Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15107

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece no seu artigo 61, número 6, que a Administración autonómica poderá someter a xestión, a contabilidade e o estado económico-financeiro das federacións deportivas galegas a unha auditoría ou verificación contable, previa ou posteriormente á concesión de subvencións e axudas, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Con base nesta previsión normativa, a Administración deportiva galega establece, con esta resolución, a regulación apropiada que asente as bases para as verificacións contables das federacións deportivas galegas.

Dado que as federacións exercen, ademais das atribucións que lles son propias, determinadas funcións vía delegación de carácter administrativo, actuando neste caso como axentes colaboradores da Comunidade Autónoma galega (artigo 51.4 da Lei 3/2012), e asemade, dado que son perceptoras e beneficiarias dunha destacada activade subvencionadora da Administración deportiva galega, con base na previsión legal inicialmente apuntada, faise imprescindible acometer a publicación desta resolución pola que se garanta a consecución dun axeitado control do gasto federativo, así como tamén a axeitada marcha e funcionamento da entidade de acordo cos principios contables aceptados.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da resolución

O obxecto da presente resolución é a aprobación do plan de auditorías das federacións deportivas galegas para o período 2017-2020.

Artigo 2. Obrigatoriedade do plan

O plan de auditorías das federacións deportivas galegas será de aplicación obrigatoria para todas as federacións deportivas galegas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, nos termos e co detalle que se establecen nesta resolución.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior ao da presentación.

Artigo 4. Das federacións obrigadas

1. Por medio de resolución da Administración deportiva autonómica determinaranse anualmente as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas.

2. Durante a vixencia do presente plan, todas as federacións deportivas galegas deberán auditar, polo menos unha vez, as súas contas e presentar ese informe nas condicións establecidas na presente resolución.

3. O incumprimento desta obriga impedirá ás federacións deportivas galegas ser beneficiarias de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo convocadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, sen prexuízo das demais responsabilidades en que poida incorrer.

Artigo 5. Do contido da auditoría

1. A auditoría efectuarase conforme o Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo.

2. A empresa ou persoa auditora, xunto coa análise e informe das contas anuais, deberá emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas.

Artigo 6. Forma de presentación

A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das contas auditadas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación

O prazo de presentación das contas anuais auditadas nos termos establecidos nesta resolución rematará o 30 de xullo de cada ano.

Disposición adicional única. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte