Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017 Páx. 26206

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2017 pola que se nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se publican os parámetros de ponderación das materias de opción e troncais de modalidade da proba de avaliación do bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2017/18.

O Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora educativa, dispón no artigo 2.4.c) que as administracións educativas organizarán a realización material da avaliación final de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) en colaboración coas universidades, que asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas anteriores probas de acceso á universidade (PAU).

Igualmente, na Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2016/17, establécese no artigo 12 que as universidades asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coa proba de acceso á universidade que se viña realizando ata o curso 2016/17.

Na Resolución conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa do 21 de febreiro de 2017, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2017/18 (DOG núm. 60, do 27 de marzo de 2017), disponse que en Galicia as ditas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde do 24 de marzo de 2011, pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

Na referida Orde do 24 de marzo de 2011, no artigo 4.1), disponse que é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), como órgano interuniversitario, o que ten a delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso.

Por outra banda, no artigo 4.2 determínase que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria con data do 12 de marzo de 2001.

A Lei 6/2013, do 3 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, dispón no seu artigo 11 que, para o ingreso nos centros universitarios, as universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia se constitúen nun distrito único para os estudos de grao e máster e as/os estudantes poderán acceder a calquera desas universidades sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

Ao abeiro da referida normativa, as universidades do SUG aprobaron, respectivamente, o «Acordo das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios de grao do Sistema universitario de Galicia, para o curso 2017/18» e os «Parámetros de ponderación das materias de opción e troncais de modalidade da proba de avaliación do bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias de grao do Sistema universitario de Galicia» nos consellos de Goberno da Universidade da Coruña do 23 de febreiro de 2017 e do 27 de abril de 2017, nos consellos de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 3 de marzo de 2017 e do 5 de abril de 2017, e nos consellos de Goberno da Universidade de Vigo do 20 de marzo de 2017 e do 11 de maio de 2017.

De conformidade co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Nomeamento dos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia

Noméanse como membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para o curso 2016/17 as seguintes persoas:

Presidente:

Antón Fernández Álvarez (delegado do reitor da Universidade de Vigo).

Vicepresidentes:

Pedro Armas Diéguez (delegado do reitor da Universidade da Coruña).

Luís María Hervella Torrón (delegado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela).

Vogais en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

Mª del Carmen García Rodríguez.

Amparo Jiménez Carrión.

María Dolores Vázquez Froján.

Artigo 2. Publicación dos parámetros de ponderación

Publícanse no anexo desta orde os parámetros de ponderación das materias de opción e troncais de modalidade da proba de avaliación do bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2017/18.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file