Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2017 Páx. 12196

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 25/2017, do 23 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-960, treitos: A Susana-polígono industrial (punto quilométrico 0+000-0+810) e polígono industrial-A Eirexe (punto quilométrico 1+170-2+250), nos concellos de Santiago de Compostela e Boqueixón (clave AC/16/087.06).

Antecedentes.

O 9 de novembro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 213) o Anuncio do 26 de outubro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-960, treitos: A Susana-polígono industrial (p.q. 0+000-0+810) e polígono industrial-A Eirexe (p.q. 1+170-2+250), de clave AC/16/087.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Posteriormente, e tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 20 de xaneiro de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-960, treitos: A Susana-polígono industrial (p.q. 0+000-0+810) e polígono industrial-A Eirexe (p.q. 1+170-2+250), de clave AC/16/087.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dun itinerario mixto (peonil e ciclista) na marxe dereita da estrada AC-960, coa finalidade de comunicar o núcleo da Susana e o lugar da Eirexe, constituíndo así un itinerario continuo entre ambas as poboacións. A senda obxecto deste proxecto executarase en dous treitos: A Susana-polígono industrial, p.q. 0+000-0+810, e polígono industrial-A Eirexe, p.q. 1+170-2+250.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-960, treitos: A Susana-polígono industrial (p.q. 0+000-0+810) e polígono industrial-A Eirexe (p.q. 1+170–2+250) de clave AC/16/087.06.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda