Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25287

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ourense

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de protección no núcleo de interese etnográfico de Seixalbo (expediente planeamento urbanístico 2013006003).

Anúnciase que o Pleno do Concello, en sesión ordinaria, do día 3 de marzo de 2017, adoptou entre outros, o seguinte acordo, cuxa parte dispositiva di:

«O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, aprobou o ditame e, na súa consecuencia, adopta o seguinte acordo:

1º. Aprobar definitivamente o Plan especial de protección no núcleo de interese etnográfico de Seixalbo, segundo o documento técnico para aprobación definitiva (DAD) redactado de oficio polo equipo redactor municipal do Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIS. E

2º. Comunicar a aprobación definitiva á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, dándolle traslado dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan aprobado definitivamente, debidamente dilixenciados polo secretario xeral do pleno do Concello, facendo constar o dito extremo».

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa e aproba definitivamente unha disposición de carácter xeral, só poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se publique o presente anuncio, ou ben no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte no que se entenda desestimado por silencio o recurso de reposición que se indica no seguinte parágrafo, se fora interposto, conforme o establecido nos artigos 64 do Real decreto lexislativo 7/2015; 52 da Lei reguladora das bases de réxime local; 194, 209 e concordantes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais; 45 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así coma os artigos 8, 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante poderá interporse recurso de reposición, con carácter potestativo, fundamentado exclusivamente en cuestións formais de procedemento administrativo referidas o presente expediente, no prazo dun mes ante o mesmo órgano que o ditou, conforme o establecido nos artigos 52 da Lei reguladora das bases de réxime local; 194, 209 e concordantes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e 45, 112, 113, 123 e da 124 Ley 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Os enderezos electrónicos nos que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público serán www.ourense.gal/urbanismo e www.planeamentourbanistico.xunta.es.

Con data do 4 de maio de 2017 recibiu o expediente a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O que se fai público de conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Ourense, 10 de maio de 2017

P.D. (Decreto 2017002214, do 30 de marzo)
José Jesús Cudeiro Mazaira
Concelleiro delegado de Urbanismo