Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2017 Páx. 29324

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan o peche e o desmantelamento da infraestrutura gasista denominada Planta satélite de gas natural licuado (GNL) para apoio á rede de Lugo en MOP 16 bar, cuxa titularidade corresponde a Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

Despois de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 20.10.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Natural Distribución SDG, S.A. a autorización administrativa previa da planta satélite de gas natural licuado (GNL) para apoio á rede de Lugo de MOP 16 bar, e se aprobou o seu proxecto de execución (expediente IN627A 2009/5-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 9.12.2009 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 24.11.2009.

Esta planta de apoio á rede de Lugo tiña por obxecto conseguir unha maior capacidade das infraestruturas de gas e seguridade de subministración para abastecer, tanto a vivendas particulares e comercios como ás industrias, dun xeito temporal mentres non entrase en operación o futuro gasoduto Guitiriz-Lugo, en que se prevé un punto de entrega para apoio á rede de Lugo.

O 20.12.2010 a Xefatura Territorial de Lugo da actual Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) resolveu autorizar o funcionamento da citada instalación.

Segundo. O 25.9.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autoriza a transmisión de varios activos de transporte secundario e de distribución de gas natural de alta presión, pertencentes a Gas Natural Transporte SDG, S.L. e Gas Natural Distribución SDG, S.A., respectivamente, a favor de Gas Natural Infraestruturas Distribución Gas SDG, S.A., coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Posteriormente, a sociedade Gas Natural Infraestruturas Distribución Gas SDG, S.A. cambiou de denominación, pasando a ser Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

Terceiro. O 9.11.2016 a empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para o peche da planta satélite de gas natural licuado (GNL) para apoio á rede de Lugo de MOP 16 bar, acompañada do proxecto titulado «Desmantelamento dunha planta satélite de almacenamento e gasificación de gas natural licuado no municipio de Lugo».

O 22.3.2017 a dita empresa contestou a un requirimento efectuado pola xefatura territorial, achegando o anexo 1 ao citado proxecto.

Segundo consta no proxecto e no seu anexo 1, a citada planta non inxectou nunca gas á rede de Lugo nin se ten previsto un incremento do consumo de gas, polo que considera que non será necesaria nun futuro.

Cuarto. O 28.2.2017 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a solicitude de peche da citada instalación, dado que resulta innecesaria pola súa inactividade e que a subministración de gas natural na cidade de Lugo está totalmente garantida sen esa instalación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, o peche das instalacións de distribución de gas natural requirirá autorización administrativa previa, cuxo procedemento vén regulado nos artigos 88 ao 91 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

• Autorizar o peche, incluíndo o desmantelamento, da infraestrutura gasista denominada Planta satélite de gas natural licuado (GNL) para apoio á rede de Lugo en MOP 16 bar, cuxa titularidade corresponde a Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O peche e desmantelamento de instalacións que se autoriza terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na documentación técnica presentada pola empresa titular das instalacións (proxecto e anexo 1) baixo a denominación «Desmantelamento dunha planta satélite de almacenamento e gasificación de gas natural licuado no municipio de Lugo», asinada polo enxeñeiro industrial Domenec Romeu (colexiado nº 8466 do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Cataluña) e con certificado de actuación profesional do 3.11.2016 e nº B-528659; e no cal figura un orzamento de 52.750 euros.

Segunda. Durante a execución do proxecto cumpriranse as condicións técnicas e de seguridade dispostas nos regulamentos vixentes que lle sexan de aplicación e, en particular, o disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e na súa ITC-ICG 04 plantas satélite de gas natural licuado (GNL), aprobados polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

Terceira. O prazo para o peche e desmantelamento que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa que sexa necesario obter para a execución dos traballos.

Unha vez rematados estes traballos, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a xefatura territorial, quen deberá redactala tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para o peche autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas