Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2017 Páx. 32408

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xuño de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se publica a toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Codeseda (A Estrada).

Ao abeiro do disposto pola disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e conforme o establecido polo artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, con data do 2 de febreiro de 2017, o director xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar toma de posesión provisional dos predios resultantes do proceso de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada, Pontevedra).

As datas para tomar posesión dos predios son as seguintes:

1. Para terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte, o día 28.9.2017.

2. Para os restantes terreos, no momento en que se retiren as colleitas actuais.

Non obstante, a data límite para a retirada das árbores é o día 28.3.2018. No caso de especies autóctonas protexidas, debe contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza.

Dentro dos sesenta días naturais seguintes ao 28.9.2017 en que os predios de substitución se poñen á disposición dos participantes para que tomen posesión deles, poderase reclamar, xuntando ditame pericial, sobre diferencias superiores ao 2 % entre a cabida real dos predios e a que conste no expediente de concentración.

Importante: os propietarios das parcelas de achega deben, en todo caso, permitir aos titulares dos novos predios o acceso a eles para proceder á medición dentro do prazo dos sesenta días naturais antes sinalado.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dun predio non será compensada cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario, e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

2. Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto desta coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

3. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerado unha infracción moi grave (artigo 73 da Lei de concentración parcelaria para Galicia), sancionada con multa de 1.502,54 a 3.005,06 euros.

4. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/as persoa/s que a impidan.

Pontevedra, 19 de xuño de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra