Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2017 Páx. 29180

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 2 de xuño de 2017 pola que se notifica o acordo de inicio de procedemento de desafiuzamento administrativo de instalacións de concesión administrativa con destino á construción dunha planta de engorda de rodaballo no porto de Tragove (Cambados).

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase a Alimentación Projoscar, S.L., mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, requirimento previo de desafiuzamento administrativo das instalacións correspondentes á concesión administrativa con destino á construción dunha planta de engorda de rodaballo no porto de Tragove (Cambados), por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos.

O presente requirimento previo emítese unha vez que por resolución da Presidencia de Portos de Galicia do 23 de novembro de 2016 se decreta a extinción anticipada por caducidade da concesión administrativa que se cita, e por non resultar posible a recuperación para a Administración das instalacións, ao non concorrer o concesionario ao acto de reversión para o que fora previamente citado.

O presente acto administrativo que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia, de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese en aplicación do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia.

O departamento deberá ser abandonado nun prazo máximo de 10 días contado desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, o que se formalizará coa entrega das chaves ao persoal de Portos de Galicia.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de 10 días hábiles contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, durante o cal poderán formularse alegacións e presentarse os documentos ou xustificacións que se consideren pertinentes.

De ser preciso o desafiuzamento, será executado co auxilio das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia