Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2017 Páx. 15873

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 4 bar na Estrada (Pontevedra), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/30-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 4 de novembro de 2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Estrada, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2008/8-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2011 e no Boletín Oficial da provincia do 22 de decembro. Neste proxecto prevese a subministración de gas natural a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará no polígono de Toedo, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano da Estrada, seguindo a estrada C-541.

O 18 de marzo de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para subministración de gas natural no núcleo de poboación da Estrada (Pontevedra), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/8-0). Nesta resolución, a respecto da planta de GNL, establécese o seguinte: A subministración de gas realizarase desde unha planta de GNL que se instalará nunha parcela situada ao leste do núcleo urbano, e que será obxecto doutro proxecto. Este proxecto da planta de GNL, pendente de presentación, someterase no seu momento ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, xa que a situación da planta de GNL non se corresponde coa prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

O 30 de marzo de 2016 Gas Galicia SDG, S.A. presentou o proxecto de execución denominado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) na Estrada (Pontevedra)», que se someteu ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución baixo o número de expediente IN627A 2016/13-0. O 26 de agosto de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública este proxecto de execución; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 28 de setembro de 2016, no Boletín Oficial da provincia do 27 de setembro e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 8 de setembro e estivo tamén exposto no taboleiro de anuncios do Concello da Estrada entre o 3 de setembro e o 26 de setembro de 2016.

O 31 de xaneiro de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aceptou a desistencia presentada por Gas Galicia SDG, S.A. a respecto do expediente IN627A 2016/13-0 e se declarou concluído o correspondente procedemento. Esta desistencia vén motivada porque o Grupo Gas Natural adquiriu a rede de distribución de GLP que Repsol Butano, S.A. ten na Estrada, co obxecto de transformala para a distribución de gas natural; deste xeito, Gas Galicia SDG, S.A. vai proxectar a instalación da planta de GNL dentro da parcela onde actualmente se atopa a planta de subministración de GLP, o que implica a presentación dun novo proxecto de execución para a tramitación da súa autorización.

Obxecto da petición:

O 21 de decembro de 2016 Gas Galicia SDG, S.A. presentou este novo proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 4 bar na Estrada (Pontevedra), que se vai someter ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución baixo o número de expediente IN627A 2016/30-0.

Descrición das instalacións:

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral número 36017A104001130000RH (polígono 104, parcela 113, Caño Sifón, A Estrada) e estará composta polos seguintes compoñentes: tanque de almacenamento de GNL horizontal; unidade para descarga de cisternas; módulos de regasificación, regulación, medida e odorización; e sistemas auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 30 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 750 m3 (N)/h e dará unha presión de subministración de GN de 4 bar.

A rede de gas natural proxectada conectará a saída da planta de GNL coa rede de GLP existente (cuxa transformación para a distribución de gas natural será obxecto doutro proxecto), operará cunha presión máxima de 4 bar, realizarase en tubaxe de polietileno tipo PE-100 SRD 17,6/SDR 17 e terá unha lonxitude de 14 m.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal da Estrada, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: cento cincuenta e oito mil trescentos noventa e un euros con sesenta e oito céntimos (158.391,68 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de vinte (20) días a partir da data de publicación desta resolución; poden examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da dita consellería, na rúa Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas