Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2017 Páx. 29692

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 31 de maio de 2017 pola que se notifica acordo de inicio de procedemento de desafiuzamento administrativo do departamento para usuarios número 07 do porto de Vilaxoán.

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase a Luasal, C.B., mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, requirimento previo de desafiuzamento administrativo do departamento para usuarios número 07 do porto de Vilaxoán, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos no último domicilio coñecido.

Segundo informe da Xefatura da Zona Sur, que intentou notificar ata en dúas ocasións ordes de desaloxo, o departamento está ocupado sen autorización, unha vez vencida e non renovada a autorización da que dispuña, sen que sexa posible outorgar nova autorización dada a existencia de débedas en concepto de taxas portuarias.

O presente acto administrativo que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia, de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese en aplicación do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o Regulamento da entidade pública Portos de Galicia.

O departamento deberá ser abandonado nun prazo máximo de dez (10) días que se contarán desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, o que se formalizará coa entrega das chaves ao persoal de Portos de Galicia.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde a publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado, durante o que poderán formularse alegacións e presentarse os documentos ou xustificacións que se consideren pertinentes.

De ser preciso o desafiuzamento será executado co auxilio das forzas e corpos da seguridade do Estado.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2017

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia