Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2017 Páx. 13107

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 28/2017, do 9 de febreiro, polo que se declara como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o denominado Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, sito no lugar de Quintáns na parroquia de Santo Estevo de Noalla, no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra).

O 11 de febreiro de 2016 ten entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela a proposta do Concello de Sanxenxo solicitando a declaración como ben de interese cultural do denominado Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, sito na parroquia de Santo Estevo de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra).

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou, por medio da Resolución do 8 de abril de 2016 (DOG núm. 77, do 22 de abril), o procedemento de incoación do expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, sito na parroquia de Santo Estevo de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra).

En relación co que dispón a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período dun mes, no cal se puideron presentar as alegacións que se considerasen oportunas. Para tales efectos, a documentación do expediente estivo á disposición do público nas oficinas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no edificio administrativa de San Caetano en Santiago de Compostela.

A resolución de incoación notificouse ao Concello de Sanxenxo, propietario do ben, o 28.4.2016, que recibiu toda a documentación o 29.4.2016, e foi posteriormente publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE núm. 143, do 14 de xuño). Non consta que se presentase ningunha alegación ao expediente de incoación no trámite de información pública.

Na instrución do procedemento, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicitou informe aos órganos consultivos a que fai referencia a Lei do patrimonio cultural de Galicia, en concreto á Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e ao Consello da Cultura Galega.

Como resultado desta petición recibíronse os informes da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e do Consello da Cultura Galega. Ambas as institucións emitiron informe favorable á declaración deste inmoble como ben de interese cultural, dando así cumprimento ao requirido no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Como conclusión de todos os aspectos sinalados nos diferentes informes, destaca o seu indubidable interese non só desde o punto de vista construtivo e a evolución do dominio sobre o territorio, senón pola súa significación como fito da referencia histórico-artística para o contorno en que se sitúa.

A declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento ten como obxecto garantir a súa conservación, establecendo uns criterios de intervención específicos para a protección material do edificio e das súas partes integrantes, así como os bens mobles, tomando en consideración a importancia dos seus valores culturais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do nove de febreiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, sito no lugar de Quintáns, na parroquia de Santo Estevo de Noalla no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), segundo á descrición do ben que consta no anexo I e a delimitación e contorno de protección recollidos no anexo II e, por ultimo, as fotografías deste inmoble contidas no anexo III.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de bens de interese cultural e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural dependente da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección previsto para os bens de interese cultural na lexislación vixente.

Cuarto. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ao Concello de Sanxenxo.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición do ben

1. Descrición.

a) Inmoble.

O Pazo de Quintáns ou Quintanes sitúase no lugar de Quintáns, na parroquia de Santo Estevo de Noalla, concello de Sanxenxo, provincia de Pontevedra. A edificación principal é unha construción en forma de L de dúas plantas, executada con muros de cantaría de granito. Ten balcón ao sur e galería acristalada ao norte. As dúas plantas que o conforman comunícanse mediante una escaleira interior e outra exterior con miradoiro, tipo patín, este último cunha balaustrada tallada en pedra. O pazo conta tamén, nas súas fachadas sur e leste, con dous escudos nobiliarios e está cuberto con tellado a oito augas, pola súa peculiar configuración, e gran cheminea labrada ao leste.

O corpo principal do Pazo de Quintáns presenta na súa configuración actual unha planta en escuadro. A pauta histórica e evolutiva deste tipo de pazos en escuadro implica, polo xeral, unha orixe a partir dunha torre baixomedieval xunto á cal se aliñaría unha primeira coxía lonxitudinal e co tempo, outras alas en escuadro. Neste caso, en Quintáns non hai evidencias visuais de que existise unha torre. No entanto, as mencións a unha «torre» localizada no Casal de Moldes e, sobre todo, as obras barrocas de finais do século XVII apuntarían á preexistencia do tipo dunha torre baixomedieval que posiblemente estaba situada no actual extremo sur da construción. Esta torre desapareceu debido ás intensas reconstrucións e ampliacións da casa durante época barroca. A súa substitución tería servido como punto de partida para a prolongación da casa cara ao norte, mediante as obras desenvolvidas durante o século XVII.

É viable supoñer que a primeira etapa nas obras que alteraron a fisonomía da primitiva casa e torre, que tería existido no Casal de Moldes, tiveron lugar entre finais do século XVI e comezos do XVII, seguramente coincidindo coa fundación do morgado de Quintáns.

Outro elemento de interese é a mención a un corredor situado cara ao «vendaval», é dicir, poente ou oeste. Tras as obras de reedificación e ampliación, a entrada principal e orixinal da casa mantívose pola fachada lonxitudinal oeste. Nesa liña de fachada apréciase unha porta de grandes doelas en arco apainelado. O formato da outra porta aberta na fachada occidental pertencería tamén ás obras de ampliación de finais do século XVII, neste caso cunha solución alintelada, de novo sen molduras. Durante as mesmas obras teríanse aberto as catro fiestras rectangulares e sen trabatel na parte alta do tramo central da fachada, tamén de gran sinxeleza e dispostas a intervalos irregulares.

No primeiro espazo da planta baixa, cara ao extremo suroccidental da casa, situaríase a primitiva escaleira principal, probablemente eliminada en reformas posteriores. A conservada hoxe ten un formato de dobre tiro, que é unha solución práctica pero non propia nas edificacións dos pazos do XVII e XVIII.

Como resultado das obras de ampliación de finais destes séculos, completouse a cociña cos novos cuartos que prolongaron a casa cara ao norte, ata onde se situaría o lagar. Baixo a solaina que mira para o xardín, dispuxéronse dous ocos alintelados de certa amplitude. O tipo de balaústres que presenta o peche deste balcón aberto ou solaina correspóndese igualmente coas obras de finais do XVII.

En dirección ao suroeste, as obras de finais do XVII afectaron tamén a fachada curta do pazo cara á actual estrada. Esta fachada carece de ocos na planta baixa e organízase na principal, con dúas fiestras que flanquean o escudo central. Esta pedra de armas alusiva a Paadín e Valladares corresponderíase inequivocamente, polo seu formato e polo estilo das súas molduras, coas obras de finais do século XVII. Á mesma época debería corresponder o balcón sobre sollado de pedra que avanza sobre a fachada, cuberto pola prolongación do tellado e apoiado sobre tres ménsulas curvas. O balcón aparece hoxe pechado na súa fronte con táboas de madeira apoiadas en soportes metálicos.

A finais do século XVIII ou incluso no primeiro terzo do XIX, realizouse, probablemente a ampliación da casa cara ao xardín, completándose coa parella de estancias que se engadiron polo lateral oriental, unha usada como adega e a outra como posible espazo para unha nova cociña con lareira, que nos últimos tempos do pazo se reformou para corte de gando.

Á primeira metade do XVIII podería pertencer o muro que pecha o xardín, datado probablemente nos finais do XVII e primeiras décadas do XVIII, desde a esquina sur do pazo ata enlazar coa capela. A porta rectangular aberta para o paso cara ao xardín aparece decorada con ameas triangulares. Estas ameas repítense na porta que dá acceso ao patio de labor ao outro lado da fachada curta do suroeste, na zona máis tarde lousada como eira.

Como nova etapa de obras, xa no século XIX, seguramente na segunda metade, teríase dado ao pazo a súa configuración practicamente definitiva.

Desde finais do XIX a comezos do XX debeuse prolongar novamente a casa cara ao norte, engadindo as dúas estancias que serven de segunda adega, máis estreita cá principal, e posible almacén de apeiros. Concluída esta ampliación debeuse de pechar o patio de labor por medio do muro que enlaza as casas dos caseiros coa esquina norte do pazo. Nesta entrada nova cara ao patio colocáronse, sobre o lintel do gran portal, uns pináculos piramidais. Estes son moi diferentes, pola súa historicista interpretación, de modelos barrocos das rústicas ameas medievalizantes das outras portadas exteriores do pazo.

Tras concluír esta última ampliación, quizais xa a primeiros do século XX, foi posible ampliar os espazos domésticos do piso principal ao propoñer como zona de galería o extremo da casa que mira ao nordeste.

Os postes de pedra e reixa metálica que pechan a praciña dianteira foron incorporados na segunda metade do século XX.

b) Partes integrantes.

b.1. Escudos: nas fachadas sur e leste presenta dous escudos nobiliarios. A labra heráldica máis antiga do pazo é a que leva as armas de Paadín e Valladares, hoxe situada tras a balconada da fachada curta que mira ao suroeste. Esta combinación de armas coincide, ademais, co escudete central do escudo conservado na casa pontevedresa da Pedreira, actual Pazo de Mugartegui, construído con posterioridade por outro descendente dos Paadín, xa no século XVIII.

Outro escudo na solaina sur, de mediados do século XVIII, con seis partes iguais:

1º. Tres faixas dos Parga, 2º. Cinco follas de figueira en aspa, 3º. Xadrezado de catro pezas de ouro e catro de goles, 4º. Banda en diagonal engulida por cabezas de dragóns, dos Andrade ou Freire de Andrade, 5º. «En campo de prata, unha torre de pedra, aclarada de sable, cunha espada á súa destra e posta en banda», dos Paadín, e 6º. Ponte sobre un río, sen castelo, variante dos Ponte ou Aponte.

b.2. Casa de caseiros: construción de planta baixa situada ao oeste, con muros de cachotaría de granito de diversas épocas, probablemente da segunda metade do século XIX, e ten unha planta alongada que pecha o predio polo oeste. Esta construción, xunto co pazo e dous muros laterais, delimita un patio con eira.

b.3. Hórreo: o hórreo de cantaría, datado a inicios do século XX, segundo o informe histórico, que pecha o predio polo norte, ten unha lonxitude superior aos 16 metros, divididos en 7 vans. Ten dúas plantas co acceso pola baixa, comunicadas polo interior e ventilada a segunda a través de entaboados de madeira.

b.4. Capela da Quinta Angustia: a capela é unha pequena construción de cantaría, que se sitúa ao sur do pazo en relación co camiño. No seu interior hai un oratorio definido por bóveda pétrea de canón, hoxe en cantaría vista. Dentro dela, encóntrase unha imaxe e un altar de pedra. No frontal obsérvase unha cruz de dobre face, singular pola súa labra. A sinxeleza da portada en arco carpanel da fachada lonxitudinal da casa principal ten unha réplica de maior calidade artística na edificación da capela da Quinta Angustia. Esta pequena capela construíuse exenta e separada da casa, algo adiantada en dirección ao camiño. Presenta unha fábrica de cantaría na súa fachada con arco e paredes de cachotaría con esquinais de reforzo de cantaría nas tres fachadas restantes. A capela está agora unida coa casa por medio do tramo sur do muro de peche do xardín, pero a súa posición orixinal debeu de ser exenta.

A sinxela capela de planta rectangular é máis ben un oratorio disposto ou aberto para os camiñantes. A súa portada, en arco de medio punto, está moldurada con bases e finos baquetóns nas xambas que flanquean o acceso ao interior. Sobre o arco destaca a peza de clave decorada cunha voluta moldurada, sobre a cal se labrou un Sagrado Corazón. Como remate sobresae un Cristo crucificado cunha Virxe apegada pola parte traseira do crucifixo. O interior cóbrese con bóveda de canón de cantaría e remata nun testeiro recto en que se sitúa a peaña coa imaxe da Virxe da Quinta Angustia, labrada en pedra. A Virxe está representada co xesto de implorar xuntando as mans, das cales pende un rosario e podería datarse, polos seus esquemáticos pregamentos, no segundo terzo do século XVII; por tanto, sería anterior á obra da capela que a acolle.

b.5. Xardíns: as construcións rodéanse de xardíns e patios, con árbores ornamentais e froiteiras, así como sebes de buxo. O xardín principal conserva parte do trazado orixinal, coroado por unha traballada fonte ornamental e especies de interese. O xardín actual mostra os restos dunha composición de céspede e flores con restos de tres cuarteiróns flanqueados por buxos para deixar camiños de paseo intermedios. O plan deste trazado debía consistir en crear unha composición simétrica e radial, repartida nunha serie de compartimentos ou cuarteiróns que rodearían a fonte. O tipo de deseño e as especies que se conservan apuntan a un trazado de xardín establecido a comezos do século XX. Nalgún momento, a partir de mediados do XX, encargouse a mesa de granito con bancos do mesmo material que se sitúa a un lado da fonte, tamén un pedestal de granito sen a estatua, ou elemento que debía rematalo.

Estes elementos inseríronse no xardín cando xa probablemente se perdera parte do trazado de cuarteiróns da composición de céspede orixinal, sobre todo no caso da mesa con bancos. As árbores froiteiras plantadas na segunda metade do século XX confirman esta eliminación do trazado de xardín ornamental para potenciar a caracterización do espazo como horta. No centro xeométrico do predio aparece a estrutura metálica dunha glorieta, que as fotos históricas descobren como cruzamento de paseos axiais.

b.6. Fonte: o principal elemento ornamental do xardín é a fonte labrada en pedra granítica. Esta fonte responde a unha tipoloxía derivada dos chafarices do século XVI, desenvolvida en Galicia sobre todo durante o século XVII. O primeiro tramo do fuste é similar ao que conserva a fonte do Pazo de Trasouteiro, da mesma época.

A cubeta lobulada e con máscaras tamén reproduce motivos decorativos similares. O remate con carnosas follas vexetais e florón remite, en cambio, a modelos xa pasados de moda en época barroca, pertencentes ao século XVI, como a fonte compostelá situada fronte ao colexio de San Clemente.

O vaso inferior circular e a súas sinxelas molduras rectas son discordantes coas características do resto de elementos, dado que esta parte inferior non pertence ao barroco. A combinación de solucións estilísticas diferentes e o pequeno formato da fonte poderían suxerir que se trata doutra realización historicista, encargada seguramente a comezos do século XX, copiando ou inspirándose en modelos dos séculos XVI ao XVII.

b.7. Muro de peche: a propiedade conta cunha grande extensión de terreo, delimitada ao leste por un muro de peche de tres metros de alto. Está executado en cachotaría de boa calidade e tensores metálicos nas esquinas. No muro ábrense tres portas e unha fiestra paisaxística de gran valor simbólico. No centro xeométrico do predio aparece a estrutura metálica dunha glorieta, que as ortofotos históricas descobren como cruzamento de paseos axiais.

c) Outros bens que constitúen parte da súa historia.

Na capela ou oratorio sobresae a imaxe en pedra da Virxe da Quinta Angustia, peza datable no segundo terzo do século XVII segundo J.M. García Iglesias.

Entre as pezas de mobiliario conservadas (algunhas deterioradas) no interior da casa, presentan interese artístico algúns mobles probablemente pertencentes ás etapas finais en que o pazo estivo habitado, entre finais do século XIX e comezos do XX. Entre estes mobles destacan os que a seguir se enumeran, que, ben que non se considera que deba estenderse a protección a eles, se entende recomendable que se procuren integrar no proceso de rehabilitación para comunicar e reforzar con carácter auténtico a historia e evolución do seu uso:

1º. Moble de recibidor na planta baixa.

2º. Cabeceiro e estrutura de cama de madeira tallada.

3º. Dúas ferraxes historicistas na porta central da terraza aberta ao xardín. Son dúas platinas de ferro forxado, con formas vexetais inspiradas en modelos medievais (comezos do século XX).

4º. Petador con forma de man na mesma porta central da terraza aberta ao xardín (comezos do século XX).

5º. Cociña de ferro tipo bilbaína na planta alta.

6º. Chineiro con louza, encaixado no muro da cociña da planta alta.

7º. Randeeira de madeira curvada e vimbio de finais do século XIX (planta alta, galería).

8º. Estufa de fundición de finais do século XIX (planta alta, local previo ao balcón).

2. Estado de conservación.

Segundo se indica na documentación elaborada polo Concello de Sanxenxo e o contido do plan director do monumento que está a preparar, actualizado durante o ano 2016, o estado xeral de conservación en que se atopa o pazo non é o axeitado.

O abandono prolongado derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, como principal consecuencia, produciuse a derruba dalgunhas partes da cuberta e pisos.

Ao analizar o edificio e os diferentes detalles construtivos, sobre todo no relativo á estrutura portante e horizontal, obsérvanse numerosas intervencións en que, ao longo do tempo, se foron reparando parcialmente as diferentes patoloxías existentes nel, pero non se solucionou a orixe do problema, o que, sumado á falta de mantemento do edificio durante anos, derivou na situación actual de deterioración nalgún dos seus sistemas construtivos.

Da análise das fábricas sinálase que o seu estado de conservación é, en xeral, bo. Porén, a desaparición da cuberta nalgunhas zonas fai que a humidade derivada das filtracións actúe negativamente sobre os muros. O estado das carpintarías exteriores é moi deficiente.

Verifícase que a etapa de abandono a que se someteu o edificio prexudicou especialmente as cubertas do conxunto, tanto no relativo ao sistema de cubrición coma á estrutura portante de madeira, resolta basicamente mediante tesoiras e estruturas trianguladas para a formación das distintas vertentes.

As dúas patoloxías máis xeneralizadas son o ataque do sámago da madeira por parte de insectos xilófagos e a presenza de fungos nos apoios estruturais e nas zonas onde esta desapareceu. Ademais dalgúns dos pisos orixinais de madeira colapsados, detectáronse falsos teitos e pisos do edificio afectados pola humidade, o que parece indicar que a maioría das estruturas intermedias que resolven os niveis interiores do edificio están completamente deterioradas pola acción da humidade procedente das filtracións. Apréciase que as divisións interiores se encontran en mellores condicións que os pisos, aínda que, ao estaren na súa maioría revestidas con enfuscados e recebas, non é posible comprobar o seu estado real. É de supoñer que a presenza de humidades durante un tempo prolongado afectaría as estruturas internas de madeira.

Tamén se deterioraron ou desapareceron a práctica totalidade das carpintarías de madeira en portas, fiestras e outros elementos construtivos interiores.

En canto ás instalacións, constátase que houbo instalación de electricidade, fontanaría e salubridade que, nas condiciones actuais, se consideran en gran parte totalmente inservibles. En resumo, o edificio ten un sistema de cuberta deteriorado que provocou a aparición de diferentes lesións vinculadas ao aumento relativo da humidade nos materiais que a soportaban e que, tras un tempo, acabaron colapsándose e afectaron outras partes da edificación, polo que os elementos da estrutura da cuberta están con apreciables signos de esgotamento estrutural. En canto ás fábricas e malia as lesións observadas, está nun bo estado desde o punto de vista estrutural.

3. Consideracións xurídicas sobre a súa conservación.

O réxime de protección dun monumento declarado ben de interese cultural será o que define o capítulo III do título II da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto, o artigo 41.3 establece:

[...] Aos bens declarados de interese cultural corresponderalles sempre unha protección integral, sen prexuízo dos diferentes niveis de protección que correspondan a algún dos elementos singulares que compoñen en conxunto un ben de carácter territorial.

A protección integral implica a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todo os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.

Polo que respecta ás actuacións autorizables estas serían:

– As de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.

– As de rehabilitación poderán autorizarse sempre que o proxecto de intervención garanta a conservación dos valores culturais protexidos e que se trate de adaptacións necesarias para adecuar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, confortabilidade ou salubridade ou para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais que garanta a súa conservación e o acceso público a el.

– As ampliacións dun ben inmoble, exclusivamente en planta, no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e se resolvan como volumes diferenciados.

– As de reconstrución, de xeito excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais dos cales se poida probar a súa autenticidade e a posición orixinal.

Ademais, as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei.

A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

En conclusión, o réxime derivado da declaración, tanto para o monumento como para o seu contorno, obriga á autorización previa da Consellería de Cultura de calquera intervención ou cambio de uso, que deberá garantir a compatibilidade cos valores culturais e deberá contar con proxectos técnicos axeitados aos criterios definidos na Lei do patrimonio cultural de Galicia e redactados por técnicos competentes.

Á vista do estado de conservación e a propiedade municipal do inmoble que ten previsto, segundo a documentación achegada, darlle un uso público, debe indicarse que os proxectos que desenvolvan a futura rehabilitación deben avaliar especialmente aqueles elementos que, polo seu estado de deterioración ou por non corresponderen con partes ligadas co seu valor cultural, poidan ou teñan que ser substituídos por outros que, de forma compatible coa conservación das fábricas e da lectura da súa espacialidade, faciliten a introdución dos usos previstos, en especial, os pisos, estruturas, da cuberta e distribución da planta alta.

Estes aspectos serán desenvoltos nun plan director previo, tal como se detalla no artigo 90.2.a) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e someterase ao informe do departamento competente en materia de protección do patrimonio cultural.

Así mesmo, o devandito plan promoverá a integración dos espazos libres do xardín para o seu uso e lecer que, se ben non debería ser unha mera reprodución dun modelo dun momento histórico pasado, si debería permitir identificar e recoñecer os elementos que se conservan deses momentos.

ANEXO II
Delimitación e contorno de protección

A definición do monumento propiamente dito corresponde co predio, construcións e instalacións do recinto murado do coñecido como Pazo de Quintáns, con referencia catastral 36051A028001070000FY e que se localiza no lugar de Quintáns núm. 2, en Noalla, parcela 107 do polígono 28, en Quintáns 36990 Sanxenxo (Pontevedra), con superficie de solo 8.510 m2 e de construcións 537 m2 sen división horizontal.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais, liña de ferrocarril e estradas ou camiños, polos cales discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría anexa. As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e a parcela catastrais (polígono/parcela). A delimitación do contorno de protección proposto axústase aos seguintes puntos:

– A, situado no extremo sueste do predio con referencia catastral 36051A028000430000FA (polígono 28, parcela 43), tamén identificada como parcela 28/43 e continúa polo límite sur das parcelas 28/42, 28/41 e 28/40, que quedan todas elas fóra do contorno que se vai definir, seguindo polo norte da parcela 28/94 ata chegar ao camiño a que dá fronte, indo por el cara ao sueste, limitando coas parcelas 28/6007, 28/6006, 28/6004 e 28/6005. Esta última dá fronte á estrada EP-9208, Sanxenxo (Pontevedra), en cuxo eixe se sitúa o punto B.

– Do punto B baixa por esta vía cara ao sur, por diante da reitoral e da igrexa parroquial de Santo Estevo de Noalla.

– O punto C sitúase á altura da parcela 23/01, onde cambia de dirección cara ao oeste, incluíndo no perímetro a parcela do cruceiro da igrexa. O trazado discorre polo linde norte da parcela 23/290 (excluída do contorno) ata o punto D.

– O punto D localízase na intersección do predio descrito coa 23/231 e un camiño que sobe cara ao norte en dirección ao Pazo de Quintáns.

– O punto E está no extremo sueste da parcela 23/280, desde onde continúa cara ao leste incluíndo esta e a 23/273. Na esquina suroeste desta última represéntase o punto F.

– Do F baixa en dirección sur polo lindeiro leste da parcela 23/271, uns 11,50 metros. A esta distancia sitúase a liña divisoria entre a parcela catastral 36051A023002710001GQ e a 36051A023002710000FM, correspondente esta última á superficie de terreo das subparcelas c e d, que quedan fóra do contorno de protección. Seguindo o mesmo criterio, continúa a delimitación entre as subparcelas a e b (incluída esta), correspondentes aos predios catastrais 36051A023002660000FT e 36051A023002660001GY. Seguindo a mesma dirección cara ao oeste, continúa polo linde da parcela 29/07 aproximadamente 55 m en perpendicular ao camiño.

– Neste punto G volve cara ao norte polo fondo das parcelas 29/09, 29/10, 29/04 e 29/03; desde o extremo noroeste desta atravesa outro dos camiños que levan ao pazo, ata a esquina suroeste da parcela 28/201.

– Desde este punto, en que se sitúa H, a delimitación sobe cara ao norte e logo cara ao leste polos límites desta parcela e prosegue pola 28/202. No encontro deste predio coa vía pública, prolóngase atravesando o camiño para situar o punto I na outra beira, tocando coa parcela 28/122.

– O punto J está no extremo do límite entre as parcelas 28/238 e 28/123. Desde o punto anterior, o perímetro amplíase cara ao noroeste para incluír as parcelas mencionadas e as 28/122, 28/121, 28/120, 28/119, 28/118 e 28/239.

– Desde esta intersección busca o extremo sur da parcela 28/67 (excluída do ámbito), desde o cal discorre cara ao nordeste ata o punto K, incluíndo os predios 28/116, 28/115, 28/114, 28/49 e 28/231.

– Desde o punto K localizado no extremo norte da parcela 28/231, baixa incluíndo a 28/50, 28/48 e 28/113, ata chegar ao punto A inicial.

ANEXO II

missing image file

ANEXO III

missing image file