Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15194

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación de titulacións de grao singulares no Sistema universitario de Galicia.

O 9 de decembro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta norma a Xunta de Galicia estableceu unha serie de liñas, criterios e procedementos para a coordinación, planificación e ordenación do Sistema universitario de Galicia, desde o absoluto respecto á autonomía universitaria, co obxecto de racionalizar a oferta docente universitaria en todos os niveis e lograr a súa adecuación ás demandas e necesidades reais da nosa comunidade autónoma, asegurando elevados índices de calidade que permitan ao noso ensino universitario situarse en óptimos niveis de competitividade, tanto a nivel nacional como internacional.

O antedito decreto foi desenvolvido pola Orde do 20 de marzo de 2012, publicada no Diario Oficial de Galicia do 29 de marzo.

Estes criterios foron consolidados en virtude da publicación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

A experiencia acumulada desde a entrada en vigor deste marco normativo, permitiu a detección dalgúns problemas prácticos que foron solventados coa modificación da norma de 2011 polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 12 de novembro.

Así, o artigo 6, número 1 do Decreto 222/2011, quedou redactado nos seguintes termos:

«1. Nas ensinanzas universitarias oficiais de grao deberase demostrar que a titulación proposta terá un número anual de estudantes de novo ingreso de acordo coa oferta autorizada pola Conferencia Xeral de Política Universitaria e, en todo caso, nunca por debaixo de 50, nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Para estes efectos, as ensinanzas universitarias oficiais que se impartan en varios campus consideraranse independentes.

No caso de ensinanzas de grao impartidas no SUG, cuxos plans de estudo sexan coincidentes nun mínimo de 90 créditos ECTS nos dous primeiros cursos, e compartan a organización docente deses cursos, en grupos teóricos e prácticos, computaranse conxuntamente os/as estudantes de novo ingreso para os efectos do establecido neste artigo».

No caso de que a media do número de alumnos de novo ingreso durante tres cursos consecutivos sexa inferior aos mínimos exixidos no mencionado artigo 6, determinará a necesidade de aprobación dun plan de viabilidade no cal se valorarán as características propias e específicas do título tendo en conta, especialmente, o carácter esencial e singular da titulación, segundo o establecido no artigo 14 da mesma norma.

Polo tanto, faise necesario determinar que titulacións entre as ofertadas polas universidades galegas, teñen a consideración de singulares, para o cal se deberán fixar criterios claros e obxectivos que permitan distinguilas dentro da oferta global do Sistema universitario de Galicia.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto definir o concepto e fixar os criterios para a determinación do carácter singular de determinadas titulacións de grao ofertadas no Sistema universitario de Galicia, para os efectos do establecido no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Concepto de singularidade

Considerarase singular para o Sistema universitario de Galicia, aquel título de grao que, polas súas concretas características, resulte esencial e indispensable para a oferta global do sistema e para a formación universitaria da Comunidade Autónoma.

Terceiro. Criterios para a determinación do carácter singular

Para os efectos de determinar o carácter singular, as titulacións de grao deberán reunir, polo menos, un destes criterios:

a) Ser imprescindible para a formación dos recursos humanos especializados que permitan dar cobertura ás necesidades do sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma.

b) Ter unha estrita vinculación coa especialización do campus en que se imparte e constituír unha parte esencial das liñas estratéxicas desa especialización.

c) Os estudos da lingua galega.

d) Estar directamente vinculados aos sectores considerados estratéxicos pola Xunta de Galicia.

Cuarto. Declaración de singularidade

Cando a media do número de alumnos de novo ingreso durante tres cursos consecutivos nunha titulación de grao sexa inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a universidade poderá solicitar a declaración de singularidade desa titulación.

A Secretaría Xeral de Universidades, en aplicación dos criterios establecidos no punto terceiro desta resolución, emitirá unha resolución pola que se recoñecerá o carácter singular para o Sistema universitario de Galicia.

A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Efectos do recoñecemento de singularidade

A declaración de singularidade supoñerá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; seranlles aplicables, en todo caso, o contido no resto de articulado e a demais normativa de aplicación.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades