencia corresponde apreciar aos xuíces e tribunais da xurisdición ordinaria (FX 2)”.

Terceiro. Alega a parte codemandada a causa de inadmisibilidade do artigo 69.d) LXCA, en relación co artigo 222.4 LAC por recaer sobre cousa xulgada, xa que o TSX de Galicia ditou, con data do 17.12.2014, dúas sentenzas estimatorias do recurso de apelación en que revogaba as ditadas polo Xulgado número 2 nos PA 742/13 e PA 743/13, polo cal entendía axustada a dereito a valoración de servizos prestados por interinos ao abeiro das epígrafes 1.1.21 e 1.2.1.

Os recorrentes son persoas diferentes, polo cal non concorre a necesaria tripla identidade para apreciar a cousa xulgada pero, ademais, a Sala do TSX de Galicia non só ditou as citadas sentenzas firmes, senón tamén unha última sentenza do 11.2.2015 en demandas presentadas por outros recorrentes sobre as mesmas cuestións.

Para resolver o presente recurso débese ter en conta que, efectivamente, as STXUE se referían a procedementos selectivos de acceso pero o TSX de Galicia entende que non debe existir ningún inconveniente para estender a súa doutrina aos procesos de provisión e que, aínda que o TS, na Sentenza do 9.6.2014, sinalou que a falta de consideración como mérito do tempo en que os funcionarios de carreira exerceron a súa docencia como interinos non vulnera o principio de mérito e capacidade, iso entra en contradición con aquela doutrina do TXUE ao se ignoraren no cómputo os servizos prestados previamente en réxime de interinidade, tal como exixía a primacía do dereito comunitario.

A Sentenza do 11.2.2015, do TSX de Galicia, sinalou, respecto doutra demanda co mesmo obxecto que o que nos ocupa, que:

“Debemos subliñar o alcance preciso da convocatoria aquí cuestionada: 1.1 (Antigüidade no centro), subepígrafes 1.1.1 (con destino definitivo), 1.1.2 (en situación de provisionalidade), epígrafe 1.2 (antigüidade no corpo), subepígrafes 1.2.1 (servizo activo no corpo da vacante), 1.2.2 (servizo activo noutros corpos docentes do mesmo ou superior grupo) e 1.2.3 (servizo activo noutros corpos de subgrupo inferior) e número 4 do anexo XIV do baremo.

Así pois, en vía administrativa e na demanda fíxose fincapé nunha vertente específica de oposición á valoración da experiencia como interino ao abeiro da epígrafe 1.1.2, posto que o dito precepto regula unha situación específica, a de destino provisional, en que non están os funcionarios interinos, todos os cales, por definición, están en situación provisional en sentido amplo. E esta formulación acóllea o fundamento xurídico oitavo da sentenza apelada sen que o recurso de apelación dedique específica argumentación a combatelo.

Daquela, no que se refire á epígrafe 1.1.2, non é posible a valoración por este concepto dos servizos prestados como funcionario interino, xa que, se así se fixese, estaríamos ante unha duplicidade de valoración de idénticos servizos, pola epígrafe 1.1.1 e pola 1.1.2. A este respecto, derivamos dous principios básicos na aplicación da convocatoria litixiosa que deben quedar claros, sen que se poida opor circular, instrución ou criterio distinto.

A) Que a experiencia como persoal funcionario de carreira e a experiencia como persoal funcionario interino, para os efectos da súa valoración como mérito no concurso de traslados, deben ter idéntica consideración e valoración, de maneira que, a igual contido substancial de labor e condicións de desenvolvemento, a puntuación correlativa debe ser a mesma.

B) Que, como consecuencia do anterior, a experiencia acreditada por unha ou outra canle non pode ser obxecto de dobre valoración, simultánea na epígrafe 1.1.1 e na epígrafe 1.1.2, posto que a vontade lóxica e literal da Administración é asignar unha valoración pola experiencia en destino definitivo e outra valoración pola “experiencia en situación de provisionalidade, sempre que se participe desde esta situación”.

Así, se non é posible para un funcionario de carreira estar en situación de destino definitivo e asemade na de destino provisional, a Administración tampouco pode considerar que nun funcionario interino poida ser valorada unha mesma experiencia pola epígrafe 1.1.1 e pola epígrafe 1.1.2, especialmente cando esta segunda epígrafe se refire á situación de “destino provisional”, concepto e cualificación xurídica reservados a funcionarios de carreira mentres están en expectativa de destino ou que foron privados por amortización de praza do seu destino definitivo, e na cal hai imposibilidade xurídica para que un funcionario interino poida estar en tal situación de “destino provisional”. Unha cousa é o concepto xurídico de “destino provisional”, reservado a funcionarios de carreira sen destino definitivo, e outra é o concepto coloquial e semántico de “provisionalidade”.

Insistiremos en que nin nesta apelación nin nos autos consta que a parte apelante ou a Xunta de Galicia acreditasen a existencia de prácticas, criterios ou instrucións con apoio legal que amparen distintos niveis de “provisionalidade” nos funcionarios interinos e que poidan conducir á conveniencia de distinguir e aplicar a valoración da experiencia en destinos máis estables que outros.

En consecuencia, o recurso de apelación debe ser parcialmente estimado en relación coas epígrafes 1.1 (Antigüidade no centro), subepígrafes 1.1.1 (con destino definitivo), epígrafe 1.2 (antigüidade no corpo), subepígrafes 1.2.1 (servizo activo no corpo da vacante), 1.2.2 (servizo activo noutros corpos docentes do mesmo ou superior grupo) e 1.2.3 (servizo activo noutros corpos de subgrupo inferior) e número 4 do anexo XIV do baremo. É dicir, débese considerar axustado a dereito equiparar a experiencia de funcionarios interinos e de carreira na aplicación das referidas epígrafes.

E, en cambio, debe ser desestimado parcialmente o recurso ao pretender a apelación que se revogue na súa integridade a sentenza apelada e, en correlación, debemos estimar parcialmente a demanda en canto pretendía no suplico que “se declarase a improcedencia de valoración dos servizos prestados como funcionarios interinos nas epígrafes 1.1.1 e 4 do anexo XIV”, aínda que limitada esta estimación parcial a recoñecer na presente sentenza a “declaración da improcedencia de valoración dos servizos prestados como funcionarios interinos na epígrafe 1.1.2”.

Acollendo o criterio recollido na citada sentenza do TSX, procede considerar que os servizos prestados como funcionario interino deben ser valorados en idéntico concepto, contía e epígrafe que os valorados a quen os prestou como funcionario de carreira; pero, en ningún caso poden ser valorados como “servizos provisionais” (situación de ”provisionalidade”, epígrafe 1.1.2) os servizos prestados como persoal interino, posto que esta epígrafe se reserva exclusivamente para a valoración dos servizos prestados como funcionario de carreira con destino provisional.

Cuarto. E, de conformidade co disposto no artigo 139.1 da Lei xurisdicional, non procede facer imposición das custas causadas.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo parcialmente o recurso contencioso-administrativo, presentado por (seguen nomes de recorrentes que se omiten) contra a Orde do 16.10.2013, que convocou concurso de traslados entre persoal funcionario docente e, en consecuencia, declaro que non procede valorar como servizos provisionais os prestados como persoal interino (epígrafe 1.1.2 do anexo XIV); e todo iso sen facer expresa condena respecto das custas causadas neste xuízo. (…)”. Segue rúbrica.

O que, en cumprimento do disposto no artigo 107.2 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ordenei publicar no Diario Oficial de Galicia, pola Resolución do 8 de marzo de 2017; firme por consentida.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2017

O letrado da Administración de xustiza