Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2017 Páx. 29321

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración a Viana do Bolo (Ourense), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/29-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284, e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 17.6.2016 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Viana do Bolo, na provincia de Ourense (expediente IN627A 2014/65-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia o 3.8.2016 e no Boletín Oficial da provincia do 1.8.2016.

O 18.11.2016 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución para a planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración a Viana do Bolo (Ourense). Trátase dunha localización diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

Obxecto da petición:

O obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución denominado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración a Viana do Bolo (Ourense)».

Descrición das instalacións:

Módulo de regasificación:

A planta satélite situarase na parcela de referencia catastral 32087A018013600000HX, polígono 18, parcela 1360. Trátase dunha parcela de 27.056 m2 de uso agrario no Cercado, Viana do Bolo. A superficie ocupada polo módulo de regasificación é de 1.088 m2.

Proxéctase unha planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL cunha capacidade total de 10 m3.

A planta satélite proporcionará gas natural para alimentar a rede de distribución, nas seguintes condicións:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 10 m3.

– Presión normal de servizo de almacenaxe de GNL: > 4 bar.

– Capacidade de regasificación: 417 m3(n)/h (cunha capacidade total de regasificación de 500 m3(n)/h).

– Requentador: Pmin = 3,56 kW.

– Presión de subministración de GN: 0,4 bar.

– Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC.

Rede de distribución:

A rede principal de distribución de gas natural construirase en polietileno DN 160, DN 110, DN 90 e DN 63 (MOP = 0,4 bar).

Construiranse 2.721 m de rede de distribución de gas natural en polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6/SDR 17. Instalaranse 10 válvulas para a sectorización da rede de distribución de gas natural.

Termo municipal: a solicitude afecta ao termo municipal de Viana do Bolo, na provincia de Ourense.

Orzamento: trescentos sesenta e catro mil oitocentos sesenta e dous euros con dezanove céntimos (364.862,19 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Curros Enríquez, 1-4º, 32071 Ourense.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas