Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2017 Páx. 18937

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, pola que se delegan as competencias e atribucións propias da dirección xeral na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

No artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de norma reguladora da Xunta e da súa Presidencia, establece as atribucións dos conselleiros da Xunta de Galicia. No Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, determínanse as competencias atribuídas á dita consellería e ás direccións xerais que existen nela. Concretamente no artigo 20 recóllense as competencias que corresponden á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Sen prexuízo do réxime de suplencia que se fixa no dito decreto, a existencia dun período prolongado de ausencia da persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade fai recomendable delegar as competencias propias da dita dirección xeral na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, tendo en conta os beneficios que, para unha organización eficiente da tramitación administrativa da consellería, supón a proximidade entre as dúas direccións xerais

O número 1 do artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establece sobre a posibilidade de delegación de competencias que «os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, mesmo cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou nos organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas».

No ordenamento xurídico da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, establece no seu artigo 6 que «o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poderá ser delegado noutros órganos da propia Administración autonómica ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico».

Dado que no presente suposto non existe entre os órganos delegante e delegado relación xerárquica e pertencen á mesma consellaría, resulta necesaria a aprobación previa do órgano superior común, polo que, previamente á publicación da presente resolución, foi aprobado o seu contido polo conselleiro de Política Social, como así establece o punto segundo do dito artigo 6.

Por último, de acordo coa previsión do número 6 do artigo 9, a presente delegación de competencias e a súa revogación publicarase no Diario Oficial de Galicia e figurará dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da consellaría ou do órgano delegante.

Na súa virtude, de conformidade co disposto na dita Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e de funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica as competencias que me atribúe o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e as competencias que teño atribuídas como titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con discapacidade.

Segundo. De conformidade co artigo 9.4 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e o artigo 11.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, nos actos a que se refire o apartado primeiro desta resolución farase constar o órgano de procedencia.

Terceiro. A delegación de competencias obxecto da presente resolución será revogable en calquera momento, e a resolución de revogación deberase publicar no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017

Fabiola García Martínez
Directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade