Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2017 Páx. 18673

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 6 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-325-Navia (punto quilométrico 0+000-1+700), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado (clave PO/16/056.06).

Antecedentes:

A Lei 8/2013, de estradas de Galicia determina, no seu artigo 6.2 que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas, teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a «Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia». Os obxectivos da dita estratexia son o desenvolvemento duns sistemas de transporte alternativos que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio ambiente, e os seus impactos sociais e económicos.

Os beneficios esperados co fomento desta mobilidade alternativa son, entre outros, o emprego de modos de trasporte non motorizados, a mellora da mobilidade, da calidade do aire, da saúde, da igualdade e benestar, da economía, do patrimonio e do urbanismo.

Con data do 7 de marzo de 2016 a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, con base na «Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia», o documento «Fomento da mobilidade sostible: Sendas peonís e/ou ciclistas na comarca de Vigo», onde unha das sendas propostas era un itinerario peonil e ciclista na PO-325, que agora se desenvolve mediante o proxecto construtivo: itinerario peonil e ciclista na PO -325. Navia (p.q. 0+000-1+700), de clave PO/16/056.06.

Por Pesolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 5 de abril de 2017 aprobouse provisionalmente o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-325. Navia (p.q. 0+000-1+700), de clave PO/16/056.06.

O dito proxecto construtivo ten por obxecto a execución dun itinerario mixto (peonil e ciclista) entre os p.q. 0+000-1+700 da estrada PO-325 en Navia (Concello de Vigo) coa finalidade de fomentar a mobilidade sostible, fomentando a conectividade e accesibilidade no treito considerado, e incrementar a seguridade viaria.

A senda considerada executarase pola marxe esquerda da estrada PO-325 na súa maior parte, aínda que algún treito da mesma vai pola marxe dereita; e será de formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,8 m e un bordo delimitador que permitirá a súa separación da calzada. Naquelas zonas onde exista espazo suficiente, executarase tamén unha zona axardinada de 0,5 m de ancho e unha cuneta de seguridade de 1,2 m de anchura.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións complementarias á execución da senda, e que son necesarias para garantir a súa funcionalidade:

– Reposición e ampliación da drenaxe existente. Execución de cunetas para dar continuidade á drenaxe lonxitudinal.

– Execución, baixo a senda, dun prisma de servizos para futuras canalizacións.

– Reposición da sinalización horizontal e mellora e retranqueo da sinalización vertical.

– Colocación de proteccións peonís e reposición dos sistemas de contención e balizamentos.

– Reposición de servizos públicos e privados.

Considerando todo o exposto e o establecido na normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

Segundo. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, se someta a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente, para que os afectados presenten cantas alegacións ou rectificacións consideren convenientes en canto aos bens e dereitos descritos na relación anexa.

Terceiro. A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (r/ Fernández Ladreda, 43, 1º, 4º, 36071 Pontevedra), na Casa do Concello de Vigo (praza do Rei, 1, 36202 Vigo). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://civ.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), atópase á disposición dos interesados o documento completo do proxecto de construción.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Relación de bens, dereitos e propietarios afectados

Proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-325. Navia (p.q. 0+000-1+700), Clave PO/16/056.06.

Concello de Vigo (Tombo).

Núm.

orde

Referencia

catastral

Titular

Clase

Uso

Superficie parcela

Superficie

afectada

1

54057A119003580000BK

Manuel Sangián

Rústico

Agrario

670 m2

66 m2