Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2017 Páx. 12803

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se modifica a delimitación proposta no procedemento para incluír, como lugar de valor etnolóxico, a eira e o conxunto de hórreos de Mundín, na parroquia de Garabás, no termo municipal de Maside, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

O día 24 de agosto de 2016, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolveu incoar o procedemento para incluír como lugar de valor etnolóxico a eira e o conxunto de hórreos de Mundín, na parroquia de Garabás, no termo municipal de Maside (Ourense), no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, consonte a descrición que figuraba no seu anexo I e a delimitación e contorno de protección recollidos nos seus anexos II e III.

No seu punto segundo resolvíase abrir un período de exposición pública, durante o cal foron presentadas dúas alegacións. Do seu informe, realizado pola Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, dedúcese de forma clara e inequívoca que se produciu un erro na definición gráfica dos límites da eira de hórreos. Efectivamente, a eira corresponde coa parcela 1219 do polígono 6 do lugar de Maside, cunha superficie aproximada duns 570 m2, con referencia catastral 32046A006012190000GJ, ben que se comproba que o vértice a non se situou no lugar correcto. A eira de hórreos debe axustarse aos límites catastrais e ao ámbito en que fica acreditado que existía este espazo pavimentado. Este axuste, ademais, pode ser determinante para alcanzar o obxectivo establecido pola sentenza.

Cómpre, polo tanto, modificar a delimitación do conxunto no referido á determinación dos límites da eira de mallar e abrir un período de información pública, ao supoñer unha modificación relevante do recollido na incoación.

Á vista do exposto, vistos os ditos informes técnicos, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a delimitación da eira de hórreos do lugar de valor etnolóxico incoado segundo a Resolución do 24 de agosto de 2016, da eira e o conxunto de hórreos de Mundín, na parroquia de San Pedro de Garabás, no termo municipal de Maside (Ourense), consonte as coordenadas e a identificación gráfica do anexo.

Segundo. Manter a identificación do resto de elementos e do seu contorno de protección segundo a devandita Resolución do 24 de agosto de 2016.

Terceiro. Abrir un novo período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela).

Cuarto. Manter a anotación no catálogo e a aplicación provisional, ata a resolución do procedemento, do réxime de protección que establecen os títulos II e IV da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os lugares de valor etnolóxico catalogados, polo que calquera intervención no inmoble ou que afecte o seu contorno de protección nos termos previstos no artigo 45 precisará da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Modificación da delimitación da eira de mallar do lugar de interese etnolóxico da eira e conxunto de hórreos de Mundín

Eira de mallar pavimentada: espazo pavimentado con lousas de granito de bo tamaño, situada ao norte do conxunto dos seis hórreos, que se axusta nas súas características á definición de eira recollida no dicionario galego-castelán de Leandro Carré Aldao (1928-1931): «Terreo calzado ou empedrado onde se mallan os cereais». No seu estado actual de conservación está alterada e desvinculada do conxunto por mor de anteriores intervencións e conserva moi parcialmente o pavimento de lousas con cintaxes, completa a superficie con novos pavimentos.

A eira de hórreos de Mundín corresponde coa parcela 1219 do polígono 6 do lugar de Maside, cunha superficie aproximada duns 570 m2, con referencia catastral 32046A006012190000GJ. Os hórreos 2 ao 6 atópanse no interior desta eira pública, mentres que o hórreo 1 está localizado cara ao sueste da parcela, no espazo público.

O axuste definido para a delimitación da eira despois das correccións indicadas corresponde cos seguintes puntos:

Coordenadas UTM ETRS89 FUSO 29:

Elemento

Vértices

X

Y

Eira de mallar

a

580112

4698060

b

580102

4698050

c

580125

4698019

d

580140

4698027

Hórreos

Hórreo 1

580143

4698023

Hórreo 2

580136

4698027

Hórreo 3

580130

4698032

Hórreo 4

580124

4698035

Hórreo 5

580125

4698039

Hórreo 6

580118

4698039

missing image file