Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2017 Páx. 25656

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construcción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Abegondo (expediente IN407A 2015/281-1).

Expediente: IN407A 2015/281-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: recuamento LMT CES-705, lugar de Carballal.

Concello: Abegondo.

Feitos:

1. O 18 de setembro de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

Reforma da liña eléctrica de media tensión aérea CES-705, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,765 km, coa orixe en apoio nº 98 existente da LMT CES-705 (expediente 50.149), no tramo entre a derivada ao CT Folgoso (expte 50.397) e a derivada ao CT Rigueira (expediente 34.590), condutor tipo LA-56 mm2, e final no apoio nº 98/17 existente da LMT CES-705, onde se realiza o paso de aéreo a subterráneo da LMT Viós-Pendo (expediente 475/07).

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución de información pública: 3 de novembro de 2015.

– DOG: 5 de xaneiro de 2016.

– BOP: 22 de decembro de 2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 22 de xaneiro de 2016.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 3 de marzo de 2016.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

• Antonio Gómez Vázquez, actuando en nome dos herdeiros de Cesáreo Gómez Bello e Jesusa Vázquez Beade, mediante escrito do 14 de xaneiro de 2016, solicita a retirada da liña e instalación dunha liña alternativa alegando, en síntese, o seguinte:

– Que existen limitacións á constitución de servidume segundo o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 porque:

Pode instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público.

A lonxitude do trazado da nova liña proposta é menor que a proxectada.

É tecnicamente viable.

O orzamento da liña proposta non supera o 10 % da do proxectado.

– Non consideran a oferta económica da distribuidora suficiente.

– A actuación proxectada está feita cun parcelario antigo.

– E porque se evitaría a afección na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Destas alegacións deuse traslado ao promotor, que contestou:

• Escrito do 22 de marzo de 2016, en que se valoran as alegacións presentadas polos reclamantes, no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

– Que non é de aplicación o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 por tratarse dunha modificación dunha liña existente por motivos de eficiencia enerxética e tecnolóxica, non da instalación dunha nova, polo que debe aplicarse o artigo 140.2.

– Que cabe a solicitude de modificación de servidume por instancia do dono do predio servente, segundo o artigo 153 do Real decreto 1955/2000 e serán á súa custa os gastos da variación.

– O prexuízo ocasionado nos predios afectados será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia.

– Que cumpre toda a normativa e regulamentación en materia de seguridade ambiental.

– Que no caso desta parcela non existen limitacións ou prohibicións á constitución de servidume de paso establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

– Que presentan orzamento contraditorio das actuacións das instalacións propostas polo reclamante que supera o 10 % do orzamento orixinal.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar o lugar das instalacións, non se apreciou, nas leiras sometidas a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Que non procede atender a solicitude realizada por Antonio Gómez Vázquez polo seguinte:

O custo das instalacións propostas supera nun 10 % o das instalacións proxectadas.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que foren de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 12 de abril de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña