O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A realidade sociolóxica, educativa e de optimización dos recursos fai necesaria a revisión da rede de centros e a planificación educativa naqueles concellos ou poboacións en que se estean prestando servizos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros de distinto tipo, situados nun mesmo recinto escolar ou en zonas lindeiras dentro do mesmo concello, para proceder á súa reorganización mediante fusión, integración ou transformación, garantindo a escolarización de forma satisfactoria do alumnado afectado, sen menoscabo dos seus dereitos a recibir unha educación de calidade e en igualdade de condicións que o alumnado de centros do mesmo tipo.
Esta escolarización efectúase respectando as exixencias de ratio (número máximo de alumnos por grupo) e de postos de traballo docentes, para garantir a calidade do ensino e facilitar a atención á diversidade, e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como impulsar a dinamización de proxectos educativos.
Da reorganización que leva a cabo este decreto derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación infantil e primaria, toda vez que o traslado do alumnado de educación secundaria obrigatoria permitirá aos centros dispoñer de máis espazo para actividades docentes, e tamén facilitará que o profesorado poida centrarse en proxectos educativos máis acordes coa tipoloxía do alumnado, fornecendo unha mellora das relacións nas respectivas comunidades educativas.
Así mesmo, o alumnado que vai estudar a educación secundaria obrigatoria a un instituto de educación secundaria tamén se verá beneficiado ao poder integrarse en grupos de estudo máis amplos, que permiten aumentar a oferta educativa en determinadas materias que necesitan un número mínimo de alumnos/as, ao facilitar as medidas necesarias de reforzo educativo. Finalmente, este alumnado participará dun contorno socioeducativo máis afín nun centro no que poderá cursar tamén o bacharelato.
En consecuencia, das medidas de reorganización adoptadas derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria afectado e, ademais, contribúen a optimizar os recursos educativos tanto no relativo ao profesorado como ás instalacións, obxectivos que constitúen a finalidade e o fundamento da presente norma.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil dezasete,
DISPOÑO:
Artigo 1. Fusión de centros de educación infantil e primaria
Os colexios de educación infantil e primaria Emilio Navasqüés e Plurilingüe Serra de Outes, ambos do Concello de Outes (A Coruña), fusiónanse nun único centro coa denominación de Colexio de Educación Infantil e Primaria de Outes, con código de centro 15033101, con capacidade para 6 unidades de infantil e 12 unidades de primaria.
Artigo 2. Integración
O Centro Público Integrado Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) extínguese, o alumnado de educación infantil e primaria intégrase no Colexio de Educación Infantil e Primaria A Magdalena (código de centro 15023429) e o alumnado de educación secundaria obrigatoria no IES Moncho Valcarce (código de centro 15025694), ambos centros da mesma localidade.
Artigo 3. Transformación de centros públicos integrados en colexios de educación infantil e primaria
1. O Centro Público Integrado Plurilingüe Tomás de Lemos de Ribadavia (Ourense), transfórmase en Colexio de Educación Infantil e Primaria Tomás de Lemos, código de centro 32011305, e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria trasládanse ao IES O Ribeiro da mesma localidade.
2. O Centro Público Integrado da Ribeira do Porriño (Pontevedra) transfórmase en Colexio de Educación Infantil e Primaria da Ribeira, código de centro 36019529, e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria trasládanse ao IES Ribeira do Louro da mesma localidade.
Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil dezasete
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria