Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2017 Páx. 12328

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2017 pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2017 pola que se anuncia a licitación, mediante procedemento aberto e sistema multicriterio, tramitación ordinaria e documentalmente simplificada, do contrato non suxeito a regulación harmonizada de execución de obra (expediente 10/2016/CNTOB).

No número 5 da Resolución do 24 de febreiro de 2017, da entidade pública Portos de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 43, do 2 de marzo, pola que se anuncia a licitación, mediante procedemento aberto e sistema multicriterio, con tramitación ordinaria e documentalmente simplificada, do contrato non suxeito a regulación harmonizada, de execución da obra que se cita (expediente 10/2016/CNTOB), disponse que o prego tipo de cláusulas administrativas particulares (PCAP) e o cadro de características do contrato (CCC) se poderán obter no perfil de contratante.

Detectado un erro material no contido do CCC que rexerá a licitación das obras de mellora do abrigo da dársena norte do porto de Ribeira (A Coruña), con clave 10/2016/CNTOB, descritas no número 2 da dita Resolución do 24 de febreiro de 2017, o 3 de marzo de 2016 apróbase unha modificación do contido dos números 6.1, 6.2 e 6.4 do dito CCC, déixase sen efecto o disposto neses números e apróbase unha nova redacción do CCC, que queda do seguinte modo:

– No número 6 do CCC, referido aos requisitos específicos do contratista, onde di:

«6.1) Clasificación exixida: grupo; subgrupo F; categoría 3.

6.2) Solvencia obrigatoria: non se exixe.

6.4) Clasificación substitutiva para os efectos de solvencia: non procede».

Debe dicir:

«6.1) Clasificación exixida: de acordo co disposto no artigo 65.1.a) do TRLCSP, non procede exixir clasificación por ser o valor estimado das obras inferior a 500.000,00 €.

6.2) Solvencia obrigatoria: por non resultar exixible a clasificación, os licitadores deberán acreditar inescusablemente a súa solvencia económica ou financeira e a técnica ou profesional.

A) De acordo co disposto na clásula 3.3.2.1 do PCAP, a solvencia económica acreditarase por calquera dos seguintes medios:

1. Declaración sobre o volume anual de negocios, nos últimos 3 anos.

Reputarase solvente o licitador que acredite un volume de negocios igual ou superior ao 50 % do orzamento base de licitación, na conta de perdas e ganancias de calquera dos 3 últimos exercicios contables, aprobados e depositados no Rexistro Mercantil ou oficial que corresponda, acreditado mediante certificación, nota simple ou información análoga expedida polo Rexistro e que conteña as contas anuais, sempre que estea vencido o prazo de presentación e estean depositadas; se o último exercicio se atopase pendente de depósito, deben presentalas xunto coa certificación da súa aprobación por parte do órgano competente e da súa presentación no Rexistro.

Os empresarios individuais non inscritos deberán acreditar o volume de negocios por medio dos seus libros de inventarios e contas anuais legalizados polo Rexistro Mercantil.

2. Patrimonio neto, ou ben ratio entre activos e pasivos, ao peche do último exercicio económico para o cal estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais.

Reputarase solvente o licitador que acredite un patrimonio neto por importe igual ou superior ao 50 % do orzamento base de licitación.

En todo caso, a inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas das Administracións Públicas acreditará fronte ao órgano de contratación, ao teor do que no citado rexistro se reflicta e salvo proba en contrario, as condicións de solvencia económica e financeira do empresario.

B) Segundo o disposto na cláusula 3.3.2.2 do PCAP, a solvencia técnica será xustificada polo licitador a través da presentación dunha relación das obras executadas no curso dos dez (10) últimos anos, avalada por certificados de boa execución para as obras máis importantes. Estes certificados indicarán o importe, as datas e o lugar de execución das obras e precisarase se se realizaron segundo as regras polas cales se rexe a profesión e se levaron normalmente a bo termo.

Para estes efectos, as obras executadas por unha sociedade extranxeira filial do contratista de obras terán a mesma consideración que as directamente executadas polo propio contratista, sempre que este último posúa directa ou indirectamente o control daquela nos termos establecidos no artigo 42 do Código de comercio. Cando se trate de obras executadas por unha sociedade extranxeira participada polo contratista sen que se cumpra a dita condición, só se recoñecerá como experiencia atribuíble ao contratista a obra executada pola sociedade participada na proporción da participación daquel no capital social desta.

Considerarase solvente o contratista que no ano de maior execución, dentro do período antes sinalado, acredite un volume executado, sen incluír impostos, igual ou maior ao 50 % do orzamento base de licitación.

De acordo con isto, o contratista deberá certificar o anterior, completando e asinando o cadro recollido na cláusula 3.3.2.2 do PCAP.

6.4) Clasificación substitutiva para os efectos de solvencia: os licitadores poderán optar por acreditar a súa solvencia coa presentación do certificado de clasificación nos seguintes grupos, subgrupos e categorías: grupo F, subgrupo 7, categoría 3».

Sobre a base desas modificacións, cómpre efectuar a seguinte corrección no contido do anuncio de licitación:

– Nas páxinas 10909 e 10910, no número 6, relativo aos requisitos específicos do contratista, onde di:

«a) Clasificación: F-7-3.

b) Solvencia económica e técnica: non se exixe a súa acreditación.

c) Outros requisitos: ademais da acreditación da clasificación exixida na letra a) anterior, e de acordo co exixido na cláusula 3.3.2.3 do PCAP, os licitadores, dentro do sobre A, deberán comprometer na súa proposta un equipo mínimo de traballo coas características especificadas na dita cláusula do PCAP».

Debe dicir:

«a) Clasificación: non se exixe.

b) Solvencia económica e técnica: por non resultar exixible a clasificación obrigatoria, os licitadores deben acreditar a súa solvencia de acordo co disposto no número 6.2 do CCC e na cláusula 3.3.2 do PCAP.

c) Clasificación substitutiva, para os efectos de solvencia: F-7-3.

d) Outros requisitos: ademais da acreditación da solvencia exixida na letra b) anterior, e de acordo co exixido na cláusula 3.3.2.3 do PCAP, os licitadores, dentro do sobre A, deberán comprometer na súa proposta un equipo mínimo de traballo coas características especificadas na dita cláusula do PCAP».

– Obtención de información e da documentación corrixida:

1º. Entidade: División de Contratación de Portos de Galicia.Teléfono: 881 99 25 70.

2º. Enderezo da internet: http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=64003

– Prazo de presentación de proposicións:

Á vista do anterior, ábrese un novo prazo de presentación de ofertas para participar na licitación convocada para adxudicar as obras de referencia, que rematará ás catorce (14.00) horas do vixesimo sexto (26º) día natural seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. No caso de que ese día coincida en sábado ou festivo, o prazo rematará o primeiro día hábil seguinte.

– Data de apertura de ofertas: a apertura pública das ofertas técnicas (sobre B) levarase a cabo nun prazo non superior a sete (7) días contados desde a apertura da documentación administrativa do sobre A. No caso de que ese día coincida en sábado ou festivo, a apertura realizarase o primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia