Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2017 Páx. 24074

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2016 das federacións deportivas galegas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica está habilitada para solicitar auditorías dos documentos oficiais que compoñen a contabilidade das federacións deportivas autonómicas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo as referidas previsións, a Secretaría Xeral para o Deporte aprobou o plan de auditorías das federacións deportivas para o depósito dos referidos informes no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. No referido plan estableceuse que anualmente se determinarían as federacións obrigadas a presentar as auditorías, polo que se debe proceder a concretar nesta resolución cales son as obrigadas a presentar as contas anuais auditadas correspondentes ao exercicio 2016.

Por tanto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2016 e a forma de presentación da documentación requirida nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia.

Artigo 2. Das federacións deportivas galegas

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2016 nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia, as seguintes federacións deportivas galegas:

a) As federacións deportivas que en 2016 percibiron máis de 120.000 euros en execución do convenio de colaboración subscrito coa Secretaría Xeral para o Deporte:

– Atletismo.

– Baloncesto.

– Balonmán.

– Ciclismo.

– Fútbol sala.

– Natación.

– Piragüismo.

– Tríatlon e péntatlon moderno.

– Vela.

b) As seguintes federacións, que sen ter percibido a cantidade establecida no punto anterior, deben someterse ao plan de auditorías que obriga a realizar unha auditoría unha vez cada catro anos, polo menos:

– Birlos.

– Deporte adaptado.

– Deportes de inverno.

– Kickboxing.

– Loita.

– Motonáutica.

– Pádel.

– Petanca.

– Salvamento e socorrismo.

– Squash.

– Surf.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e dirixido á Secretaría Xeral para o Deporte. Este formulario estará dispoñible para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, dirixidos a calquera órgano, servizo ou unidade da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que realice a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a súa presentación electrónica.

Para a presentación das contas auditadas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das contas anuais auditadas nos termos establecidos nesta resolución rematará o 30 de xullo de 2017.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas representantes deberán achegar a seguinte documentación:

– Informe de auditoría das contas anuais de 2016 da Federación Deportiva Galega.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI o NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento, e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral para o Deporte, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Subdirección Xeral de Plans e Programas, EGAP, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a programas.deportes@xunta.gal

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos demais medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a esta disposición, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional única. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte