Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18121

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 43/2017, do 23 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e reforma da intersección na AC-840 (punto quilométrico 20+190 ao 21+910), no concello de Curtis (clave AC/15/066.06).

Antecedentes.

O 5 de decembro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 232) o Anuncio de 22 de novembro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e reforma da intersección na AC-840, en Curtis (p.q. 20+190 ao 21+910), de clave: AC/15/066.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Posteriormente, e tras a análise dos certificados e informes presentados, o 13 de marzo de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e reforma da intersección na AC-840, en Curtis (p.q. 20+190 ao 21+910), de clave: AC/15/066.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a creación dun itinerario peonil pola marxe dereita da estrada AC-840, entre os pp.qq. 20+190 e 21+910; a mellora das interseccións existentes coas vías local e provincial e a mellora das condicións do firme, incluíndo unha nova capa de rodadura.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e reforma da intersección na AC-840, en Curtis (p.q 20+190 ao 21+910), de clave: AC/15/066.06.

Santiago de Compostela, vinte e tres de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda