Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18123

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de abril de 2017 pola que se determinan servizos mínimos durante a folga que afectará parte do sector de limpeza de edificios e locais na provincia de Lugo, e que se desenvolverá desde o 18 de abril de 2017 con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio das funcións en materia de asistencia sanitaria e saúde pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO comunicaron o 10 de marzo de 2017 a convocatoria dunha folga de carácter indefinido, que se iniciaría o 29 de marzo e afectaría o persoal das empresas do sector de limpeza de edificios e locais na provincia de Lugo salvo –nos termos da convocatoria– aquelas que non apliquen o convenio colectivo de limpeza da provincia de Lugo.

O 24 de marzo as mesmas organizacións comunicaron a suspensión da folga, e recentemente, o 11 de abril, notificaron que deixan sen efecto a dita dita suspensión. A folga iniciarase o 18 de abril.

Constatouse que a dita folga afectará empresas que prestan servizos de limpeza en centros sanitarios, e resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde das persoas usuarias e empregadas, máxime nunha folga de carácter indefinido. Polo tanto, procede fixar servizos mínimos.

Para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores de carácter xeral que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector da limpeza de edificios e locais. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento tras a publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual. A determinación concreta dos efectivos estritamente necesarios para garantir esa actividade mínima en cada centro, e das súas horas de traballo, será realizada en cada caso polas empresas afectadas pola folga en exercicio das súas facultades de dirección. Con todo, as empresas deberán deixar constancia da súa motivación.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:

Días laborables.

1. Centros de saúde, puntos de atención continuada, centros de especialidades e demais centros sanitarios non hospitalarios: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais, agás nas zonas onde se require a limpeza urxente (salas de extraccións, salas de curas, salas con actividades de cirurxía menor), nas cales se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestacións de limpeza habituais.

2. Hospitais (centros con internamento).

I. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reaminación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

II. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

III. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

Domingos e festivos: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais nos domingos e festivos.

Os efectivos de servizos mínimos que resulten das ditas garantías poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde.

Artigo 2

En aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, cada empresa afectada determinará os efectivos e designará o persoal que debe cubrir os servizos mínimos en cada centro, fixando a súa xornada e horario de traballo.

A empresa elaborá un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade