Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2017 Páx. 12194

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de febreiro de 2017 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Pablo Borreguero Sanmartín e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Pablo Borreguero Sanmartín, presentado ante o Protectorado de Fundacións de Interese Galego.

Feitos.

Primeiro. O 16 de decembro de 2016 a secretaria do Padroado da Fundación solicita a ratificación polo Protectorado do acordo de extinción adoptado polo Padroado na súa reunión do 1 de decembro de 2016.

Segundo. A Fundación Pablo Borreguero Sanmartín foi constituída en escritura pública do 27 de novembro de 2007, clasificada de interese deportivo pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de marzo de 2008 e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Cultura e Deporte do 31 de marzo de 2008, e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza co número 2008/5.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, son o desenvolvemento de valores cívicos, culturais e de solidariedade a través do fomento e promoción do deporte; o desenvolvemento de calidades deportivas e humanas entre os nenos e mozos galegos; a exaltación de valores de solidariedade e compañeirismo e a promoción de intercambios de experiencias e culturas contribuíndo ao crecemento san e humano da mocidade.

Cuarto. A Fundación presenta un certificado do 1 de decembro de 2016 no cal consta a aprobación do acordo de extinción por unanimidade dos seus membros, así como a memoria xustificativa da extinción por imposibilidade de realizar o fin fundacional e as contas correspondentes ao exercicio 2016.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é competente para resolver esta solicitude, segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O artigo 54 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o artigo 21 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego e demais normativa de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Pablo Borreguero Sanmartín e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá interpoñerse previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza