Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2017 Páx. 33318

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2017 de delegación de competencias.

Os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, desenvolven especificamente, nos seus artigos 56, 57, 58, 59 e 60 as competencias que a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, asígnalles ás reitoras e reitores das universidades.

Co obxectivo de levar a cabo unha xestión eficiente na Universidade, mantendo o debido respecto aos principios que a Constitución española recolle no seu artigo 103.1 en relación coa Administración pública, levouse a cabo nos últimos anos un proceso de descentralización e especialización que conduciu á constitución dos Campus do Mar, Vigo-Tecnolóxico, Campus CREA S2i e Campus da Auga, estes dous últimos ligados a campus territoriais, o que orixinou a modificación da estrutura orgánica dalgunhas estruturas administrativas.

Finalizado o dito proceso, cómpre revisar e orientar as competencias que se concentran na figura do reitor, para impulsar a gobernanza da Universidade, optimizar os recursos dispoñibles e mellorar a prestación de servizos, o que redundará en beneficio tanto da administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que confiren a esta reitoría os estatutos da Universidade de Vigo, e en consonancia co que se determina nos artigos 9, 10, 12 e 14 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e demais disposicións de xeral aplicación, e unha vez informado o Consello de Goberno, dítase a seguinte resolución de delegación de competencias que queda redactada nos termos seguintes:

I. Estrutura.

1. A estrutura do equipo de goberno da Universidade de Vigo estará integrado polo reitor ou reitora, e as persoas que ocupen os cargos seguintes:

1) Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

2) Vicerreitoría de Estudantes.

3) Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

4) Vicerreitoría de Economía e Planificación.

5) Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais.

6) Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus da Auga.

7) Vicerreitoría do Campus de Pontevedra-Campus CREA S2i.

8) Secretaría Xeral.

2. Para o mellor desempeño das funcións de goberno, e co obxecto de reforzar os campus de especialización da Universidade de Vigo, desígnanse os cargos de comisionados/as, con rango de vicerreitor ou vicerreitora:

– Comisionado/a para o Campus do Mar.

– Comisionado/a para o Vigo-Tecnolóxico.

3. Xerencia: correspóndelle a xestión dos servizos administrativos e económicos da Universidade.

4. Do mesmo xeito, buscando a coordinación e participación doutros cargos administrativos en aras de cumprir máis eficazmente a tarefa de servizo público na educación superior, incorpórase na presente resolución a delegación dalgunhas das competencias atribuídas ao reitor nos directores/as, xefes/as de servizo e administradores/as e outros cargos administrativos.

II. Delegación de competencias nas vicerreitorías e na Secretaría Xeral.

1. Competencias delegadas na Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado:

a) A ordenación de estruturas académicas, departamentos e centros.

b) A coordinación e control dos centros adscritos á Universidade, en materia académica.

c) A planificación, coordinación e supervisión dos procesos de elaboración e reforma de plans de estudos correspondentes aos títulos oficiais de grao e máster.

d) A organización académica das titulacións de grao e máster oficiais.

e) A organización da formación doutoral, segundo a normativa do ensino oficial de doutoramento.

f) A coordinación e supervisión dos títulos propios da Universidade de Vigo.

g) O establecemento da oferta anual de prazas en cada titulación.

h) A elaboración e revisión dos plans de organización docente anual e do cadro de persoal docente e investigador.

i) Coordinar a convocatoria e execución dos concursos de persoal docente funcionario e contratado e a aprobación das listas provisionais e definitivas de persoas admitidas.

j) As referentes aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador.

k) As referidas á organización, avaliación e seguimento dos procesos de calidade, entre eles os referidos á actividade docente e ao rendemento académico do estudantado.

l) As relacionadas con programas e accións de formación continua do profesorado e innovación educativa.

m) As relativas á situación administrativa do persoal docente e investigador, incluídos os procedementos de xubilación, así como a comunicación do recoñecemento dos complementos retributivos autonómicos.

n) Dirixir a negociación colectiva do persoal docente e investigador, asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución.

o) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución de procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

2. Competencias delegadas na Vicerreitoría de Estudantes:

a) A promoción e difusión da oferta académica a nivel nacional e internacional, así como coordinar a captación e acceso do alumnado á Universidade.

b) As relacionadas co recoñecemento, defensa e vixilancia dos dereitos e deberes do estudantado, incluídas as relativas á avaliación e cualificación do alumnado.

c) A proposta e xestión de actuacións para a mellora da formación transversal do estudantado.

d) As correspondentes á proposta, coordinación e xestión das políticas de fomento do multilingüismo na Universidade de Vigo.

e) As relativas á convocatoria e xestión de prácticas externas.

f) O recoñecemento de créditos ao estudantado por realización de actividades universitarias complementarias.

g) O establecemento, impulso e execución dos procesos para a concesión de bolsas e axudas con fondos propios da Universidade de Vigo no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores.

h) A supervisión da execución dos procesos para a concesión de bolsas e axudas, convocadas por outras institucións públicas ou privadas incluíndo, de ser o caso, a presidencia e/ou representación da Universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

i) A proposta e xestión de programas de mobilidade do estudantado no marco do Estado.

j) As relacionadas co fomento do emprego do estudantado.

k) As relativas as estratexias de fomento do emprendemento do estudantado, agás as relativas aos campus de especialización da Universidade de Vigo.

Deléganse na Vicerreitoría de Estudantes todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución do procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

3. Competencias delegadas na Vicerreitoría de Investigación e Transferencia:

a) O deseño e implantación de políticas que fomenten a investigación de excelencia, a transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico e a súa difusión á sociedade.

b) A promoción, avaliación e recoñecemento das actividades de investigación e de transferencia de coñecemento en todos os ámbitos na Universidade de Vigo.

c) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación e con outros centros de I+D+i, nacionais e internacionais, agás as asociadas especificamente aos campus de especialización da Universidade de Vigo.

d) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación, agás as directamente relacionadas cos campus de especialización da Universidade de Vigo.

e) As de xestión e coordinación dos recursos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación.

f) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, agás os situados no ámbito de influencia dos campus de Ourense e Pontevedra.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación e de transferencia de resultados de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

h) O impulso e supervisión da xestión da valorización, protección e explotación dos resultados da investigación na Universidade de Vigo.

i) As relacionadas coa potenciación da oferta específica de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.

j) Autorización e sinatura de contratos, informes e cursos ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU).

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría de Investigación e Transferencia todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución dos procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

4. Competencias delegadas na Vicerreitoría de Economía e Planificación:

a) As relacionadas coa captación de recursos externos, planificación, coordinación e xestión da política económica e dos programas estratéxicos da Universidade de Vigo.

b) As de elaboración, en coordinación coa Xerencia, das liñas e directrices do orzamento anual da Universidade e da política económica desta.

c) A coordinación de asuntos ou iniciativas que teñan repercusión nas partidas de ingresos ou gastos orzamentarios.

d) A celebración de convenios relacionados coa xestión orzamentaria da Universidade e a sinatura, de ser o caso, de contratos-programa.

e) A programación, contratación e execución de novos proxectos e infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional.

f) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten á Universidade de Vigo.

g) A supervisión dos proxectos das obras de nova planta, así como dos de reforma, remodelación, adaptación ou reparación dos edificios administrados pola Universidade.

h) As relativas ás tecnoloxías da información e ás comunicacións e os seus servizos.

i) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes, así como os relativos á Biblioteca universitaria.

j) As relativas á organización e dirección do servizo de publicacións da Universidade de Vigo.

k) As correspondentes á aplicación de políticas de calidade ambiental e desenvolvemento sostible.

l) A definición e execución da política de prevención de riscos laborais.

m) A definición e execución da política de acción social.

n) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría de Economía e Planificación todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución dos procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

5. Competencias delegadas na Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións internacionais:

a) A promoción e desenvolvemento de accións de proxección da Universidade na vida cultural e deportiva.

b) O impulso da colaboración con institucións públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas e o fomento da participación dos membros da comunidade universitaria.

c) As correspondentes a servizos sociais e participación, aloxamento e transportes, así como as relativas á atención e información á comunidade universitaria.

d) A proposta e desenvolvemento de plans para a integración total das persoas con necesidades educativas específicas na Universidade de Vigo.

e) A organización, realización e seguimento dos cursos de extensión universitaria e do programa de maiores.

f) O fomento da internacionalización e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional, salvo as vinculadas especificamente aos campus de especialización da Universidade de Vigo.

g) A representación institucional en foros e eventos internacionais.

h) A sinatura de acordos, convenios e protocolos relacionados coa actividade internacional da Universidade de Vigo, cando así sexa considerado oportuno polo reitor, agás as relativas aos campus de especialización da Universidade de Vigo.

i) O deseño, planificación e xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

j) A promoción, estímulo e dirección da xestión de actividades de voluntariado no ámbito universitario.

k) A promoción, impulso e xestión do asociacionismo universitario.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución dos procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

6. Deléganse no vicerreitor do Campus de Ourense, as competencias relativas ao territorio de influencia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, así como aquelas derivadas da especialización do Campus da Auga:

a) As de proxección e coordinación da Universidade no Campus de Ourense.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do Campus de Ourense e o Campus da Auga.

c) As relacionadas con cursos complementarios e a sinatura de convenios de coopera-ción educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

d) O fomento da internacionalización e a cooperación internacional, no ámbito de influencia do Campus de Ourense-Campus da Auga, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións internacionais.

e) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do Campus de Ourense-Campus da Auga.

f) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional, así como contratos ao abeiro do artigo 83 da LOU, no ámbito de influencia do Campus de Ourense.

g) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus da Auga, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

h) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do campus da Auga, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

i) As relacionadas coas cátedras de empresa do Campus de Ourense.

j) O impulso ás estratexias de fomento do emprego e o emprendemento do estudantado, no marco do Campus de Ourense-Campus da Auga, coa Vicerreitoría de Estudantes.

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría do Campus de Ourense todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución de procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

7. Deléganse no vicerreitor do Campus de Pontevedra as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra, así como as derivadas da especialización do Campus CREA S2i:

a) As de proxección e coordinación da Universidade no Campus de Pontevedra.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do Campus de Pontevedra e o Campus CREA S2i.

c) As relacionadas con cursos complementarios e a sinatura de convenios de coopera-ción educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

d) O fomento da internacionalización e a cooperación internacional, no ámbito de influencia do Campus de Ourense-Campus da Auga, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais.

e) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do Campus de Pontevedra-Campus CREA S2i.

f) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional, así como contratos ao abeiro do artigo 83 da LOU, no ámbito de influencia do Campus de Pontevedra.

g) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao campus CREA S2i, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

h) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do Campus CREA S2i, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

i) As relacionadas coas cátedras de empresa do Campus de Pontevedra.

j) O impulso ás estratexias de fomento do emprego e o emprendemento do estudantado, no marco do Campus de Pontevedra-Campus CREA S2i, coa Vicerreitoría de Estudantes.

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

Deléganse na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución de procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

8. Secretaría Xeral: con independencia das competencias que lle recoñecen a Lei orgánica de universidades (LOU) e os estatutos da Universidade de Vigo, deléganse na Secretaría Xeral as seguintes competencias:

a) A representación oficial da Universidade perante os poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

b) A organización funcional da Asesoría Xurídica, actuando de canle para o pedimento dos informes xurídicos que apoien a actuación dos órganos colexiados e unipersoais, agás a xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.

c) Impulsar, dirixir e coordinar a revisión da normativa.

d) Organización e dirección dos rexistros da Universidade.

e) Organización e dirección do servizo de información, encargándose da resolución de solicitudes realizadas en base ao dereito de acceso á información pública.

f) Planificación, coordinación e avaliación das actividades de implantación e desenvolvemento da Administración electrónica.

g) A coordinación da matrícula e a proposta de calendario escolar.

h) A elaboración da memoria anual do curso académico.

i) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

j) A tramitación e supervisión formal dos expedientes informativos e disciplinarios.

k) Supervisión formal dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

l) A xestión de convenios con outras institucións.

m) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

n) A delegación da sinatura en resolucións reitorais polas cales se resolvan pedimentos de estudantes en relación coa súa actividade académica, agás os relativos ao rendemento académico do estudantado.

o) A organización e control dos procesos electorais correspondentes aos órganos de goberno de carácter xeral.

III. Delegación de competencias nos comisionados e comisionadas.

9. Comisionado/a do Campus do Mar:

Coa equivalencia dunha vicerreitoría, agrega nunha única estrutura organizativa as capacidades de investigación, transferencia, internacionalización, promoción do emprego e formación avanzada da Universidade de Vigo no ámbito marítimo e mariño.

Deléganse no comisionado/a do Campus do Mar as seguintes competencias:

a) A elaboración do plan estratéxico do ámbito de especialización e a súa implementación tras ser aprobado polos órganos pertinentes.

b) A representación institucional da Universidade de Vigo en todos os organismos e eventos relacionados co ámbito mariño e marítimo, sempre que a dita representación sexa delegada polo reitor.

c) O fomento da internacionalización e a cooperación internacional, no ámbito de influencia do Campus do Mar, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais.

d) A coordinación das actividades relacionadas coa investigación, transferencia, divulgación e formación continua da Universidade de Vigo no ámbito mariño e marítimo, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

e) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do Campus do Mar, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

f) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus do Mar, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

g) Coordinar a comunicación exterior das actividades baixo a competencia do ámbito de especialización en coordinación co gabinete do reitor.

h) O impulso ás estratexias de fomento do emprego e o emprendemento do estudantado, no marco do Campus do Mar, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes.

i) Actuar como director/a do Campus do Mar-Galicia.

j) Actuar como director/a ou director/a asociada do Campus do Mar Galicia-Portugal.

10. Comisionado/a do Vigo-Tecnolóxico:

Coa equivalencia dunha vicerreitoría, agrega nunha única estrutura organizativa as capacidades de investigación e transferencia, internacionalización, promoción do emprego e formación avanzada da Universidade de Vigo no ámbito de especialización do Campus Vigo-Tecnolóxico, que comprende os ámbitos de telecomunicación, biomedicina e bioenxeñaría, aeroespacial e industria e enerxía.

Deléganse no comisionado do Vigo-Tecnolóxico as seguintes competencias:

a) A elaboración do plan estratéxico do ámbito de especialización e a súa implementación tras ser aprobado polos órganos pertinentes.

b) A representación institucional da Universidade de Vigo en todos os organismos e eventos relacionados co ámbito de especialización, sempre que esta representación sexa delegada polo reitor.

c) O fomento da internacionalización e a cooperación internacional, no ámbito de influencia do Vigo-Tecnolóxico, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións internacionais.

d) A coordinación das actividades relacionadas coa investigación, transferencia, divulgación e formación continua da Universidade de Vigo no ámbito de especialización do Campus Vigo-Tecnolóxico, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

e) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do Campus Vigo-Tecnolóxico, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

f) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Vigo-Tecnolóxico, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

g) Coordinar a comunicación exterior das actividades baixo a competencia do ámbito de especialización en coordinación co gabinete do reitor.

h) O impulso ás estratexias de fomento do emprego e o emprendemento do estudantado, no marco do Vigo-Tecnolóxico, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes.

i) Actuar como director/a do Campus Vigo-Tecnolóxico.

IV. Delegación de competencias a favor da Xerencia.

11. Deléganse na Xerencia, ademais das que lle recoñece a Lei orgánica de universidades e os estatutos da Universidade de Vigo, as seguintes competencias:

a) En colaboración co vicerreitor de Economía e Planificación, elaborar a liquidación do orzamento, a memoria económica e as contas anuais.

b) Autorizar, dispor e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da Universidade, con excepción do establecido nos apartados 12, 13 e 14 desta resolución.

c) Ordenar os pagamentos.

d) Actuar como órgano de contratación da Universidade nos termos establecidos na normativa de contratación do sector público e na lexislación patrimonial, agás o establecido nos apartados 12, 13 e 14 desta resolución.

e) Dirixir e acordar os actos de trámite e xestión ordinaria da actividade económico-orzamentaria que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

f) Dirixir a negociación colectiva do persoal de administración e servizos (PAS), asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución.

g) Dirixir a xestión dos procedementos de xubilación do persoal, agás as certificacións que correspondan e dos procedementos relativos á Seguridade Social e MUFACE.

h) Elaborar informes sobre a autorización de compatibilidade e elevar propostas ao reitor.

i) Autorizar e asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PAS laboral contratado con carácter temporal e do PAS funcionario interino.

j) Ditar instrucións e resolver os procedementos administrativos relativos ao PAS. Exceptúase do anterior, a convocatoria e resolución dos procedementos de selección do PAS fixo, a súa toma de posesión e cesamento, a iniciación e resolución de procedementos disciplinarios e a imposición de sancións disciplinarias.

k) Dirixir e acordar os actos de xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

l) Manter as infraestruturas e xestionar as reformas, as melloras e a ampliación das infraestruturas.

m) Supervisar as tecnoloxías da información e a comunicación e os seus servizos e en especial o impulso da Administración electrónica.

n) Supervisar a prevención de riscos laborais e a calidade ambiental.

En relación coas súas competencias poderá realizar encomendas de xestión ou delegación de sinatura. Delégase no xerente a facultade de realizar encomendas de xestión en relación coas súas competencias. Tamén poderá realizar as delegacións de sinatura que procedan.

No caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que imposibilite ao xerente, será substituído automaticamente pola persoa que ocupe a Vicexerencia que designe ou, no seu defecto, polo vicexerente que acredite maior antigüidade como tal ou como membro da Universidade de Vigo.

V. Delegación noutros cargos administrativos.

12. Delegación a favor da dirección da Biblioteca:

Deléganse no director ou directora da Biblioteca, as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, aquisición de subministracións e prestacións de servizos, previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

13. Delegación a favor da xefatura do Servizo de Extensión Universitaria:

Deléganse na persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Extensión Universitaria as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

14. Delegación a favor dos administradores e administradoras:

Deléganse nas administradoras e administradores as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar os contratos de subministracións e servizos non suxeitos a regulación harmonizada adxudicables por procedemento negociado por razón de contía consonte a normativa de contratación do sector público, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do administrador ou administradora correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade cunha ou varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de máster e doutoramento, títulos propios e proxectos e contratos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto aos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teñan encomendados.

15. Delegación a favor das persoas responsables de servizos e unidades administrativas:

Deléganse nas persoas responsables de servizos e unidades administrativas e respecto do persoal baixo a súa dependencia, as competencias de concesión e control das vacacións e dos permisos por asuntos propios e de representación sindical, así como as de control sobre o resto de permisos autorizados.

16. Delegación a favor das xefaturas de Área Académica:

Deléganse nas persoas que ocupen as xefaturas de Área Académica as seguintes funcións en materia de xestión académica:

a) Tramitar os procedementos previstos nos artigos 68 e 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Propor a aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula do alumnado.

c) Realizar os trámites que establece o artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

17. Delegación a favor de decanatos e direccións de centros en materia académica de titulacións de grao e máster:

Delégase nas persoas que ocupan os decanatos e direccións de centros:

A) A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos de primeiro e segundo ciclo:

a) A admisión de alumnado en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos, unha vez adoptadas as decisións polas comisións de centros.

c) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións de materias.

d) A resolución de solicitudes de modificacións de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de materias.

B) A facultade de expedir as certificacións do pagamento dos dereitos así como a de resolver as solicitudes de remisión dos títulos e a remisión destes ás direccións provinciais de Educación, á oficina de Educación e ás oficinas consulares.

18. Delegación a favor da dirección da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-UVigo):

Delégase na persoa que ocupe a dirección da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-UVigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio e ou anulación parcial de matrícula.

c) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) Autorizar a baixa definitiva de calquera estudante nun programa de doutoramento.

19. Delegación a favor das direccións de departamento:

Delégase nas directoras e directores de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador (PDI) nos seguintes casos:

a) Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

b) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal.

c) Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Os directores e directoras de departamento terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado.

De conformidade coa normativa de permisos e licenzas do PDI, aprobada polo Consello de Goberno do 5.10.2005 e modificada polo Consello de Goberno do 20.4.2009, as licenzas de estudo de duración igual ou menor de 15 días naturais, serán concedidas pola dirección do departamento por delegación do reitor ou reitora, debendo especificarse na concesión a persoa suplente nas obrigas docentes ou a maneira na que será recuperada a docencia e dando conta ao decanato ou dirección do centro correspondente.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado.

VI. Suplencia.

Nos supostos de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Economía e Planificación, quen exercerá a plenitude de funcións que son propias do órgano substituído; e, no seu defecto, pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído por aquel que designe, de xeito expreso, o reitor.

VII. Réxime da delegación de competencias.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia na antesinatura, con indicación da presente resolución reitoral, e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

2. De acordo co establecido nos artigos 9.6 e 10 da Lei 40/2015 a Reitoría poderá revogar en calquera momento a delegación de competencias contida nesta resolución, así como avocar para si o coñecemento dun ou varios asuntos cuxa resolución corresponda ordinariamente ou por delegación aos seus órganos administrativos dependentes, cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial fágano conveniente.

3. De acordo co artigo 9.5 da Lei 40/2015 salvo autorización expresa dunha lei, non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

Disposición derradeira primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións desta reitoría, de igual ou inferior rango, se opoñan ao establecido nesta resolución reitoral.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de junio de 2017

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo