Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017 Páx. 26203

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC).

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC) aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. María Concepción Mayo Lage, presidenta do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC) foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 9 de febreiro de 2017, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número 376 do seu protocolo, pola entidade Artedardo, S.L. que actúa representada pola súa administradora única, María Concepción Mayo Lage.

3. A Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC), segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto o fomento, a divulgación e a exhibición do deseño e das artes contemporáneas, prestando especial atención a Galicia e aos seus creadores.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade da fundadora (Artedardo, S.L.); a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por María Concepción Mayo Lage, en representación da entidade Artedardo, S.L., como presidenta; Sofía María de la Soledad Santos Pérez, como vicepresidenta; e Carlos Teijo García, como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 26 de abril de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 94, do 18 de maio) clasificouse de interese cultural a Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC), e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución Española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria corresponde a dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DIDAC).

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria