Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2017 Páx. 13956

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017.

BDNS (Identif.): 336097.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas, ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración ou mancomunadamente con outros.

2. As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións dependentes das anteriores con experiencia na realización de accións de información e orientación laboral.

3. As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras e sempre que estean constituídas como centros colaboradores especiais de orientación, e consten como tales na relación de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia ou, en caso contrario, que xustifiquen a existencia dun colectivo cuantificable de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social que atender.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que realicen accións de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articuladas en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 2.433.000 euros a entidades locais e 3.787.613 euros a entidades sen ánimo de lucro, o que fai un total de 6.220.613 euros.

Quinto. Contía

25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses.

28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, no caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a discapacitados.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria