Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24071

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de abril de 2017 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (Didac).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (Didac), con domicilio na rúa Pérez Constanti número 12, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 21 de febreiro de 2017 María Concepción Mayo Lage, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (Didac), constituíse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 9 de febreiro de 2017, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 376, pola entidade Artedardo, S.L. que actúa representada pola súa administradora única, María Concepción Mayo Lage.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o fomento, a divulgación e a exhibición do deseño e das artes contemporáneas prestando especial atención a Galicia e aos seus creadores.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Concepción Mayo Lage, en representación da entidade Artedardo, S.L., como presidenta; Sofía María de la Soledad Santos Pérez, como vicepresidenta, e Carlos Teijo García, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (Didac), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 17 de abril de 2017

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (Didac), adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza