Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2017 Páx. 27044

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 23 de maio de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se convocan para o ano 2017 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

BDNS (Identif.): 349000.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que estean nun dos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade.

b) Ter unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2017/18.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto. No suposto de recursos que unicamente dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha, tampouco poderán ter recibido axudas financiadas con fondos EIE 2007-2013 para a construción da infraestrutura.

2. Todos os equipamentos citados no punto anterior deben cumprir os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, o requisito de ter presentadas no Consello de Contas de Galicia as contas ás cales se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, agás o permiso de inicio da actividade necesario para o financiamento das actuacións previstas no artigo 3.1.b) que, en todo caso, non poderá ser outorgado con data posterior ao 5 de decembro de 2017.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas ás corporacións locais para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados é un factor básico de impulso da calidade da atención prestada. Así mesmo, convócase esta axuda para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de maio de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se convocan para o ano 2017 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

Cuarto. Importe

Ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros con independencia do número de centros para os cales presente solicitude.

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón sesenta e catro mil trescentos seis euros (1.064.306 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social