Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2017 Páx. 12415

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 7 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e o Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Idenf.): 334526.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Programa I. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

2. Programa II. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade e pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

Segundo. Obxecto

1. Programa I. Este programa ten por obxecto a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

2. Programa II. Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2017, os incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e o Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

1. Programa I. Ten un importe de 17.133.369 euros.

2. Programa II. Ten un importe de 1.100.000 euros.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

1. Programa I. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2017.

2. Programa II.

a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

c) O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria