Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24023

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 47/2017, do 27 de abril, polo que se aproban os estatutos e a modificación da denominación do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia por Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, regula no seu artigo 13 o procedemento de modificación de denominación dos colexios profesionais, atribuíndo facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo, sinalando que a aprobación do cambio de denominación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

En relación coa aprobación dos estatutos, establece a mesma norma no seu artigo 16 en relación co 18 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio acordou, en Asemblea Xeral que tivo lugar o 26 de decembro de 2016, a modificación da denominación e a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa cualificación de legalidade, aprobación definitiva e inscrición no rexistro de colexios, de conformidade co disposto na antedita Lei 11/2001.

En virtude do sinalado, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de abril de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación

Aprobar a modificación da denominación do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Artigo 2. Aprobación dos estatutos

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 3. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 54/2005, do 24 de febreiro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Preámbulo.

O obxecto da presente regulación consiste principalmente na adaptación e concordancia co Real decreto 877/2014, do 10 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais, o cal tiña, pola súa vez, por obxecto a aprobación duns estatutos adaptados á Lei 2/2007, do 5 de marzo, de sociedades profesionais, e ás modificacións lexislativas que en materia de colexios profesionais se recollen na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades e servizos, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, con afectación especial á Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Asemade, adáptanse e concórdanse de cheo coas reformas normativas efectuadas especificamente na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, en especial logo da redacción dada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Os estatutos toman en consideración, igualmente, o Código deontolóxico do traballo social aprobado de maneira unánime pola Asemblea Xeral do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais pola Asemblea Xeral extraordinaria do día 9 de xuño de 2012 (traballosocial.org).

E parten tamén da definición global de traballo social adoptada pola Asemblea Xeral da Federación Internacional de Traballo Social-FITS (International Federation of Social Workers-ITFS) e da Asociación Internacional de Colexios de Traballo Social-AICTS (International Association of Schools of Social Work (IASSW) en xullo de 2014 en Melbourne (Australia) y IASSW, aprobada, pola súa vez, pola Asemblea xeral ordinaria do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais por unanimidade o 13 de decembro de 2014.

Abórdase, finalmente, unha modificación en materia de organización interna e réxime electoral e unha revisión adaptando a linguaxe á perspectiva de xénero.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia é unha corporación de dereito público de carácter representativo do traballo social, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Composición

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia está composto polas persoas que teñan a titulación de graduadas en traballo social, diplomadas universitarias en Traballo Social ou Asistentes Sociais. A colexiación regularase polo artigo 3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, polos artigos 2 e 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e pola restante normativa que estea vixente en cada momento.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial deste colexio é o da Comunidade Autónoma de Galicia. O domicilio e a sede deste colexio están situados no baixo do edificio número 6 da rúa Dublín, na cidade de Santiago de Compostela. O colexio poderá establecer delegacións nas catro provincias de Galicia para o seu mellor funcionamento, que dependerán, en todo caso, da sede central radicada en Santiago de Compostela.

Artigo 4. Relacións coa Administración pública e con outras entidades públicas ou privadas

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia relacionarase directamente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, no referente aos aspectos institucionais, e a través da/das consellería/s competente/s en relación coa profesión e no referente aos seus contidos.

Do mesmo xeito, poderá formalizar convenios ou colaboracións con entidades públicas ou privadas e con colectivos de profesionais a nivel estatal ou internacional dentro do marco da lexislación vixente, incluíndo a prestación de servizos e a súa contratación.

Artigo 5. Normativa reguladora

Este colexio oficial rexerase polos presentes estatutos, polo regulamento de réxime interior e polos acordos tomados polos seus órganos de goberno de acordo coas respectivas competencias atribuídas nas normas estatais e autonómicas. Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios observarán os límites da normativa vixente en cada momento.

TÍTULO II
Fins e funcións do Colexio de Traballo Social de Galicia

Artigo 6. Fins do Colexio Oficial

Serán fins esenciais do Colexio Oficial de Traballo Social a ordenación e representación da profesión no seu ámbito territorial, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos das súas persoas colexiadas, todo isto sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Do mesmo xeito, o fomento e o desenvolvemento técnico e científico da profesión, a solidariedade profesional e o servizo da profesión á sociedade.

Artigo 7. Fins e funcións do colexio oficial

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia terá os seguintes fins:

1. Desempeñar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins, en particular, a ordenación do exercicio das profesións dentro do marco legal respectivo, a representación delas e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

2. Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da correspondente profesión.

3. Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a formación e o perfeccionamento deles.

4. Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

5. Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

Para o cumprimento dos seus fins, o colexio exercerá as funcións especificamente encomendadas na lexislación básica do Estado ou na lexislación autonómica, ademais das seguintes funcións propias:

a) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión no seu ámbito territorial ante as administracións públicas, órganos xudiciais, institucións públicas e privadas, e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, e exercer o dereito de petición conforme a lei, nos termos previstos na lexislación sobre colexios profesionais.

b) Ordenar a actividade das súas persoas colexiadas no ámbito da súa competencia, velando pola súa ética e dignidade profesional, así como conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos da cidadanía, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

c) Elaborar códigos deontolóxicos da profesión no ámbito das súas respectivas competencias de conformidade coas leis.

d) Exercer a potestade disciplinaria sobre as persoas colexiadas.

e) Exercer as accións legais e adoptar as medidas necesarias para evitar a intrusión profesional, o exercicio ilegal da profesión e a competencia desleal.

f) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando a persoa colexiada o solicite libre e expresamente, nos casos en que o colexio profesional teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se poidan determinar nestes estatutos.

g) Establecer e exixir as achegas económicas das persoas colexiadas.

h) Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

i) Elaborar criterios orientativos de honorarios para os exclusivos efectos da taxación das custas procesuais.

j) Visar os traballos profesionais das persoas colexiadas, unicamente cando así o soliciten estas por petición expresa dos seus clientes ou nos termos que indique a normativa vixente.

k) Manter regularmente informadas as persoas colexiadas e usuarias e a sociedade en xeral das actividades colexiais, así como de calquera cuestión que puider serlles de interese.

l) Suxeitarse na súa actuación ao principio de transparencia na súa xestión, e elaborar, cando menos, unha memoria anual que conteña, polo menos, a información exixida pola normativa vixente.

m) Organizar actividades dirixidas á formación e ao perfeccionamento profesional da colexiación e promover a investigación científica no terreo profesional, incluíndo o impulso, publicación ou difusión de estudos e publicacións sobre temas ou investigacións profesionais.

n) Participar de forma activa coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos plans de estudo e na preparación destes. Emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión e manter permanente contacto con eles, preparando a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional das novas profesionais, e estar representado nos padroados universitarios ou outras autoridades, órganos de goberno ou órganos colexiados, a petición destes centros, autoridades ou órganos.

o) Favorecer a promoción profesional e laboral das persoas colexiadas, procurando nichos de emprego, fomentando o emprendemento das persoas colexiadas e procurando as canles de apoio en materia de asesoría ou económico que acorden os órganos de goberno e representación.

p) Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas e sobre as sancións firmes impostas a elas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na normativa vixente e, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións, verificar que estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

q) Levar os rexistros de sociedades profesionais nos termos previstos na normativa vixente.

r) Dispor dun servizo de atención a consumidores e usuarios que atenderá e tramitará as queixas e reclamacións recibidas referidas á actividade da colexiación no seu ámbito profesional. A través deste servizo resolverase a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente a órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando outra decisión conforme a dereito. A regulación dese servizo preverá a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica.

s) Crear ou promover a creación de entidades ou figuras xurídicas vinculadas ao Colexio que poidan prestar servizos á cidadanía.

t) Participar na contratación pública da administración en materias de ámbito social.

u) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para a colexiación, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas no exercicio da súa.

v) Intervir como mediador ou en conciliación ou arbitraxe nos conflitos que xurdan entre as persoas colexiadas ou entre estas e as entidades para as cales prestan servizos ou as persoas usuarias, no ámbito profesional e cando sexa solicitado por ambas as partes, e mesmo pode resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas resultantes nos traballos realizados polas persoas colexiadas no seu exercicio profesional.

w) Actuar no ámbito da mediación, como corporación de dereito público para a resolución de conflitos con carácter extraxudicial nos termos previstos pola lexislación vixente para a mediación en asuntos civís e mercantís.

x) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos galegos de colexios.

y) Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten o seu ámbito profesional ou se refiran aos fins ou funcións propios dese ámbito profesional.

z) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia ou outras administracións públicas cando estas o requiran ou así se estableza na normativa vixente, e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

aa) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos en que se susciten cuestións que afecten materias da competencia profesional.

bb) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes, en particular por medio da realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas, designación de profesionais para procesos de selección de persoal ou de contratación pública e calquera outra relacionada coas súas funcións, por solicitude administrativa ou por propia iniciativa.

cc) Facilitar aos tribunais, conforme as leis, a relación de persoas colexiadas que poidan ser chamadas para interviren como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalas por si mesmos, segundo proceda.

dd) Garantir a prestación da función polas persoas colexiadas, cumprindo e facendo cumprir no seu ámbito as normativas xerais e especiais, así como os estatutos profesionais e normas de desenvolvemento, así como as decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

ee) Promover a acción asociada de individuos, grupos e comunidades afectados por unha problemática, co fin de lograr a súa participación activa para transformar a súa situación.

ff) Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais das persoas colexiadas ou da defensa dos dereitos das persoas usuarias e se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

TÍTULO III
Principios de xestión do Colexio Oficial de Traballo Social

Artigo 8. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único previsto na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación e para se daren de baixa nun colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o colexio fará o necesario para que a través deste portelo único as persoas colexiadas poidan:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso e o exercicio da súa actividade profesional.

b) Presentar toda a documentación e as solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesada e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución deles polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Convocar as persoas colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único o colexio ofrecerá ás persoas consumidoras ou usuarias a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e as condicións de acceso aos rexistros públicos de persoas colexiadas.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre unha persoa colexiada e unha destinataria ou usuaria do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Persoas Colexiadas, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: o nome e os apelidos, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

3. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias e incorporar nos seus respectivos ámbitos tecnoloxías compatibles que garantan o intercambio de datos.

Artigo 9. Servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e ás persoas colexiadas

1. O colexio disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e ás persoas colexiadas que, necesariamente, tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou das colexiadas sexan presentadas por calquera, mesmo por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O servizo poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se é o caso, corresponda.

3. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

Artigo 10. Memoria anual

1. O colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, coa obriga de elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica no cal se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen as retribucións dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, se é o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberase facer pública no primeiro trimestre de cada ano.

3. O colexio subministrará ao Consello Xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

TÍTULO IV
Do exercicio da profesión e das persoas colexiadas

CAPÍTULO I
Da profesión de traballo social

Sección 1ª. A profesión de traballo social

Artigo 11. Concepto da profesión do traballo social

1. A profesión de traballo social é unha profesión que é exercida en réxime de libre e leal competencia mediante a aplicación da ciencia e técnica do traballo social por quen se ache en posesión do título de grao ou diplomatura en Traballo Social ou Asistente Social.

2. De acordo coa Federación Internacional de Traballo Social, o traballo social conceptúase como unha profesión baseada na práctica e unha disciplina académica que promove o cambio e o desenvolvemento social, a cohesión social, e o fortalecemento e a liberación das persoas. Os principios da xustiza social, os dereitos humanos, a responsabilidade colectiva e o respecto á diversidade son fundamentais para o traballo social. Apoiada polas teorías do traballo social, as ciencias sociais, as humanidades e os coñecementos indíxenas, o traballo social involucra as persoas e as estruturas para facer fronte a desafíos da vida e aumentar o benestar.

3. Por medio da profesión do traballo social pódense desenvolver calquera das funcións previstas no artigo 19 destes estatutos, nos termos previstos pola normativa vixente en cada momento.

Sección 2ª. Modalidades do exercicio profesional, publicidade e honorarios

Artigo 12. Modalidades do exercicio

A actividade profesional poderá desenvolverse por conta propia ou allea baixo as modalidades de contratación laboral ou administrativa ou o estatuto funcionarial. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto nas leis e a normativa colexial non poderá establecer restricións ao exercicio profesional en forma societaria. En todo caso, os requisitos que obriguen a exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións, serán só os que se establezan por lei.

Artigo 13. Publicidade dos servizos

O e a traballador/a social que exerza a profesión por conta propia poderán realizar, en por si ou coa súa previa autorización, por outros, a publicidade dos seus servizos profesionais, con absoluto respecto, en calquera caso, á dignidade das persoas, ao segredo profesional e á Lei de defensa da competencia.

Aqueles/as profesionais do traballo social que presten servizos en gabinetes colectivos ou en empresas deberán velar por que a publicidade que as ditas entidades efectúen sobre servizos directa ou indirectamente relacionados coa súa profesión, obedezan a criterios de veracidade e obxectividade e cumpran a normativa deontolóxica nesta materia.

Artigo 14. Honorarios

O e a traballador/a social que exerza por conta propia a súa profesión ten dereito a unha compensación económica por parte das persoas ou entidades que requiran os seus servizos profesionais, así como, ao reintegro dos gastos que de tal exercicio profesional deriven.

A contía dos honorarios será libremente convida entre a persoa usuaria e o/a profesional, con respecto, en calquera caso, ás normas deontolóxicas e de defensa da competencia.

Sección 3ª. Facultades xerais e específicas dos/das traballadores/as sociais

Artigo 15. Facultades xerais

1. Os/as traballadores/as sociais están facultados/as para exercer as funcións que lles outorga o seu saber teórico-científico e con carácter xeral dedícanse ao fomento do benestar do ser humano e a potenciar a súa realización, ademais de desenvolver e aplicar a súa disciplina científica tanto ás relacións humano-societais, como aos servizos sociais destinados a satisfacer as necesidades e aspiracións de individuos e grupos nacionais e internacionais, tendo sempre en conta a promoción da política social.

2. Así mesmo, son profesionais cuxas funcións profesionais se orientan a:

a) Axudar ás persoas a desenvolver as capacitacións que lles permitan resolver problemas sociais individuais e colectivos.

b) Promover a facultade de integración e desenvolvemento individual das persoas.

c) Promover e actuar para o establecemento de servizos e políticas sociais adecuadas ou de alternativas para os recursos socioeconómicos existentes.

d) Facilitar información e conexións sociais cos organismos de recursos socioeconómicos.

3. Para os efectos anteriores, os/as traballadores/as sociais están facultados para planificar, programar, proxectar, calcular, aplicar, coordinar e avaliar os servizos e as políticas sociais destinados a persoas, grupos e comunidades, actuando en múltiples sectores funcionais.

4. Así mesmo, poderán exercer a profesión nun amplo marco de ámbitos organizativos, canalizando recursos e prestacións a diversos sectores da poboación, a nivel microsocial, social intermedio e macrosocial, realizando estudos referentes á planificación, programación e desenvolvemento das políticas sociais de ámbito estatal, autonómico e local, mediante a aplicación das técnicas profesionais correspondentes.

Igualmente, poderán efectuar estudos relativos ás políticas sociais, o seu comportamento e avaliación de resultados na súa aplicación.

Artigo 16. Facultades específicas

1. Os/as traballadores/as sociais están facultados/as de maneira concreta, exclusiva e específica para a utilización e aplicación dos instrumentos propios do traballo social propostos para o tratamento, formulación de prognósticos e resolución técnica dos problemas sociais aplicando a metodoloxía específica en que se integra o traballo social de caso, grupo e comunidade, emitindo e asinando o informe social pertinente, tras a verificación da información obtida.

2. Así mesmo, os/as traballadores/as sociais están facultados para emitir os ditames profesionais que lles sexan requiridos e lles encomenden clientes ou usuarios dos seus servizos, persoas físicas ou xurídicas, empresas ou entidades públicas ou privadas e Administración pública en xeral, e, en particular, áchanse facultados para comparecer en calidade de peritos nos procesos e actuacións xudiciais de calquera índole e ámbito xurisdicional onde sexa precisa a práctica da súa pericia conforme as directrices técnico-científicas do traballo social.

Sección 4ª. Funcións profesionais e ámbitos de actuación profesional

Artigo 17. Funcións profesionais

1. As funcións que desenvolverán os/as traballadores/as sociais no exercicio profesional, tanto por conta propia como allea, son as seguintes:

a) Función preventiva.

Actuación precoz sobre as causas que xeran problemáticas individuais e colectivas, derivadas das relacións humanas e da contorna social. Elaborar e executar proxectos de intervención para grupos de poboación en situacións de risco social e de carencia de aplicación dos dereitos humanos.

b) Función de atención directa.

Responde á atención de individuos ou grupos que presentan ou están en risco de presentar problemas sociais.

O seu obxecto será potenciar o desenvolvemento das capacidades e facultades das persoas, para afrontar por si mesmas futuros problemas e integrarse satisfactoriamente na vida social.

c) Función de planificación.

É a acción de ordenar e conducir un plan de acordo cuns obxectivos propostos, contidos nun programa determinado mediante un proceso de análise da realidade e do cálculo das súas probables evolucións.

Esta función pódese desenvolver a dous niveis:

i. Nivel microsocial: que comprende o deseño de tratamentos, intervencións e proxectos sociais.

ii. Nivel macrosocial: que comprende o deseño de programas e servizos sociais.

d) Función docente.

Impartir ensinanzas teóricas e prácticas de traballo social e de servizos sociais, tanto nas propias escolas universitarias de traballo social como noutros ámbitos académicos.

Contribuír á formación teórico-práctica pregrao e posgrao do alumnado de traballo social e doutras disciplinas afíns.

Os e as traballadores/as sociais son os/as profesionais idóneos para impartir a docencia nas materias de traballo social e servizos sociais.

e) Función de promoción e inserción social.

Realízase mediante actuacións encamiñadas a restablecer, conservar e mellorar as capacidades, a facultade de autodeterminación e o funcionamento individual ou colectivo.

Deseñar e implementar as políticas sociais que favorezan a creación e reaxuste de servizos e recursos adecuados á cobertura das necesidades sociais.

f) Función de mediación.

Na función de mediación o/a traballador/a social actúa como catalizador/a, posibilitando a unión das partes implicadas no conflito co fin de posibilitar coa súa intervención que sexan as propias persoas interesadas quen logre a súa resolución.

g) Función de supervisión.

Proceso dinámico de capacitación mediante o cal os/as traballadores/as sociais responsables da execución dunha parte do programa dun servizo reciben individualmente a axuda dun/ha profesional do traballo social coa finalidade de aproveitar da mellor forma posible os seus coñecementos e habilidades e perfeccionar as súas aptitudes de forma que executen as súas tarefas profesionais dun modo máis eficiente e con maior satisfacción, tanto para eles mesmos como para o servizo.

h) Función de avaliación.

Constatar os resultados obtidos nas distintas actuacións, en relación cos obxectivos propostos, tendo en conta técnicas, medios e tempo empregados.

Asegurar a dialéctica da intervención. Indica erros e disfuncións no realizado e permite propor novos obxectivos e novas formas de conseguilos. Favorece as achegas teóricas ao traballo social.

i) Función xerencial.

Desenvólvese cando o/a traballador/a social ten responsabilidades na planificación de centros, organización, dirección e control de programas sociais e servizos sociais.

j) Función de investigación.

Proceso metodolóxico de descubrir, describir, interpretar, explicar e valorar unha realidade, a través dun traballo sistematizado de recollida de datos, establecemento de hipóteses e verificación destas, empregando para isto técnicas profesionais e científicas co fin de contextualizar unha adecuada intervención e/ou acción social planificada.

k) Función de coordinación.

Determinar metodoloxicamente as actuacións dun grupo de profesionais, dentro dunha mesma organización ou pertencentes a diferentes organizacións, a través da concertación de medios, técnicas e recursos, co fin de determinar unha liña de intervención social e obxectivos comúns con relación a un grupo poboacional, comunidade ou caso concreto.

l) Función de organización e dinamización comunitaria.

2. As funcións reflectidas nas alíneas 1.a), b), c), e), f), g), h) e k) do presente artigo poderán desenvolverse de maneira interrelacionada, de acordo coa metodoloxía específica en que se integra o traballo social de caso, grupo e comunidade.

Sección 5ª. Instrumentos da profesión do traballo social

Artigo 18. Instrumentos propios

Son instrumentos propios do/da traballador/a social no exercicio da súa profesión os seguintes:

1. Historia social. É o documento en que se rexistran exhaustivamente os datos persoais, familiares, sanitarios, de vivenda, económicos, laborais, educativos e calquera outro significativo da situación sociofamiliar dunha persoa usuaria, a demanda, o diagnóstico e subseguinte intervención, e a evolución de tal situación.

2. Informe social. O informe social é o ditame técnico que serve de instrumento documental que elabora e asina co seu número de colexiada/o con carácter exclusivo. O seu contido deriva do estudo, a través da observación e a entrevista, onde queda reflectida en síntese a situación obxecto, valoración, un ditame técnico e unha proposta de intervención profesional.

3. Ficha social. É o soporte documental do traballo social en que se rexistra a información sistematizable da historia social.

4. Escalas de valoración social. É un instrumento científico que serve para identificar situacións sociais nun momento dado. Permite elaborar un diagnóstico social.

5. Proxecto de intervención social. É o deseño que comprende unha avaliación-diagnóstico da situación e persoas, grupo ou comunidade con quen actuar, unha determinación de obxectivos operativos, actividades e tarefas, utilización de recursos, temporalización e criterios de avaliación.

CAPÍTULO II
Do exercicio da profesión

Artigo 19. Incorporación ao colexio

Poderán incorporarse ao Colexio, nos termos que a lei estableza, en igualdade de dereitos corporativos, quen se atope en posesión do título de diplomado/a en Traballo Social, Asistente Social ou graduado/a en Traballo Social.

Artigo 20. Requisitos do exercicio profesional

Son requisitos indispensables para o exercicio da profesión:

1. Acharse en posesión do título de diplomado/a en Traballo Social, Asistente Social ou graduado/a en Traballo Social.

2. Cando for obrigatorio, nos termos previstos no artigo 2 destes estatutos, acharse incorporado/a o colexio onde radique o domicilio profesional único ou principal da persoa interesada, requisito suficiente para que a poida exercer a súa actividade en todo o territorio do Estado. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio de persoas consumidoras e usuarias, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de cooperación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, producirán efectos en todo o territorio español.

3. Non acharse incapacitado/a legalmente. Non acharse inhabilitado/a ou suspendido/a, en virtude de sentenza firme, para o exercicio da profesión.

4. Non acharse baixo sanción disciplinaria de suspensión do exercicio profesional ou expulsión do correspondente colexio oficial de traballo social.

Artigo 21. Adquisición da condición de colexiado/a

1. Para adquirir a condición de colexiado/a será necesaria a presentación da solicitude á Xunta de Goberno do Colexio e presentar os documentos seguintes:

a) Ser maior de idade.

b) Título profesional, fotocopia compulsada deste ou, se é o caso, certificación académica acreditativa da terminación dos estudos, con resgardo do pagamento dos dereitos de expedición do título, ata a entrega deste, momento en que deberá presentalo no Colexio para o seu rexistro. Os/as profesionais cuxo título de traballador social fose expedido por outros Estados membros da Unión Europea deberán xuntar, ademais do respectivo título académico, a correspondente resolución de recoñecemento deste para o exercicio da profesión en España. Nos casos de títulos expedidos por países non membros da Unión Europea, xuntarán o correspondente título de convalidación dos seus estudos cos de titulado en Traballo Social.

c) Será necesario que a persoa interesada satisfaga a cota de inscrición que determine o colexio correspondente, que en ningún caso poderá superar o custo de tramitación.

No caso de que o/a solicitante xa estea inscrito/a noutro colexio de diferente ámbito territorial, será suficiente que achegue certificación deste último, acreditativa do período de colexiación e do pagamento das cotas que lle corresponderon en tal período. O certificado remitirase dun colexio para outro, póndoo en coñecemento do Consello Xeral de Colexios do Traballo Social.

A Xunta de Goberno acordará a admisión, sempre que se cumpran os requisitos sinalados, na seguinte sesión en que sexa convocada, que en termo máximo debería estar no mes seguinte ao da solicitude.

d) A adquisición da condición de colexiado/a farase efectiva mediante a correspondente resolución expresa do Colexio, logo de constatación do cumprimento dos requisitos previstos no número 1 deste artigo.

e) Nos casos de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente recollida no Real decreto 1837/2008.

2. A Xunta de Goberno poderá denegar a colexiación nos seguintes casos:

a) Por non cumprir algún dos requisitos do punto anterior.

b) Ter sido condenado/a por sentenza ou resolución administrativa firme que leve unida a inhabilitación do exercicio profesional, a non ser que tiver sido extinguida a correspondente responsabilidade.

Contra o acordo denegatorio de colexiación, que deberá comunicarse ao/á interesado/a debidamente razoado, cabe recurso de reposición ante a Xunta de Goberno, no prazo dun mes. Contra a resolución do recurso de reposición poderá formular a persoa interesada os recursos que procedan conforme a lei e estes estatutos, tanto en vía administrativa como en vía xudicial.

Artigo 22. Perda da condición de colexiado/a

A condición de colexiado/a perderase:

1. Baixa voluntaria da persoa interesada presentando a correspondente solicitude dirixida á presidencia da xunta de goberno do respectivo colexio, á cal se deberá xuntar documento que acredite o cesamento ou baixa no exercicio da profesión, ou pola súa incorporación a outro colexio oficial de traballo social.

2. Non satisfacer durante o prazo dun ano o pagamento das cotas colexiais, logo de requirimento de pagamento e audiencia do/da colexiado/a, e sen prexuízo de seguir manténdose o importe da débeda causante da baixa, que poderá ser exixida de maneira independente pola vía que corresponda.

3. Ser condenado/a por sentenza ou resolución administrativa firme que leve unida a inhabilitación do exercicio profesional, en tanto non quede extinguida a correspondente responsabilidade.

4. Ser suxeito de sanción disciplinaria firme de expulsión do Colexio.

Artigo 23. Reincorporación

A reincorporación ao Colexio rexerase polas mesmas normas que a incorporación, e o/a solicitante, deberá acreditar, se for o caso, o cumprimento da sanción, cando este for o motivo da súa baixa.

Artigo 24. Precolexiación

O Colexio poderá aprobar un regulamento interno que regule o acceso a determinadas accións ou actividades da entidade do estudantado das escolas e facultades de traballo social de Galicia.

Estas persoas poderán participar da vida e accións do colexio baixo a denominación de precolexiada nos termos previstos regulamentariamente.

1. A precolexiación non habilitará en ningún caso para o exercicio profesional.

2. A precolexiación só é un mecanismo para achegar a profesión ao estudantado creando sinerxías cara ao seu futuro como profesionais do traballo social. Esta figura, que non avala para o exercicio da profesión, será regulada nun regulamento específico en que se indicarán os servizos colexiais a que teñen acceso e as obrigas para poderen optar á precolexiación.

Artigo 25. Distincións e premios

A Xunta de Goberno poderá propor á Asemblea o nomeamento de membro de honra do Colexio ás persoas que, polos seus merecementos científicos, técnicos ou profesionais e sexa cal for a súa titulación, contribuísen ao desenvolvemento da profesión ou do traballo social en xeral. Do mesmo xeito, poderá acordar o seguinte réxime de distincións e premios:

1. A Asemblea poderá acordar, por proposta da súa Xunta de Goberno ou por iniciativa dun número de colexiados superior a un dez por cento do total, as recompensas e premios que se especifican, e que se farán constar no expediente persoal:

2. Felicitacións ou mencións honoríficas.

3. Proposta á Administración pública para a concesión de condecoracións ou calquera outro tipo de honras.

4. Publicación con cargo aos fondos do colexio de premios con base en traballos de destacado valor profesional que serán regulados mediante convocatoria que os regule.

5. Aqueloutros de tipo económico que a Xunta de Goberno considere e as dispoñibilidades económicas permitan.

CAPÍTULO III
Dos dereitos e deberes dos colexiados e colexiadas e da regulación
do segredo profesional

Sección 1ª. Dereitos e deberes dos/das colexiados/as

Artigo 26. Dereitos das persoas colexiadas

Son dereitos dos/das colexiados/as:

1. Exercer a profesión do traballo social con plena liberdade, dentro do marco xurídico, deontolóxico e estatutario.

2. Participar como elector/a e como elixible en cantas eleccións se convoquen no Colexio, intervir de modo activo na vida do Colexio, ser informado/a e participar con voz e voto nas asembleas.

3. Ser asistido/a, asesorado/a e defendido/a polo Colexio, de acordo cos medios de que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, en cantas cuestións se susciten con motivo do exercicio profesional.

4. Participar, dentro do respecto ao resto de persoas colexiadas, do uso e goce dos bens e servizos do Colexio nas condicións estatutariamente establecidas.

5. Formar parte das comisións ou seccións que se establezan.

6. Beneficiarse das actividades e servizos comúns de interese para as persoas colexiadas de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de prevención.

7. Ser representado pola Xunta de Goberno do Colexio cando necesiten presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais e entidades oficiais ou particulares, sempre que sexan consecuencia do exercicio profesional.

8. Formular ante a Xunta de Goberno as queixas, peticións e suxestións que considere oportuno.

9. Recibir información regular sobre a actividade colexial e de interese profesional.

10. Examinar os libros de contabilidade e de actas do Colexio, logo de solicitude, así como de solicitar a expedición de certificacións daqueles acordos que o/a afecten persoalmente.

11. Solicitar do Colexio o visado dos traballos profesionais.

12. Gardar segredo profesional e obter a protección do colexio profesional no uso e mantemento do segredo profesional.

13. Promover actuacións dos órganos de goberno por medio de iniciativas formuladas nos termos estatutarios.

14. Crear grupos de traballo de intereses específicos, con sometemento en todo caso aos órganos de goberno.

15. Remover o/a titular dos órganos de goberno mediante votos de censura.

Artigo 27. Deberes das persoas colexiadas

Son deberes dos/das colexiados/as:

1. Exercer a súa profesión de acordo coa ética profesional.

2. Empregar a maior corrección e lealdade nas súas relacións co colexio e con outras persoas colexiadas, comunicando calquera incidencia vexatoria a unha persoa colexiada no exercicio profesional de que teña coñecemento.

3. Gardar segredo profesional, sen prexuízo das comunicacións interprofesionais encamiñadas ao correcto tratamento dos casos.

4. Cumprir as normas corporativas, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio.

5. Satisfacer as cotas e demais cargas corporativas, ordinarias ou extraordinarias, de acordo co establecido nos estatutos particulares dos colexios.

6. Comunicar ao Colexio os cambios de residencia ou domicilio e manter permanentemente actualizados os datos persoais previamente comunicados ao Colexio.

7. Desempeñar dilixentemente os cargos para os que fose elixido/a e cumprir os encargos que os órganos de goberno do Colexio poidan encomendarlles.

8. Participar activamente na vida colexial asistindo ás asembleas e ás comisións a que sexa convocado/a.

9. Cooperar coa Xunta de Goberno e facilitar información nos asuntos de interese profesional en que sexa requirido/a, así como naqueloutros que as persoas colexiadas consideren oportuno.

10. Non prexudicar os dereitos profesionais ou corporativos doutros/as colexiados/as.

11. Notificar ao Colexio calquera acto de intrusión profesional ou exercicio ilegal da profesión de que tiveren coñecemento, para que este adopte as medidas necesarias na súa evitación.

12. Levar coa máxima lealdade as relacións co Colexio e cos/cas demais colexiados/as.

13. Comparecer ante os órganos colexiais cando sexan requiridos para iso.

14. Calquera outro deber que derive dos estatutos do Colexio ou das prescricións xurídicas, éticas ou deontolóxicas vixentes en cada momento.

Sección 2ª. Do segredo profesional

Artigo 28. Concepto e condicionantes

O segredo profesional é un dereito e un deber do e da traballador/a social, dereito e deber que permanecen mesmo despois de cesar a prestación dos servizos profesionais.

1. O/a traballador/a social debe gardar segredo de todo o que as persoas usuarias/clientes lle transmitan e confíen, así como do que coñeza no seu exercicio profesional. Tanto a recollida como a comunicación de datos deben ser restrinxidas ás necesidades da intervención profesional.

2. A información que lle sexa requirida ao profesional para efectos estatísticos, de planificación, avaliación de programas ou outros debe facilitala sen os datos identificativos das persoas usuarias/clientes.

3. Os sistemas de información dos datos contidos en fichas, historias, expedientes e informes sociais deben garantir o dereito á intimidade da persoa usuaria, e o acceso á citada información será restrinxido aos/as profesionais directamente implicados/as na práctica profesional e sempre respectando a LOPD.

4. A interrupción ou finalización da relación profesional ou a morte da persoa usuaria/cliente non exime o traballador social do deber de gardar o segredo profesional.

5. O/a traballador/a social que se atope en situación de sufrir unha perturbación polo mantemento do segredo profesional debe comunicalo por escrito á xunta de goberno do seu colexio oficial para obter a defensa e protección colexial no uso do segredo dentro da súa actuación profesional.

6. Non se vulnera o segredo profesional nos seguintes supostos:

a) Pola realización da actividade profesional en equipo, sempre que o que se revele sexa necesario para a intervención profesional.

b) Na relación e colaboración do e da traballador/a social con profesionais de distinto ámbito técnico ou doutras disciplinas, sempre que a dita colaboración se produza no marco da intervención profesional.

c) Se co mantemento do segredo profesional se producir un prexuízo á persoa usuaria/cliente por causa da súa incapacidade física ou psíquica, ou se danaren os intereses de terceiros, declarados incapaces ou non.

d) Para evitar unha lesión notoriamente inxusta e grave que a garda do segredo profesional puider causar ao/á profesional ou a un terceiro.

7. Cando o/a profesional for relevado do segredo profesional polo propio usuario/cliente ou os seus herdeiros. O devandito acto de substitución deberá constar por escrito.

8. Nos casos establecidos nas alíneas c) e d) do presente artigo, os/as traballadores/as sociais deben ser relevados/as da garda do segredo profesional pola xunta de goberno do colexio oficial onde se achen colexiados/as, previo asesoramento da comisión deontolóxica cando a haxa.

TÍTULO V
Dos órganos de goberno dos colexios

CAPÍTULO PRELIMINAR

Artigo 29. Órganos de representación

Os órganos de representación, goberno e administración do colexio serán os seguintes:

– Asemblea Xeral, como órgano plenario.

– Xunta de Goberno, como órgano de goberno.

– Presidencia, como órgano presidencial.

CAPÍTULO I
Asemblea Xeral

Artigo 30. Composición e natureza

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno do Colexio e está constituída pola totalidade dos/das colexiados/as. Os seus acordos e resolucións validamente adoptados obrigan as persoas colexiadas, incluídas as que voten en contra deles, se absteñan ou se achen ausentes.

Artigo 31. Funcionamento

A Asemblea Xeral poderá reunirse con carácter ordinario e extraordinario.

1. A Asemblea Xeral ordinaria terá lugar, polo menos, unha vez ao ano, e debe reunirse durante o primeiro semestre.

2. A Asemblea Xeral extraordinaria terá lugar cando o acorde a Xunta de Goberno, ou cando o solicite un número de colexiados/as que representen un dez por cento, do total como mínimo. A petición farase mediante escrito en que consten os asuntos que se van tratar.

3. A convocatoria das asembleas, tanto ordinarias como extraordinarias, verificarase por acordo da Xunta de Goberno, indicando o lugar, a data e a hora de reunión, tanto en primeira como en segunda convocatoria, e a orde dos asuntos que se van tratar, con quince días de antelación e mediante escrito dirixido a todos/as os/as colexiados/as.

4. Todas as persoas colexiadas teñen o dereito de asistir con voz e voto ás asembleas xerais que se celebren, e admitirase a representación e o voto por delegación, mediante autorización escrita e para cada asemblea, a dita delegación debe necesariamente recaer noutra persoa colexiada.

Só serán válidas as representacións entregadas ao secretario antes de dar comezo a Asemblea.

Para todo caso, a elección dos membros do órgano de goberno dos colexios profesionais farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto poderase exercer persoalmente ou por correo. En ningún caso caberá delegación de voto para a elección de membros de órganos de goberno.

Artigo 32. Constitución e toma de acordos

1. A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos/das colexiados/as, en primeira convocatoria, e calquera que sexa o seu número na segunda, que terá lugar trinta minutos despois da hora en que fose convocada a primeira.

2. A Asemblea Xeral estará presidida polo/a presidente/a do Colexio ou membro da Xunta de Goberno en quen delegue. O/a presidente/a, ou persoa en que delegue, asumirá as funcións de moderador/a da Asemblea. O/a secretario/a da Xunta de Goberno serao tamén da Asemblea.

3. Os acordos tomaranse por maioría simple, e os empates dirimiraos o voto de calidade do presidente ou de quen legalmente o substitúa. As votacións serán secretas cando así o solicite un/unha dos/das colexiados/as asistentes á Asemblea e sexa aprobado por maioría simple dos/das concorrentes. En ningún caso se poderá adoptar acordo respecto de cuestións que non figuren na orde do día da reunión.

4. De cada sesión levantarase acta en que se farán constar as circunstancias de lugar, asistencia, asuntos tratados e intervencións, así como acordos adoptados, e deberá ser asinada polo/a presidente/a e o/a secretario/a.

As actas deberán ser aprobadas na seguinte reunión da Asemblea Xeral, o que quedará reflectido na orde do día da convocatoria.

Artigo 33. Funcións da Asemblea Xeral

Son funcións da Asemblea Xeral:

1. Aprobar os estatutos particulares do Colexio, os regulamentos de réxime interior e as normas reitoras de organización e funcionamento do Colexio, así como as súas respectivas modificacións.

2. A aprobación da memoria anual presentada pola Xunta de Goberno.

3. Aprobar os orzamentos para o seguinte exercicio e a conta de ingresos e gastos do exercicio anterior, así como o plan de actividades e as cotas colexiais por proposición da Xunta de Goberno.

4. Decidir sobre o investimento dos bens colexiais.

5. Deliberar e acordar sobre todas as demais cuestións que someta á súa competencia a Xunta de Goberno ou lle atribúan estes estatutos.

6. Exixir responsabilidade do/da presidente/a e dos/das restantes membros da Xunta de Goberno, promovendo, se for o caso, moción de censura.

7. Decidir sobre todas aquelas cuestións da vida colexial que lle sexan normativa ou estatutariamente atribuídas.

8. Acordar a disolución do Colexio.

9. A elección do órgano de goberno e da presidencia, e a súa remoción por medio da moción de censura.

10. A aprobación da xestión do órgano de goberno e da presidencia.

CAPÍTULO II
A Xunta de Goberno

Artigo 34. Xunta de Goberno. Natureza e composición

1. A Xunta de Goberno é o órgano colexial representativo e executivo ao cal corresponde o goberno e administración do Colexio, conforme a legalidade vixente e os estatutos colexiais.

2. A Xunta de Goberno estará constituída por:

a) Un/unha presidente/a, que terá a representación legal do colexio profesional, ademais das funcións que lle encomenden os estatutos, e poderá tamén recibir a denominación de decano ou calquera outra que lle outorguen os estatutos.

b) Un/unha vicepresidente/a.

c) Un/unha secretario/a, que terá o carácter de fedatario dos actos e acordos do colexio.

d) Un/unha tesoureiro/a.

e) Seis vogais.

3. As persoas membros da Xunta de Goberno serán elixidas polo procedemento establecido nestes estatutos, por un período de 4 anos.

Artigo 35. Cesamentos dentro da Xunta de Goberno

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán nos seguintes supostos:

a) Termo do mandato.

b) Renuncia, que terá efectos ao día seguinte da celebración da primeira Xunta de Goberno posterior á data de notificación daquela.

c) Perda sobrevida das condicións de elixibilidade.

d) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido na lexislación vixente en cada momento.

e) Morte ou declaración de falecemento.

f) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido na lexislación vixente en cada momento.

g) Aprobación dunha moción de censura ou perda dunha cuestión de confianza.

h) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno.

2. Se, por calquera causa, cesa no seu cargo máis do 40 % das persoas membros da Xunta de Goberno, esta convocará Asemblea Xeral extraordinaria e proporá nomes entre os/as colexiados/as para cubrir as vacantes.

Artigo 36. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase en sesións ordinarias e extraordinarias como mínimo unha vez ao mes. Esta reunión, por cuestións organizativas, poderá ter lugar nos primeiros 10 días do mes seguinte.

2. Será obrigatoria a asistencia de todos os membros da Xunta de Goberno ás sesións, e entenderase como renuncia ao cargo a ausencia non xustificada a tres reunións consecutivas, se así o acorda a Xunta de Goberno.

3. A convocatoria será única, con lugar, día e hora concretos, sen segunda convocatoria.

4. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída se asisten a ela cando menos a presidencia e a secretaría, ou quen as substitúa, e ademais sumen os presentes ou representados a metade máis un dos membros da Xunta Directiva. Os membros ausentes poderán ser representados por outro membro da Xunta de Goberno, co límite de que ningún membro da Xunta de Goberno teña a representación de máis dun membro ausente. A representación deberá constar previamente ao inicio da xuntanza e por escrito asinado polo ausente.

5. Todos os acordos da Xunta de Goberno serán adoptados por maioría simple dos seus asistentes, e o empate será dirimido polo voto da Presidencia ou quen a substitúa.

6. Dos acordos e xuntanzas levantarase acta, e con respecto a estas, e igualmente con respecto a calquera outro aspecto non regulado, aplicaranse as normas xerais para órganos colexiados das distintas administracións públicas previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

7. A Xunta de Goberno poderá obter remuneración e axudas de custo polas horas e asistencias derivadas da súa actividade de organización colexial nos casos e condicións previstos pola normativa vixente, e as contías serán acordadas pola propia Xunta de Goberno.

Artigo 37. Funcións da Xunta de Goberno

Serán funcións da Xunta de Goberno:

1. Exercer a representación do colexio.

2. Velar polo cumprimento e execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral, así como promover as iniciativas que pola devandita Asemblea lle sexan encomendadas.

3. Dirixir a xestión e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins.

4. Representar os intereses profesionais cerca dos poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

5. Establecer e organizar os servizos necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais.

6. Resolver as solicitudes de colexiación.

7. Administrar os fondos e bens do colexio, así como recadar as cotas de toda clase que deban satisfacer os/as colexiados/as.

8. Confeccionar, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral, os orzamentos económicos anuais e render contas da súa execución.

9. Confeccionar, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral, a memoria anual de actividades, a memoria económica e render contas ante aquela.

10. Informar os/as colexiados/as das actividades e acordos do Colexio, e dar resposta ás consultas que aqueles expoñan.

11. Exercer a potestade disciplinaria sobre as persoas colexiadas.

12. Convocar eleccións para os cargos da Xunta de Goberno, cando cumpra, e na forma que dispoñen estes estatutos.

13. Convocar Asemblea Xeral, fixar a data de celebración e a orde do día das súas sesións, segundo o preceptuado nestes estatutos.

14. Cambiar o domicilio social do Colexio e dar conta disto na primeira Asemblea Xeral que se celebre.

15. Dirimir os conflitos que poidan suscitarse entre os/as colexiados/as no exercicio da profesión.

16. Elaborar e propor o proxecto de regulamento de réxime interior e as súas modificacións para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral e propor a esta a modificación dos estatutos.

17. Tomar todo tipo de acordos dirixidos ao cumprimento dos fins e funcións do Colexio sempre que non estean expresamente atribuídos á Asemblea Xeral ou á Presidencia do Colexio, e ordenar o procedente para que sexan executados. Expresamente, e a modo meramente enunciativo, corresponde á Xunta de Goberno acordar a presentación de escritos, reclamacións, solicitudes, demandas e recursos, xudicial ou extraxudicialmente, e en defensa dos intereses dos colexiados, o Colexio ou a profesión. Igualmente, corresponde á Xunta de Goberno a facultade de acordar ou asumir compromisos en nome do Colexio, que impliquen incluso o seu endebedamento ou a obtención de avais, e iso dentro dos límites fixados estatutariamente. Esta facultade pode ser delegada na Presidencia.

18. Informar a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia das modificacións realizadas nos estatutos e no regulamento de réxime interior, dentro do prazo dun mes desde a súa aprobación pola Asemblea Xeral, para o seu control de legalidade e posterior publicación no DOG.

Artigo 38. Comisión Permanente

A Xunta de Goberno poderá actuar, se así o acorda, en Comisión Permanente, que estará constituída, polo menos, polo/a presidente/a, vicepresidente/a, o/a tesoureiro/a, o/a secretario/a. A Comisión Permanente asumirá as funcións que nela delegue a Xunta de Goberno.

Artigo 39. Comisións asesoras e de traballo

A Xunta de Goberno poderá constituír comisións asesoras e comisións de traballo non permanentes, se así o acorda, e aprobará, de ser o caso, o regulamento destas.

Artigo 40. Presidencia do Colexio

Serán funcións da Presidencia, que ten a representación do colexio, executa os acordos do órgano de goberno e exerce cantas facultades e funcións lle confiren os estatutos e a normativa vixente, as seguintes:

1. Presidir as xuntas de goberno e asembleas xerais ordinarias e extraordinarias.

2. Representar o Colexio nas súas relacións cos poderes públicos, entidades e corporacións de calquera tipo, así como persoas físicas e xurídicas, ou delegar esa representación.

3. Asistir como representante do Colexio ás asembleas do Consello Xeral ou nomear a persoa en que delega.

4. Convocar as reunións da Xunta de Goberno e dirimir os empates que se produzan no seo da Xunta de Goberno mediante voto de calidade.

5. Outorgar poderes, con capacidade, así mesmo, para comparecer en xuízo e responder interrogatorios.

6. Autorizar os informes e comunicacións oficiais do Colexio que se dirixan a autoridades, corporacións e particulares.

7. Autorizar a apertura de contas correntes bancarias, o movemento de fondos e a constitución e cancelación de todo tipo de depósitos e hipotecas, xuntamente co/ca tesoureiro/a.

8. Velar pola correcta conduta profesional das persoas colexiadas e polo decoro do Colexio.

9. Todas aquelas funcións que por acordo de delegación da Xunta de Goberno sexan acordadas.

Artigo 41. Vicepresidencia

Serán funcións da Vicepresidencia todas aquelas funcións que lle confira o/a presidente/a, asumindo as deste/a, en caso de ausencia, enfermidade, dimisión ou vacante ata o cesamento do/da presidente/a ou o fin do mandato.

Artigo 42. Secretaría

Serán funcións do/da secretario/a:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

2. Redactar as actas que necesariamente deben levantarse tras as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, función que pode delegar na Xerencia do Colexio ou no/na compañeiro/a da Xunta de Goberno que considere oportuno.

3. Recibir e dar conta á Presidencia e á Xunta de Goberno de todas as solicitudes e comunicacións que se dirixan ao Colexio.

4. Expedir as certificacións que soliciten os/as interesados/as, respecto de temas relacionados coa súa vinculación ao Colexio, ou coas actividades desenvolvidas por este.

5. Redactar a memoria da xestión anual.

6. Dirixir os servizos administrativos e asumir a xefatura de persoal de acordo cos estatutos colexiais e o regulamento de réxime interno, se houber.

7. Efectuar as inscricións no Rexistro de Sociedades Profesionais e expedir as certificacións oportunas.

Artigo 43. Tesouraría

Serán funcións do/da tesoureiro/a:

1. Recadar e custodiar os fondos do Colexio.

2. Autorizar os pagamentos de servizos e provedores.

3. Informar periodicamente a Xunta de Goberno da conta de ingresos e gastos e marcha do orzamento, e formalizar anualmente as contas do exercicio económico vencido.

4. Redactar os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno teña que presentar á Asemblea Xeral.

5. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente coas persoas nomeadas na conta mancomunada.

6. Levar inventario dos bens do Colexio dos cales será administrador/a.

7. Controlar a contabilidade e levar a caixa.

Artigo 44. Vogalías

Serán funcións dos/das vogais:

1. Corresponde aos/as vogais colaborar nas funcións da Xunta de Goberno, asistindo ás súas reunións e deliberacións. Os vogais formarán parte e exercerán a presidencia das comisións ou relatorios para as cales sexan designados pola Xunta de Goberno.

2. Así mesmo, substituirán o/a vicepresidente/a, secretario/a e tesoureiro/a nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, conforme o que se estableza no regulamento de réxime interno do Colexio ou por acordo da Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III
Elección da Xunta de Goberno

Artigo 45. Elección da Xunta de Goberno

A elección dos membros da Xunta de Goberno será por un período de catro anos e poden ser reelixidos por un máximo de dous períodos consecutivos, que a Asemblea Xeral poderá prorrogar por un período máis en caso de ausencia de candidaturas.

Artigo 46. Convocatoria de eleccións

1. Cada catro anos, a Xunta de Goberno convocará eleccións para cubrir todos os postos da Xunta de Goberno.

2. Para optar á Xunta de Goberno do Colexio de Traballo Social de Galicia, os e as candidatos/as deberán facelo agrupados/as en candidaturas, nas cales identificarán o posto a que optan.

3. As candidaturas poderán incorporar un máximo de 3 persoas suplentes que poidan incorporarse por cesamentos ou renuncias das persoas que conforman a candidatura.

Artigo 47. Condicións de elixibilidade

1. Poderán formar parte da Xunta de Goberno todas as persoas colexiadas que non o teñan prohibido por resolución xudicial ou administrativa e, ademais, estean ao día no cumprimento das obrigas colexiais.

2. En ningún caso poderá un mesmo candidato presentarse para dous cargos da Xunta de Goberno.

3. A duración do mandato de todos os cargos da Xunta de Goberno será de catro anos con dereito á reelección en períodos consecutivos de catro anos.

Artigo 48. Electores/as

1. Terán dereito a voto, segredo e directo, para a elección dos cargos da Xunta de Goberno todas as persoas colexiadas incorporadas ao respectivo colexio, polo menos, un mes antes da convocatoria das eleccións, que estean ao día nas obrigas colexiais, incluída a do pagamento das cotas, sempre que non se achen incursas en prohibición legal ou estatutaria.

2. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo.

Artigo 49. Convocatoria electoral

Realizarase, cando menos, cun mínimo de dous meses de antelación á data da súa celebración, con especificación do calendario electoral e o procedemento de votación, escrutinio e proclamación, así como os recursos procedentes. Todo iso segundo o disposto nos artigos seguintes.

1. A Xunta de Goberno procederá un mes antes da data fixada para a celebración de eleccións a facer pública a listaxe de colexiados/as con dereito a voto, fixándoa no taboleiro de anuncios da Secretaría do Colexio. Esta lista permanecerá no mencionado taboleiro de anuncios ata a finalización do proceso electoral.

2. Os/as colexiados/as que desexen reclamar sobre a citada listaxe poderán facelo durante o prazo de tres días hábiles, desde o momento da súa exposición no taboleiro de anuncios. As reclamacións deberán realizarse por escrito, ou por medios dixitais que legalmente validen a autenticidade da reclamación. A Xunta de Goberno deberá resolver as reclamacións no prazo de tres días hábiles, unha vez finalizado o prazo de formulación de reclamacións.

3. As candidaturas deberán presentarse completas. En todo caso, deberán presentar plan de traballo e currículum das persoas que a integran.

4. Ao día seguinte do termo dos prazos referidos no número 2, a Xunta de Goberno publicará a listaxe definitiva dos/das colexiados/as con dereito a ser elixibles e electores/as.

5. O mesmo día efectuará o anuncio das candidaturas presentadas e abrirá un prazo de 5 días para formular reclamacións contra ela. Estas reclamacións deberá resolvelas a Xunta de Goberno dentro do tres días seguintes á expiración do citado prazo.

6. Finalizados os prazos mencionados e resoltas as reclamacións presentadas, procederase á publicación das candidaturas.

Artigo 50. Xornada electoral

O día fixado para as eleccións constituirase na sede do Colexio a mesa electoral na hora fixada para o efecto na convocatoria. A mesa electoral estará formada por un/unha presidente/a, vicepresidente/a, dous vogais e un/unha secretario/a, que terán designados os seus respectivos suplentes. Todos/as eles/as nomeados/as pola Xunta de Goberno entre persoas colexiadas que non se presenten como candidatos á elección e que serán seleccionados de xeito aletorio de entre o listaxe de electores.

Artigo 51. Interventores/as

As candidaturas poderán nomear interventores/as e deben comunicar á Xunta de Goberno a designación con 24 horas de antelación á apertura da mesa electoral. Os/as interventores/as poderán asistir a todo o proceso de votación e escrutinio, formulando as reclamacións que consideren convenientes e que serán resoltas polo/a presidente/a da mesa electoral e recollidas na acta polo/a secretario/a. O número máximo de interventores/as será de dous por cada candidatura presentada.

Artigo 52. Fórmula de votación

1. Votación presencial:

a) Os/as colexiados/as votarán utilizando exclusivamente as papeletas oficiais autorizadas polo Colexio designando expresamente cada cargo e a persoa elixida para el.

b) Logo de identificación do colexiado, entregarase a papeleta ao/á presidente/a da mesa para que, na súa presenza, se deposite na urna. O/a secretario/a da mesa indicará na lista de colexiados/as aqueles/as que vaian depositando o seu voto.

2. Voto por correo:

a) Os/as colexiados/as poderán votar por correo da seguinte forma: enviando a papeleta, en sobre, ao/á presidente/a da mesa. Este sobre irá incluído dentro doutro no cal figurará fotocopia do documento nacional de identidade, tamén pechado, no cal conste claramente o remitente. Os votos por correo só se enviarán á Secretaría da Xunta de Goberno, dirixidos ao/á presidente/a da mesa e deberán ser recollidos por esta con anterioridade á hora fixada para o peche da votación.

b) As persoas colexiadas poderán votar por vía telemática sempre e cando se dean as condicións técnicas e de seguridade necesarias e que o Colexio dispoña dos medios necesarios para isto.

Artigo 53. Escrutinio

Terminada a votación, realizarase o escrutinio, que será público, e levantarase acta en que figuren os votos obtidos por cada candidatura.

O sistema de escrutinio será o seguinte:

a) Contabilizaranse os votos obtidos polas candidaturas completas, asignándose un voto a cada un/unha dos/das candidatos/as que figuren neles.

b) Os votos das candidaturas non completas ou modificadas sumaranse aos anteriores.

c) O/a candidato/a elixido/a será aquel/a que obteña máis votos dentro do cargo a que se presente.

d) Consideraranse nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren como candidatos nas listas, así como aquelas papeletas que conteñan riscaduras, frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato.

e) En caso de empate, elixirase o candidato que leve máis tempo de exercicio profesional no colexio correspondente.

CAPÍTULO IV
Moción de censura

Artigo 54. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros deberá substanciarse sempre en Xunta Xeral extraordinaria convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. A Xunta Xeral extraordinaria deberá desenvolverse dentro dos trinta días hábiles seguintes ao da presentación da solicitude, e non se poderán debater nela outros asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A constitución válida da Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto. Nesta xunta o voto será sempre persoal, directo e segredo.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos asistentes, en votación nominal e segreda.

6. Ata transcorrido un ano desde que esta tivo lugar, non se poderá volver presentar outra moción de censura.

TÍTULO VI
Réxime económico e financeiro

Artigo 55. Capacidade patrimonial e auditoría

O Colexio deberá contar cos recursos necesarios para o cumprimento dos seus fins, e os/as colexiados/as están obrigados/as a contribuír ao seu sostemento na forma regulamentaria.

Para garantir a existencia e subsistencia dos recursos e cumprimento dos fins, así como para facilitar a imaxe fiel da situación do colexio profesional, someterase a auditoría cando exista obriga legal e poderá someterse cando se produza a renovación total dos membros da Xunta de Goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 80 % do total dos seus membros e exista acordo da Xunta Xeral convocada para o efecto, sendo auditado por un auditor de contas titulado, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para tal efecto.

Artigo 56. Recursos económicos ordinarios

1. As cotas de inscrición dos/das colexiados/as.

2. As cotas ordinarias dos/das colexiados/as.

3. As cotas extraordinarias que aprobe a Asemblea Xeral.

4. A porcentaxe que sobre honorarios corresponde devindicar aos/as colexiados/as polos traballos profesionais que lle encargue o Colexio.

5. A tarifa que corresponda aboar ás persoas colexiadas respecto daqueles traballos profesionais que sexan obxecto de supervisión ou visado polo Colexio.

6. Os rendementos dos seus propios bens e dereitos, así como os que produzan as actividades de toda clase que desenvolva.

7. Os ingresos que o Colexio poida obter por venda de publicacións, impresos, subscricións e expedición de certificacións, así como por realización de ditames, funcións de asesoramento e similares que lle sexan solicitados.

Artigo 57. Recursos económicos extraordinarios

Constitúen recursos extraordinarios do Colexio:

a) As subvencións, donativos ou calquera clase de axudas que lles sexan concedidas polas administracións públicas, entidades públicas e privadas, e polos particulares.

b) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza, doazón ou calquera outro título pasen a formar parte dos seus patrimonios.

c) As cantidades que por calquera concepto non especificado lles corresponda percibir.

Artigo 58. Porcentaxe sobre honorarios

De ser o caso, a Xunta de Goberno fixará periodicamente a contía da porcentaxe que sobre honorarios percibidos conforme o artigo 57.4 e 57.5 deban aboar os/as colexiados/as.

TÍTULO VII
Réxime disciplinario

CAPÍTULO I
Tipificación de infraccións e sancións

Artigo 59. Potestade disciplinaria

1. Corresponde á Xunta de Goberno o exercicio da potestade disciplinaria sobre as persoas colexiadas.

2. As persoas membros da Xunta de Goberno do colexio serán, se é o caso, sancionadas polo Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo e Asistentes Sociais.

Artigo 60. Infraccións

1. Poderanse sancionar todas as accións e omisións en que incorran os membros dos colexios no exercicio profesional que se encontren tipificadas como falta nestes estatutos.

2. As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

a) Son infraccións leves:

i. A neglixencia no cumprimento dos deberes profesionais e das obrigas colexiais.

ii. A falta de respecto a outras persoas colexiadas.

b) Son infraccións graves:

i. O incumprimento reiterado da obriga de pagamento das cotas colexiais, sempre que sexa requirido para iso.

ii. O incumprimento reiterado da obriga de pagamento da porcentaxe que sobre os honorarios profesionais corresponda, se é o caso, ingresar no respectivo colexio.

iii. O incumprimento reiterado da disciplina colexial.

iv. O desempeño de traballos profesionais que fosen encomendados a outros compañeiros sen obter previamente o seu permiso.

v. O menosprezo grave, a inxuria e as agresións a outros colexiados.

vi. O incumprimento dos acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio ou polos do Consello Xeral de Colexios.

vii. A reincidencia en faltas leves.

c) Son infraccións moi graves:

i. O incumprimento das obrigas deontolóxicas e dos deberes profesionais establecidos por norma legal ou estatutaria.

ii. O encubrimento da intrusión profesional.

iii. A reincidencia en faltas graves.

Artigo 61. Sancións

1. A comisión dos actos tipificados no artigo anterior poderá determinar a imposición das seguintes sancións:

a) Para as infraccións leves:

i. Apercibimento por escrito.

ii. Amoestación privada.

b) Para as infraccións graves:

i. Amoestación pública.

ii. Suspensión do exercicio profesional por período máximo de seis meses.

iii. Privación temporal do dereito a desempeñar cargos corporativos por período máximo dun ano.

c) Para as infraccións moi graves:

i. Suspensión da condición de colexiado por período máximo de dous anos.

ii. Expulsión do colexio.

2. En todo caso, deberá atenderse ao principio de proporcionalidade entre a infracción cometida e a sanción que se vai impoñer.

Artigo 62. Prescrición

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos, a partir do día en que aconteceron os feitos que as motivaron. Interromperá a prescrición, a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador e volverá comezar o prazo de prescrición se o expediente sancionador estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano, as impostas por infraccións graves aos dous anos e as impostas por faltas moi graves aos tres anos, a partir do día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

CAPÍTULO II
Procedemento sancionador

Artigo 63. Actuacións previas e expediente sancionador

1. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que poderían resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

2. Para a imposición de sancións graves e moi graves será preceptiva a apertura de expediente sancionador, para o cal o presidente do colexio designará, tras o acordo da Xunta de Goberno, un instrutor, e o devandito nomeamento poderá recaer en calquera colexiado.

3. A apertura do expediente, que conterá unha relación sucinta dos feitos constitutivos da infracción e das sancións que poderían ser obxecto de aplicación, deberase comunicar fidedignamente ao interesado, co fin de que redacte o correspondente prego de descargos efectuando as alegacións que coide oportunas e achegando e propoñendo cantas probas considere necesarias. En calquera caso, a falta de formulación do citado prego non impedirá a ulterior tramitación do expediente.

4. Para os efectos de dar cumprimento ao contido deste punto, observaranse os prazos establecidos na normativa vixente en cada momento.

5. Practicadas, se é o caso, as probas propostas polo interesado e as que de oficio solicitase o instrutor, este elevará proposta de resolución á Xunta de Goberno, co fin de que dite a oportuna resolución no prazo máximo de vinte días.

6. A imposición das sancións de apercibimento e amoestación privada non requirirán apertura de expediente sancionador; debe impoñelas a Xunta de Goberno logo de audiencia do interesado.

Artigo 64. Resolución do expediente

1. A resolución da Xunta de Goberno, que será motivada e non se poderá referir a feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, deberase comunicar por escrito e claramente ao interesado. Na adopción da devandita resolución non poderán intervir o instrutor e cantas outras persoas actuasen no expediente.

2. Contra a resolución que poña fin ao expediente o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante o órgano competente ou, se é o caso, ante o Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais.

3. Esgotados os recursos corporativos, o interesado poderá recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO VIII
Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 65. Eficacia dos actos e acordos

1. Os actos e acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno son inmediatamente executivos, agás que neles se estableza o contrario.

2. Non entanto, a eficacia dos devanditos actos e acordos quedará demorada cando así o exixa o seu contido ou se atope supeditada á súa notificación.

Artigo 66. Rexistro de actas

O colexio estará obrigado a levar un rexistro de actas, autorizado polas sinaturas do presidente e do secretario, en que constarán os actos e acordos da Asemblea Xeral e os da Xunta de Goberno.

Artigo 67. Nulidade de pleno dereito

Serán nulos de pleno dereito os actos colexiais en que concorra algún dos seguintes supostos:

1. Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

2. Os ditados por órgano manifestamente incompetente.

3. Os que teñan un contido imposible.

4. Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

5. Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

6. Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

Artigo 68. Anulabilidade

1. Serán anulables aqueles actos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

2. Non entanto, o defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanzar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos/das interesados/as.

3. A realización de actos fóra do tempo establecido para iso só implicará a súa anulabilidade cando o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 69. Recursos administrativos e xurisdicionais

1. Contra as resolucións expresas ou tácitas do colexio poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello Xeral de Diplomados en Traballo Social nos termos e prazos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As resolucións do Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia e, se é o caso, do Consello Xeral que resolvan os recursos de alzada poñen fin á vía administrativa e son susceptibles de recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 70. Lexitimación

Están lexitimados para recorrer contra actos colexiais:

1. Cando se trate de actos ou acordos con efectos xurídicos individualizados, os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo.

2. Cando se trate de actos ou acordos que afecten unha pluralidade indeterminada de colexiados/as ou o colexio en si mesmo, calquera colexiado/a pertencente ao colexio.

TÍTULO IX
Disolución do colexio

Artigo 71. Supostos para instar a disolución do colexio

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia poderá iniciar os trámites para a súa disolución nos seguintes supostos:

1. Cando se promulgue unha norma xurídica de igual rango que a que o creou que inste a súa disolución.

2. Polo descenso de colexiados e colexiadas ata menos de 100.

Artigo 72. Procedemento de disolución e réxime de liquidación

1. A decisión de comezar o procedemento de disolución tomarase nunha Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. O acordo de disolución será comunicado ao Consello Xeral, ao Ministerio, e á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais. É condición indispensable para a disolución o informe favorable do Consello Xeral.

3. A comisión liquidadora estará formada polos compoñentes da última Xunta de Goberno.

4. Os produtos desta liquidación serán destinados a outros colexios oficiais da mesma profesión, ou doutra nova que podería englobar os titulados da actual.

5. Esta decisión da comisión liquidadora terá que ser aprobada por unha Asemblea Xeral extraordinaria do colexio convocada para o efecto. Esta decisión deberá conter, ademais, o nomeamento da comisión liquidadora e a proposta sobre colexiación noutro colexio oficial de diplomados en traballo social e asistentes sociais dos profesionais que nese momento estean colexiados no Colexio Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

1. Coa entrada en vigor destes estatutos quedan derrogados os estatutos do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia publicados no Decreto 54/2005, do 24 de febreiro, de aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

2. As normativas derivadas da aprobación destes estatutos serán elaboradas e aprobadas pola Xunta de Goberno no prazo dun ano logo da entrada en vigor destes estatutos.