Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2017 Páx. 29671

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 31 de maio de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 26 de maio de 2017 relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Lodoselo e Freande, no concello de Sarreaus.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC de «Lodoselo» e de «Freande», resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 28 de setembro de 2009 as comunidades propietarias dos MVMC de «Lodoselo» e de «Freande» presentaron un escrito en que solicitan a aprobación dun acto de deslindamento levado a cabo entre elas.

O citado acto foi celebrado no Xulgado de Paz de Sarreaus o día 18 de setembro de 2009, logo de autorización das asembleas xerais respectivas.

Segundo. O Servizo de Montes remitiu ao Xurado Provincial a documentación relativa ao citado acto, co obxeto de que se ditase resolución aprobatoria, de acordo co previsto no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

A descrición do linde é a seguinte:

Empezando no «Marco dos Valentes» punto que denominaremos MO1 e tomando o noroeste como dirección principal da marxe, lévanos a través do camiño «Carreiro Ladrón» ata o lugar denominado «Outeiro dos Bidos» onde situaremos o punto MO2 desde aquí e seguindo a liña que marca liña de control da plantación (dirección noroeste) entre o piñeiral que segundo indican os maiores do lugar quedara sen plantar nos tempos do antigo consorcio coa finalidade de que servise de linde. Chegamos así ao punto MO3 denominado «Marco das Gregorias». Desde aquí, e coa mesma dirección, lévanos á esquina sur éste do predio dos herdeiros de Alfredo Pazos (Trépolas) no lugar de «Agualevada», sendo este un enclave privado en medio de comunais, que será o punto MO4, continúa a linde pola marxe do citado predio e posteriormente prolongándose por unha devasa ao «Alto dos Machotes» lugar onde se sitúa o punto MO5. De aquí en diante segue a marxe pola devasa pasando polos lugares denominados «Machotes ou Reinado» punto MO6 e «Fondo dos Machotes» MO7 á beira do camiño que linda coas propiedades, lugar onde remata a descrición.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o xurado provincial en man común acordou por unanimidade o día 23 de febreiro de 2017:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre as comunidades propietarias dos MVCM de «Lodoselo» e de «Freande», do concello de Sarreaus, de acordo co exposto no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 31 de maio de 2017

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense