Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25167

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Estrada

EDICTO de notificación de sentenza (252/1996).

Procedemento: menor contía 252/1996

Sobre outros menor contía

De: José Manuel Eyo Esmorís

Procurador: Francisco Javier Fernández Somoza

Contra: Gonzalo Eyo Esmorís, María de la Concepción Valladares Gestoso, Jesús López Valladares, María Concepción López Valladares, Francisco Eyo Esmorís, María Dolores Eyo Esmorís

Procurador: Manuel Sánchez Ortega

Cédula de notificación.

No procedemento de referencia ditouse a resolución do tenor literal seguinte:

«Sentenza.

A Estrada, 17 de setembro de 2007

Xuíz que a dita: María Pedreira García

Antecedentes de feito:

Primeiro. O procurador Francisco Javier Fernández Somoza, en nome e representación de José Manuel Eyo Esmorís presentou o día 18 de xuño de 1996 demanda de xuízo de menor contía, na que, tras alegar os feitos e os fundamentos de dereito que considerou aplicables, solicitaba que se ditase sentenza pola que se declare nulo o procedemento que con número 58/1993 se seguiu neste xulgado, por fraude de lei alegada e pola negativa á tutela xudicial efectiva que pretendidamente se produciu coa devandita actuación fraudulenta, con imposición de custas ao inicialmente demandado Manuel López Vázquez.

Segundo. O demandado compareceu en legal forma e contestou á demanda suplicando que se ditase sentenza pola que se desestime a demanda, con imposición de custas á contraparte. Así mesmo, formuláronse dúas excepcións: falta de xurisdición e inadecuación do procedemento.

Terceiro. Solicitado o recibimento a proba, practicáronse aquelas que, propostas polas partes, foron admitidas e se declarou pertinentes, co resultado que consta en autos. Tras o resumo de probas, o proceso quedou concluso para sentenza. Esta foi ditada o día 18 de febreiro de 1997. A devandita resolución foi apelada ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, quen o día 20 de abril de 1999 ditou sentenza pola que se declarou a nulidade de actuacións, con reposición dos autos á comparecencia do artigo 893 da Lei de axuizamento civil para que a demandante emendase o defecto de falta de litisconsorcio pasivo apreciado.

Cuarto. Retrotraéronse as actuacións ata a comparecencia do artigo 893, a cal se celebrou o día 12 de setembro de 2000, na que a parte demandante ampliou a demanda dirixíndoa contra Francisco Eyo Esmorís, María Dolores Eyo Esmorís, María del Carmen Eyo Esmorís, Gonzalo Eyo Esmorís e Erundina Eyo Esmorís. Tras a localización de todos eles para que contestasen á demanda, recibiuse o preito a proba, practicándose aquelas que foron propostas polas partes e declaradas pertinentes. Tras a súa práctica e o resumo das probas polas partes, quedou o presente preito visto para ditar a presente resolución.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. Exercita a parte demandante unha acción de nulidade do procedemento número 58/93, que se seguiu ante este xulgado, alegando fraude de lei e vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, ao ter sido emprazado por edictos por considerarse ausente, cando esta circunstancia non concorre neste.

Segundo. A parte demandada alegou como cuestión previa dúas excepcións, consistentes na incompetencia de xurisdición, así como a inadecuación do procedemento.

Entendemos que a demanda debe ser desestimada por inadecuación do procedemento, sen entrar no fondo do asunto, xa que, como di o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 15 de abril de 1996, recollendo a doutrina do Tribunal Constitucional mantida nas sentenzas 186/1991, 183/1993 e 134/1995, estableceu que a audiencia ao rebelde é a canle axeitada para que os tribunais da orde xurisdicional competente coñezan e resolvan sobre as eventuais indefensións ocasionadas nos seus xuízos, unha vez producidas sentenzas ditadas en procesos nos que non foi oída unha parte por causas que non lle sexan imputables e sempre que non poidan utilizar fronte a elas ningún recurso por ser firmes.

Consideramos que a existencia dos artigos 773 e seguintes da Lei de axuizamento civil de 1881 son claros ao respecto, ao establecer unha canle procedemental específica para atacar as decisións xudiciais que se ditaron cando unha parte foi declarado en rebeldía. Realizar este tipo de pretensións a través do procedemento ordinario correspondente sen atender ás especialidade da materia obxecto do procedemento implica deixar ás partes un dominio sobre normas imperativas do que carecen, polo que a demanda se vai desestimar por tal motivo.

O anterior dedúcese da aplicación dunha reiterada doutrina do Tribunal Constitucional (Sentenza número 186/1997, do 10 de novembro, Sentenza número 310/1993, do 25 de outubro, entre moitas outras), así como do Tribunal Supremo, o cal en Sentenza do 18 de xaneiro de 1995 dixo que: “o chamado recurso de audiencia ao rebelde, polo seu carácter especial, é un medio para obter a rescisión dunha sentenza firme e non pode ser concibido como un recurso, senón como unha acción impugnatoria autónoma que, se repite, exercítase fronte a unha sentenza que xa é firme”.

Segundo. Ao ter desestimado integramente as pretensións da parte demandante, a esta débenselle impoñer as custas do presente procedemento, por aplicación do artigo 523 da Lei de axuizamento civil do ano 1881.

Fallo:

Desestímase a demanda interposta polo procurador Francisco Javier Fernández Somoza, en nome e representación de José Manuel Eyo Esmorís contra Manuel López Vázquez, Francisco Eyo Esmorís, María Dolores Eyo Esmorís, María del Carmen Eyo Esmorís e Gonzalo Eyo Esmorís, todos eles representados polo procurador Luis Sanmartín Losada.

Impóñense as custas á parte demandante.

Notifíquese esta resolución ás partes interesadas, facéndolles saber que contra esta cabe recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, que se preparará neste xulgado no prazo de cinco días desde a súa notificación.

Por esta a miña sentenza, así acórdoo, mando e asino. Dou fe».

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Gonzalo Eyo Esmorís, esténdese o presente edicto para que sirva de cédula de notificación.

A Estrada, 16 de xuño de 2016

O/a secretario/a xudicial