Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2017 Páx. 29885

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 14 de xuño de 2017 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2017-2018.

A Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2017-2018, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 4 do xoves, 5 de xaneiro de 2017, establece as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras para a realización das actuacións sanitarias establecidas no seu anexo IV, e efectúa a convocatoria das ditas axudas para a anualidade 2017-2018, de conformidade co establecido no Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

O segundo parágrafo do punto 2 do artigo 17 da mencionada orde, «Xustificación», sinala que as facturas, nóminas e xustificantes bancarios do pagamento do gasto subvencionable realizado pola ADSG ata o 28 de febreiro de 2018 no desenvolvemento do programa sanitario poderán presentarse na oficina agraria comarcal (OAC) que corresponda ata o 10 de marzo de 2018.

Por outra banda, o segundo parágrafo do punto 5 do mesmo artigo sinala que para os efectos do establecido no artigo 49, parágrafo segundo do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o estampillado dos xustificantes orixinais de gasto para o control da concorrencia de subvencións farase cun selo que indique «subvencionado», lenda que se colocaba nos xustificantes no momento da súa presentación na oficina agraria comarcal.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicada no BOE núm. 236, do 2 de outubro, sinala no seu artigo 14.2 «Dereito e obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas» que tanto as persoas xurídicas como quen represente un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, en todo caso estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo.

Deste xeito, e dada a imposibilidade de que as entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras presenten calquera tipo de documentación xustificativa na correspondente oficina agraria comarcal, debe modificarse a referida orde, establecendo a necesidade de que se presente a través de medios electrónicos.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2017-2018

A Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2017-2018, modifícase nos seguintes termos:

Un. O punto 2 do artigo 17 «Xustificación» queda redactado como segue:

«2. Os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas ou nóminas orixinais ou copias compulsadas delas. Nos casos en que isto non sexa posible e que non existan facturas, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

As facturas, nóminas e xustificantes bancarios do pagamento do gasto subvencionable realizado pola ADSG ata o 28 de febreiro de 2018 no desenvolvemento do programa sanitario, presentaranse unicamente por medios electrónicos, accedendo ao expediente correspondente na carpeta do cidadán https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan da persoa interesada, na sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 10 de marzo de 2018».

Dous. O punto 5 do artigo 17 «Xustificación» queda redactado da seguinte maneira, ao suprimirse o segundo parágrafo:

«5. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal imputa o pagamento, e xuntarase dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura».

Disposición derradeira única

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural