Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2017 Páx. 14056

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Teo (expediente IN407A 2016/2411-1).

Expediente: IN407A 2016/2411-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: cambio de sección Túnel de Vilar de Francos e o CT Ponte Espiño.

Concello: Teo.

Feitos:

1. O 13 de xullo de 2016 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Reforma (actuación nº 1) LMTA, a 20 kV, de 842 m condutor tipo LA-110 Al, con orixe no apoio nº 69-11 existente da liña LMTA PAD-806 e final no apoio nº 69-20 proxectado.

– Reforma (actuación nº 2) LMTA, a 20 kV, de 7 m condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio nº 69-16 proxectado na liña LMTA PAD-806 e final no apoio nº 69-16-1 proxectado.

– LMTS (actuación nº 1) a 20 kV, de 25 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×400 mm2 Al, con orixe no apoio nº 69-16-1 proxectado e final no CT Vilar de Abaixo (15CSS6).

– LMTS (actuación nº 2) a 20 kV, de 510 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe no apoio nº 69-20 proxectado e final no apoio nº 69-23 existente.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 21 de outubro de 2016.

– DOG: 28 de novembro de 2016.

– BOP: 11 de novembro de 2016.

– Xornal La Voz de Galicia: 5 de decembro de 2016.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 3 de novembro de 2016.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período no que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

María Gloria Blanco Sánchez, María Cardosa Balado, hros. de José Castro García, Luisa Paroja Buján, Manuel Vázquez Patrón, hros. de María Carmen Villar López e Manuel Castro Vázquez, mediante escrito do 20 de decembro de 2016, solicitan un trazado alternativo pola beira da estrada N-550, desde o túnel do Faramello ata o Espiño, alegando en síntese o seguinte:

– A alternativa proposta minimizaría os problemas que xera aos afectados no relativo ás operacións de mantemento e ás avarías, non tendo que soportar as cargas que supoñen as servidumes de paso en tanto que desde a vía pública poderíase acceder á infraestrutura proxectada para estes traballos.

– O artigo 84 da Lei de dereito civil de Galicia e o artigo 565 do Código civil establecen que a servidume se ten que dar polo punto menos prexudicial e por onde sexa menor a distancia ao camiño público.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor que contestou:

– Escrito do 5 de xaneiro de 2017, no que se valoran as alegacións presentadas por María Gloria Blanco Sánchez, María Cardosa Balado, hros. de José Castro García, Luisa Paroja Buján, Manuel Vázquez Patrón, hros. de María Carmen Villar López e Manuel Castro Vázquez, no que en síntese manifesta o seguinte:

• O que se pretende é un cambio de sección da LMT PAD-806, substituíndo os condutores existentes (LA-56) por outros de maior tamaño LA-110, e substituíndo os apoios necesarios por outros de maior altura e esforzo, entre o apoio 69-11 existente e o 69-20 proxectado. Por tanto, con esta actuación non se contempla a instalación dunha liña nova nin a modificación do trazado da liña existente, procedendo a aumentar a altura dos cables condutores que serán substituídos.

• No proxecto non se impón unha nova servidume de paso, estando encadrado no caso previsto no artigo 140.2 do Real decreto 1955/2000, que establece que «a declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nestas».

• Indican, a maiores, que neste caso se podería aplicar o artigo 153.1 do Real decreto 1955/2000, que prevé o seguinte: «Constituída a servidume de paso, o titular do predio servente poderá solicitar o cambio do trazado da liña se non existen para iso dificultades técnicas, sendo á súa costa os gastos de variación».

• A alternativa proposta polos alegantes non cumpriría co artigo 161.2.b) do Real decreto 1955/2000 que establece que «...a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 por 100 da parte de liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante desta». De tentar un trazado alternativo máis achegado á N-550, este afectaría a outras propiedades privadas.

• O prexuízo causado pola instalación proxectada será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia, a fin de que non se produza unha perda no patrimonio do seu propietario.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar o emprazamento das instalacións non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por María Gloria Blanco Sánchez, María Cardosa Balado, hros. de José Castro García, Luisa Paroja Buján, Manuel Vázquez Patrón, hros. de María Carmen Villar López e Manuel Castro Vázquez, polo seguinte:

• A instalación proxectada goza da prerrogativa establecida no artigo 140.2 do Real decreto 1955/2000 que establece que a declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

• Un novo trazado provocaría novas afeccións e maior custo para o Sistema Eléctrico.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo de outras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 13 de febreiro de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña