Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 7 de marzo de 2017 Páx. 11498

III. Outras disposicións

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2017 pola que se dispón a publicación do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia.

A Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, na reunión do día 23 de febreiro de 2017, aprobou o Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, conforme o disposto nas normas sobre a súa tramitación, aprobadas pola Mesa do Parlamento o día 31 de xaneiro de 1992 e publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia núm. 243, do 28 de febreiro de 1992.

En cumprimento do disposto nas devanditas normas, ordénase a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente

Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia

Exposición de motivos:

O artigo 3 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, atribúe a esta institución a competencia para todo o concernente ao goberno, réxime interior e persoal ao seu servizo. Para estes efectos, o 2 de xuño de 1992, a Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas aprobou o Regulamento de réxime interior desta institución, que estivo vixente ata a actualidade.

A Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción, supuxo a atribución de novas competencias ao Consello de Contas e a modificación da súa estrutura organizativa coa creación dunha nova Sección de Prevención da Corrupción, o que comporta a necesaria adaptación do Regulamento de réxime interior ás modificacións introducidas por esta lei, tal e como establece a súa disposición derradeira primeira.

Por outra parte, o tempo transcorrido desde a súa aprobación e as modificacións producidas desde entón no noso ordenamento xurídico determinan a conveniencia de acometer unha revisión máis profunda do regulamento ata agora vixente para adecualo ás necesidades que imperan na actualidade.

O novo regulamento consta de cinco títulos, dúas disposición adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e tres derradeiras. O título primeiro, denominado «Disposicións xerais», delimita a natureza, funcións e principios do Consello de Contas. O título segundo recolle os aspectos organizativos, destacando a regulación da nova Sección de Prevención da Corrupción. As normas procedementais están contidas no título terceiro, dividido en cinco capítulos, que recollen sistematicamente a regulación da planificación de actuacións, o deber de colaboración, as funcións de fiscalización e de prevención da corrupción e o resto das funcións atribuídas ao Consello de Contas. O título cuarto está dedicado ao persoal e á organización administrativa. Pecha o regulamento o título quinto, dedicado ao réxime xurídico e ás relacións institucionais.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e autonomía

1. O Consello de Contas é o órgano público de fiscalización externa das contas e da xestión económica e financeira do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. Asume a competencia de prevención da corrupción no ámbito do sector público autonómico e mais a fiscalización da evolución dos bens patrimoniais de altos cargos e desenvolve funcións consultivas, configurándose como órgano asesor do Parlamento de Galicia en materia económico-financeira.

2. O Consello de Contas depende do Parlamento de Galicia, actúa con personalidade xurídica propia e exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ao ordenamento xurídico.

Artigo 2. Funcións e ámbito de actuación

1. Correspóndenlle ao Consello de Contas as seguintes funcións:

a) Fiscalizar a actividade económico-financeira do sector público de Galicia, velando para que se axuste ao ordenamento xurídico e ao principio de racionalidade, determinado por criterios de eficiencia e economía, co alcance establecido nas alíneas a), b), c), d), e), g) e h) do artigo 4 da lei.

b) Exercer as competencias que en materia de prevención da corrupción lle atribúe o artigo 5 bis da lei.

c) Realizar, en materia de axuizamento contable, todas as funcións que lle delegue o Tribunal de Contas, de acordo co que prevé a Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, do Tribunal de Contas.

d) Exercer a función consultiva nos termos dispostos no artigo 4, alíneas f) e i), no artigo 5 bis, alínea c), e na disposición adicional bis da lei.

e) Fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico de acordo co que prevén o artigo 4, alínea j), e o artigo 24 ter da lei.

f) Realizar as funcións asumidas en colaboración co Tribunal de Contas e, de ser o caso, co Tribunal de Contas Europeo.

g) Calquera outra función que por lei ou por este regulamento se lle atribúa.

2. O ámbito subxectivo de actuación do Consello de Contas será o definido no artigo 2 da lei.

Artigo 3. Principios de actuación

1. A actividade do Consello de Contas está sometida aos principios de publicidade e transparencia. Os seus plans de traballo, informes, ditames e memorias serán obxecto de publicación polos medios adecuados que garantan a súa difusión.

2. Co obxectivo da mellora dos sistemas e procedementos de xestión, o Consello de Contas implementará sistemas de calidade e de avaliación sobre as súas actividades e actuacións.

3. O Consello de Contas atenderá nas súas actuacións aos principios de igualdade de xénero e atención ás persoas con discapacidade.

TÍTULO II
Organización e funcionamento

Artigo 4. Órganos

Son órganos do Consello de Contas:

1. O Pleno.

2. O conselleiro ou conselleira maior.

3. A Comisión de Goberno.

4. As seccións:

a) De Fiscalización.

b) De Axuizamento.

c) De Prevención da Corrupción.

5. Os conselleiros e conselleiras.

6. A Secretaría Xeral.

CAPÍTULO I
O Pleno

Artigo 5. Composición e funcións

1. O Pleno estará integrado por todos os conselleiros e conselleiras, un dos cales será o conselleiro ou conselleira maior.

2. Corresponde ao Pleno:

a) Exercer a función fiscalizadora de acordo co disposto na lei e neste regulamento.

b) Adoptar todas as disposicións e acordos que sexan necesarios para cumprir os fins que a lei e o regulamento lle encomendan ao Consello de Contas.

c) Aprobar o proxecto de Regulamento de réxime interior para o seu posterior sometemento ao Parlamento de Galicia.

d) Aprobar o proxecto de orzamento.

e) Propor o nomeamento dun dos seus membros para o cargo de conselleiro ou conselleira maior, designar os presidentes ou presidentas das seccións de Fiscalización e Axuizamento e adscribir os conselleiros e conselleiras aos departamentos sectoriais ou ás áreas correspondentes.

f) Aprobar a creación de comisións técnicas en materias e asuntos concretos.

g) Nomear e revogar, se é o caso, a persoa titular da Secretaría Xeral.

h) Aprobar o plan estratéxico de actuación a medio prazo do Consello, así como o plan anual de traballo e a memoria anual de actividades.

i) Aprobar o plan de prevención de riscos da corrupción do Consello de Contas e as súas modificacións, así como avaliar a súa xestión.

j) Aprobar todos os informes, memorias, mocións, notas, ditames e respostas ás consultas que formulen os órganos competentes do Consello.

k) Subscribir protocolos ou convenios de colaboración ou cooperación con outros órganos externos de fiscalización do sector público ou con entidades públicas ou privadas coa finalidade de mellorar o exercicio das funcións do Consello de Contas.

l) Adoptar os acordos que derivan das relacións co Tribunal de Contas e, se é o caso, coas institucións de control externo da Unión Europea.

m) Resolver os conflitos de atribucións e as cuestións de competencia entre os seus diversos órganos e suscitar, se é o caso, os conflitos que poidan afectar as competencias e atribucións do Consello.

n) Coñecer dos recursos contra as resolucións ditadas polo órganos do Consello.

ñ) Resolver incidentes de abstención e recusación e as cuestións que se susciten en materia de incompatibilidades.

o) Acordar a imposición de multas coercitivas.

p) Aprobar a relación de postos de traballo e as bases das convocatorias dos concursos específicos para a provisión daqueles.

q) Calquera outra función que lle encomende a lei ou este regulamento.

Artigo 6. Convocatoria e constitución

1. A convocatoria das sesións será acordada polo conselleiro ou conselleira maior, por iniciativa propia ou por solicitude previa de, cando menos, dous conselleiros ou conselleiras.

No primeiro caso, o conselleiro ou conselleira maior fixará a orde do día da sesión e poraa á disposición dos conselleiros e conselleiras, xunto coa documentación complementaria, cunha antelación mínima de catro días respecto á data da súa celebración.

Cando, polo menos, dous conselleiros ou conselleiras o soliciten, acordarase a convocatoria do Pleno nun prazo non superior a catro días desde esa solicitude, e a sesión deberá celebrarse nos catro días seguintes.

Calquera conselleiro ou conselleira poderá solicitar a inclusión dalgunha cuestión para ser tratada no Pleno, caso en que figurará na orde do día da seguinte sesión que se convoque. Tamén poderá incluírse calquera asunto na orde do día sempre que estean presentes todos os membros do Pleno e así o acorden por unanimidade.

2. Nos casos en que a importancia e a urxencia dos asuntos así o requira poderá acordarse a convocatoria dunha sesión cunha antelación non inferior a vinte e catro horas.

3. O Pleno, unha vez convocado, quedará validamente constituído cando estean presentes, ademais do conselleiro ou conselleira maior, dous conselleiros ou conselleiras e a persoa titular da Secretaría Xeral ou quen a substitúa.

4. Malia o disposto nos números precedentes, o Pleno quedará validamente constituído sen necesidade de convocatoria previa cando estean presentes todos os seus membros e así o acorden por unanimidade. Neste caso, a orde do día fixarase por acordo unánime antes do inicio da sesión.

Artigo 7. Adopción de acordos

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría de votos dos conselleiros e conselleiras asistentes. No caso de empate decidirá o conselleiro ou conselleira maior co seu voto de calidade.

2. En calquera asunto sometido ao coñecemento do Pleno, os conselleiros e conselleiras asistentes poderán facer constar a súa opinión discrepante coa decisión adoptada ou coa súa fundamentación, mediante un voto particular. O voto particular deberá anunciarse unha vez finalizada a votación do asunto que o determine e formalizarase mediante escrito presentado na Secretaría Xeral no prazo de cinco días, contados desde o seguinte ao da celebración da sesión, e deberá incorporarse á resolución adoptada.

3. Os conselleiros e conselleiras asistentes poderán manifestar na sesión a súa vontade de que figuren en acta determinadas manifestacións por eles expostas. Para estes efectos, disporán dun prazo de tres días, contados desde o seguinte ao da celebración da sesión, para entregaren na Secretaría Xeral un escrito que conteña tales manifestacións.

Artigo 8. Actas das sesións plenarias

De cada sesión do Pleno a persoa titular da Secretaría Xeral estenderá unha acta na que fará constar as persoas asistentes, o lugar da súa celebración e a súa data, a orde do día e os acordos adoptados, así como o resultado das votacións realizadas, con indicación do sentido do voto de cada conselleiro e de cada conselleira. A acta incorporará, de ser o caso, as manifestacións e os votos particulares formulados polos conselleiros e conselleiras.

As actas serán subscritas pola persoa titular da Secretaría Xeral, co visto e prace do conselleiro ou conselleira maior, e aprobaranse na mesma sesión ou na seguinte que se celebre.

CAPÍTULO II
O conselleiro ou conselleira maior

 Artigo 9. Nomeamento

1. O conselleiro ou conselleira maior será nomeado por un período de tres anos pola Presidencia da Xunta, e poderá ser reelixido.

Cando expire o seu mandato, continuará en funcións ata a toma de posesión dun novo conselleiro ou conselleira maior, sempre que continúe tendo a condición de conselleiro ou conselleira.

2. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, o conselleiro ou conselleira maior será substituído polo conselleiro ou conselleira de maior antigüidade de entre os que integran a Comisión de Goberno. No caso de empate, a substitución dirimirase en favor do conselleiro ou conselleira de maior idade.

Artigo 10. Funcións

1. Corresponde ao conselleiro ou conselleira maior:

a) Representar o Consello de Contas.

b) Convocar e presidir o Pleno, a Comisión de Goberno e a Sección de Prevención da Corrupción, así como decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

c) Fixar a orde do día dos órganos colexiados que preside e velar pola execución dos seus acordos.

d) Exercer a xefatura superior do persoal e a inspección dos servizos propios do Consello de Contas, asegurar a coordinación, a eficacia e o bo funcionamento daqueles e adoptar as medidas que se consideren necesarias con ese fin.

e) Autorizar e dispor gastos e recoñecer obrigas de acordo co orzamento e dentro dos límites establecidos polo Pleno, así como ordenar os pagamentos correspondentes e autorizar os documentos orzamentarios de ingresos e gastos.

f) Autorizar a adquisición de bens e a contratación de obras, servizos, subministracións e outras prestacións necesarias para o bo funcionamento do Consello, de conformidade co procedemento e os límites establecidos e sen prexuízo da súa posible delegación.

g) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións, así como as actas e certificacións expedidas pola Secretaría Xeral.

h) Informar o Parlamento sobre as materias que son competencia do Consello.

i) Comunicar ao Parlamento e á Presidencia da Xunta, con dous meses de antelación, a finalización do período para o cal foi nomeado ou nomeada conselleiro ou conselleira maior.

j) Comunicar ao Parlamento a expiración do mandato dos conselleiros e conselleiras con seis meses de antelación, e comunicar, en canto teña coñecemento, as vacantes que se produzan por calquera circunstancia, solicitando que se proceda ao nomeamento de novos conselleiros ou conselleiras.

k) Dar conta ao Parlamento dos acordos do Pleno relativos a incompatibilidades ou responsabilidades en que poidan incorrer os conselleiros e conselleiras.

l) Informar publicamente das actividades do Consello.

m) Asinar en representación do Consello de Contas protocolos ou convenios de colaboración ou cooperación con outros órganos externos de fiscalización do sector público ou con entidades públicas ou privadas.

n) Exercer outras funcións propias do Consello de Contas que, no caso de urxencia, non admitan a convocatoria dos seus órganos, das que se dará conta para a súa ratificación, se así procede.

ñ) As demais funcións que lle encomende a lei ou este regulamento, así como aquelas competencias do Consello que non estean atribuídas a outros órganos.

2. O conselleiro ou conselleira maior informará ante a comisión competente do Parlamento de Galicia da xestión realizada no exercicio precedente e das previsións para o exercicio seguinte.

CAPÍTULO III
A Comisión de Goberno

Artigo 11. Composición e funcionamento

1. A Comisión de Goberno está integrada polo conselleiro ou conselleira maior e os conselleiros e conselleiras de contas presidentes e presidentas de sección, que estarán asistidos pola persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Reunirase, con previa convocatoria, cunha antelación mínima de dous días respecto á data de celebración, sempre que o dispoña o conselleiro ou conselleira maior, ou cando o solicite un dos conselleiros ou conselleiras que a integran.

3. A Comisión de Goberno non pode adoptar acordos se non están presentes a maioría dos seus membros e a persoa titular da Secretaría Xeral ou quen a substitúa.

4. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, os seus membros serán substituídos por acordo do Pleno.

5. En todo o referente á constitución e adopción de acordos haberá que aterse, na falta de disposicións específicas, aos artigos 6 a 8 deste regulamento.

Artigo 12. Funcións

Corresponde á Comisión de Goberno:

a) Establecer o réxime de traballo do persoal.

b) Distribuír os asuntos entre as seccións, cando esta competencia non estea atribuída a outros órganos.

c) Exercer as funcións relativas ao nomeamento e contratación do persoal, goberno e administración en xeral non atribuídas a outros órganos.

d) Exercer a potestade disciplinaria respecto ao persoal de acordo coas normas de réxime interior.

e) Nomear os delegados instrutores.

f) Exercer as demais facultades que o Pleno lle delegue para a maior eficacia no exercicio das funcións propias do Consello.

g) Convocar as probas selectivas para a admisión de persoal.

h) Autorizar os expedientes de gasto cando a súa contía exceda os límites autorizados polo Pleno ao conselleiro ou conselleira maior.

CAPÍTULO IV
As seccións

Artigo 13. Normas comúns

1. As seccións están integradas polas presidentas ou presidentes respectivos e polos conselleiros e conselleiras que a cada unha delas adscriba o Pleno. O presidente ou presidenta da Sección de Prevención da Corrupción será o conselleiro ou conselleira maior; os presidentes e presidentas de cada unha das outras seccións serán designados polo Pleno por un período de tres anos, e poderán ser reelixidos.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, os presidentes e presidentas das seccións serán substituídos polo conselleiro ou conselleira máis antigo da sección ou, de non o haber, polo de máis idade.

3. En todo o referente a convocatorias, constitución e adopción de acordos haberá que aterse, na falta de disposicións específicas, aos artigos 6 a 8 deste regulamento.

4. Correspóndelle ao presidente ou presidenta de cada sección:

a) Ser o voceiro ou voceira da Sección perante o Pleno e a Comisión de Goberno, salvo que se trate de votos particulares, que deberán ser defendidos polo propio conselleiro ou conselleira que os formulase.

b) Velar por que os acordos e as resolucións manteñan homoxeneidade e coordinación e acaden o seu debido cumprimento.

c) Calquera outra competencia que a lei lle encomende.

Artigo 14. A Sección de Fiscalización

1. A Sección de Fiscalización organizarase en departamentos sectoriais, á fronte dos cales estará un conselleiro ou conselleira. A denominación dos referidos departamentos, a designación dos conselleiros e conselleiras adscritos e a duración da adscrición serán competencia do Pleno.

Sen prexuízo desa estrutura, o Consello poderá definir áreas funcionais de fiscalización atendendo a criterios técnicos e de especialización, mediante acordo do Pleno, coa asignación do persoal requirido en cada caso.

2. O persoal adscrito a cada departamento dependerá funcionalmente do conselleiro ou conselleira correspondente, quen, sen prexuízo da necesaria coordinación cos restantes departamentos, organizará as tarefas na forma que considere conveniente.

3. Correspóndelle á Sección de Fiscalización:

a) Verificar a contabilidade das entidades do sector público da Comunidade Autónoma e examinar e comprobar as súas contas, velando pola súa adecuación ao ordenamento xurídico e aos principios de racionalidade, eficacia, eficiencia e economía.

b) Aprobar os procedementos fiscalizadores tramitados nos distintos departamentos en que a Sección se estrutura.

c) Propor ao Pleno as cuestións que corresponda elevar ao Parlamento de Galicia.

d) Someter ao Pleno o plan anual de traballo correspondente aos distintos departamentos sectoriais comprendidos na Sección.

e) As restantes funcións que lle poidan ser atribuídas pola lexislación vixente.

Artigo 15. A Sección de Axuizamento

1. Correspóndelle á Sección de Axuizamento:

a) Asumir as funcións que nos procedementos xurisdicionais e de axuizamento das responsabilidades contables lle delegue o Tribunal de Contas e practicar cantas dilixencias e comprobacións sexan pertinentes.

b) Trasladar ao Tribunal de Contas as actuacións nos casos en que se poñan de manifesto as circunstancias ás que se refire o artigo 5.1 da lei.

c) As restantes funcións que lle atribúa a lexislación vixente.

2. As actuacións en materia de axuizamento contable son compatibles coas que practique a Administración pública competente por razón dos contadantes e coas que poidan exercitar os xuíces e os tribunais de xustiza.

Artigo 16. A Sección de Prevención da Corrupción

1. A Sección de Prevención da Corrupción estará presidida polo conselleiro ou conselleira maior e integrada polos conselleiros e conselleiras que lle adscriba o Pleno.

2. Actuará asistida por unha Unidade de Prevención da Corrupción adscrita ao conselleiro ou conselleira maior, e unha Comisión Técnica integrada por persoal desta unidade e dos distintos departamentos sectoriais.

3. Correspóndelle á Sección de Prevención da Corrupción:

a) Colaborar coas administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos.

b) Solicitar información ás administracións relativas aos seus sistemas de prevención da corrupción, comprobando o axeitado deseño e implantación das políticas de integridade e propondo melloras que garantan a transparencia e reduzan as posibilidades de fraude.

c) Avaliar de xeito sistemático os plans de prevención de risco da corrupción que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma, nos cales deberán analizar as actividades nas que se constate unha maior incidencia de risco.

d) Asesorar o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos de prevención e represión da corrupción.

e) Fomentar a conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público e impulsar dentro do sector privado o establecemento de mecanismos de autorregulación co fin de evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.

f) Someter ao Pleno o seu programa anual de actividades para a integración no plan de traballo do Consello de Contas.

g) Avaliar o plan de prevención de riscos da corrupción do Consello de Contas e propor, de ser o caso, a revisión e adaptación do plan á realidade do órgano de control externo a través de melloras que garantan a transparencia e minimicen os riscos.

h) Elaborar un informe das actividades desenvolvidas para a súa inclusión na Memoria anual do Consello de Contas.

CAPÍTULO V
Os conselleiros ou conselleiras

Artigo 17. Nomeamento e toma de posesión

1. Os conselleiros e conselleiras, en número de cinco, son designados polo Parlamento para un período de seis anos e poderán ser reelixidos.

2. O acto de toma de posesión do cargo de conselleiro ou conselleira de contas celebrarase na sede do Parlamento de Galicia e perante a súa Mesa.

3. Expirado o mandato, continuarán no exercicio das súas funcións, con carácter de prórroga, ata que tomen posesión os novos conselleiros e conselleiras.

4. A toma de posesión dos conselleiros e conselleiras implicará a declaración, se é o caso, dos interesados na situación de servizos especiais ou equivalente na carreira ou no corpo de procedencia.

Artigo 18. Atribucións

1. Os conselleiros e conselleiras son os competentes para dirixir a actividade fiscalizadora correspondente ao departamento sectorial ao que fosen adscritos polo Pleno e do que serán responsables.

2. Teñen o deber de asistir ás sesións do Pleno e dos restantes órganos de goberno, salvo causa xustificada, que deberá comunicarse ao conselleiro ou conselleira maior, así como a obriga de gardar segredo sobre o contido das deliberacións destes órganos. Os conselleiros e conselleiras axustarán a súa actuación ao código ético institucional que corresponde aprobar ao Pleno.

3. Corresponde a cada conselleiro e a cada conselleira:

a) Dirixir e impulsar as actuacións do departamento que lle fose asignado.

b) Adoptar a iniciativa de convocatoria das comisións técnicas cando o consideren oportuno.

c) Formular os requirimentos de colaboración precisos para o desenvolvemento das actuacións encomendadas.

d) Elevar á aprobación da Sección de Fiscalización, para a posterior remisión ao Pleno, o plan de traballo e os proxectos de directrices técnicas das fiscalizacións que teñan encomendadas.

e) Someter o texto dos anteproxectos de informes de fiscalización á Sección de Fiscalización para a súa remisión ás entidades fiscalizadas en trámite de audiencia para alegacións.

f) Aprobar a concesión da prórroga do prazo de remisión de alegacións, caso de ter sido pedida pola entidade fiscalizada.

g) Acordar, á vista das alegacións presentadas no trámite de audiencia no procedemento fiscalizador, a realización de novas comprobacións ou dilixencias, de ser o caso.

h) Acordar o tratamento que debe darse á documentación relativa a unha fiscalización recibida de forma extemporánea, así como a súa incidencia no desenvolvemento do procedemento.

i) Formular a proposta do proxecto de informe das fiscalizacións que teñan asignadas e remitilo, coa documentación complementaria, á Sección de Fiscalización para a súa aprobación.

j) Solicitar aos auditores ou á Asesoría Xurídica do Consello os informes que consideren pertinentes.

k) Calquera outra función recollida na lei, neste regulamento ou que lles encomende o Pleno ou o conselleiro ou conselleira maior.

Artigo 19. Incompatibilidades

1. Os conselleiros e conselleiras estarán suxeitos ás mesmas causas de incapacidade, incompatibilidade e prohibición establecidas para os xuíces na Lei orgánica do poder xudicial e as demais establecidas no artigo 13 da lei.

2. Os conselleiros e conselleiras poderán exercer, con carácter ocasional e con autorización do Pleno, actividades de colaboración na docencia ou na investigación, sempre que sexan non remuneradas e non incidan nin interfiran no estrito cumprimento dos seus deberes nin comprometan a súa imparcialidade e independencia no exercicio do seu cargo. Así mesmo, poderán exercer a administración do seu propio patrimonio, sempre que por razón daquel non teñan a condición de contadantes perante o Consello de Contas.

3. Antes da súa toma de posesión, nun prazo de quince días desde a data da súa designación polo Pleno do Parlamento, os conselleiros e conselleiras presentarán á Mesa do Parlamento a declaración de non estaren incursos en causa de incompatibilidade.

4. Se algún conselleiro ou conselleira, vixente o seu mandato, considera que el ou ela ou outro ou outra incorre en causa de incompatibilidade, deberá comunicarllo ao conselleiro ou conselleira maior co fin de que o Pleno se pronuncie. Corresponderalle ao conselleiro ou conselleira maior velar polo cumprimento destes requisitos e informar o Pleno e a Comisión parlamentaria competente no caso de vulneración para os efectos de que esta lle traslade ao Pleno do Parlamento a súa remoción ou revogación de persistir a situación de incompatibilidade.

Artigo 20. Abstención e recusación

1. Son causas de abstención e recusación para os conselleiros e conselleiras:

a) Ter un interese persoal no asunto en cuestión ou noutro en cuxa resolución podería influír a do primeiro ou ter cuestión litixiosa pendente cos perceptores de subvencións ou contratistas comprendidos no obxecto dun informe de fiscalización.

b) Ter vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable ou parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo con calquera dos contadantes, cos administradores de entidades ou empresas comprendidos no obxecto dun informe de fiscalización e tamén cos asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no procedemento.

c) Ter amizade íntima ou inimizade con calquera das persoas mencionadas na alínea anterior.

d) Ter intervido como perito ou testemuña no procedemento de que se trate.

e) Ter relación de servizo con persoa física ou xurídica comprendida no obxecto dun informe de fiscalización ou terlle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.

2. O conselleiro ou conselleira afectados polas causas de abstención sinaladas deberán absterse de intervir no asunto e pór esta circunstancia en coñecemento do conselleiro ou conselleira maior, que proporá ao Pleno a designación doutro conselleiro ou conselleira que se faga cargo do procedemento correspondente.

3. Cando se suscitase a recusación dun conselleiro ou conselleira por concorrer nel ou nela algunha ou algunhas das causas enumeradas neste artigo e o conselleiro ou conselleira recusado admitise tal recusación diante do conselleiro ou conselleira maior, procederase na forma recollida no punto anterior. De a recusación ser negada polo conselleiro ou conselleira afectados, o conselleiro ou conselleira maior informará o Pleno, que acordará o que proceda nun prazo de dez días hábiles.

Artigo 21. Responsabilidade

1. Os conselleiros e conselleiras incorren en responsabilidade disciplinaria por incumprimento das obrigas que lles impón a lei ou este regulamento e, en particular, polos seguintes motivos:

a) Cando de forma reiterada e sen xustificación deixen de asistir ás sesións dos órganos dos que formen parte.

b) Cando fagan manifestacións públicas que quebranten a prohibición a que se refire o artigo 18.2 deste regulamento.

c) No caso de que vulneren as incompatibilidades sinaladas neste regulamento.

d) Por non se absteren nos casos en que sexa procedente facelo, de acordo coas causas de abstención e recusación recollidas no artigo anterior.

e) Cando non comuniquen ao conselleiro ou conselleira maior as irregularidades graves cometidas polo persoal adscrito aos traballos que están baixo a súa dirección, sempre que delas tivesen o oportuno coñecemento.

2. A tramitación do expediente de responsabilidade disciplinaria axustarase ao establecido para o procedemento disciplinario nas disposicións que regulan o procedemento administrativo común das administracións públicas. O Pleno, no mesmo acordo de incoación do expediente adoptado por maioría dos seus membros, designará un conselleiro ou conselleira como instrutor e, tras aprobar a proposta correspondente, elevará as actuacións á Comisión parlamentaria competente, para os efectos de que emita ditame e someta ao Parlamento a decisión que proceda.

3. Como medida provisional e por maioría dos seus membros, o Pleno poderá suspender o conselleiro ou conselleira ou os conselleiros ou conselleiras afectados no exercicio das súas funcións no caso de procesamento por delito doloso e mentres non recaia sentenza; ou polo tempo indispensable para resolver sobre a concorrencia das causas do cesamento, nos casos de incapacidade ou incompatibilidade; ou mentres dure a tramitación do expediente, por incumprimento grave dos deberes do cargo.

A medida de suspensión cautelar do conselleiro ou conselleira deberá ser elevada, no prazo máximo de cinco días desde a súa adopción, á Comisión parlamentaria competente para os efectos da súa ratificación. No caso de non acordarse a ratificación, a medida quedará sen efecto, sen prexuízo da continuidade do procedemento e da resolución final que se dite.

Artigo 22. Declaración de bens e actividades

1. Os conselleiros e conselleiras deberán formular, no prazo de tres meses desde a súa toma de posesión, declaración dos seus bens patrimoniais e declaración de actividades.

2. As ditas declaracións presentaranse no Rexistro de actividades e no Rexistro de bens de altos cargos do Consello de Contas, que dependerán directamente do conselleiro ou conselleira maior e serán custodiados baixo a súa dirección pola Secretaría Xeral.

3. No prazo de tres meses desde o cesamento nas súas funcións realizarán novas declaracións de bens e de actividades referidas á data do cesamento.

CAPÍTULO VI
A Secretaría Xeral

Artigo 23. Estatuto persoal do secretario ou secretaria xeral

1. A persoa titular da Secretaría Xeral será nomeada e destituída libremente polo Pleno entre aquelas persoas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 11.3 da lei.

Terá a consideración de alto cargo e estará afectada polas mesmas causas de incompatibilidade sinaladas para os altos cargos da Administración autonómica, correspondendo ao Pleno o seu coñecemento e a adopción dos acordos que procedan, e, así mesmo, non poderá ter a condición de contadante nos termos establecidos no artigo 26 da lei.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, a persoa titular da Secretaría Xeral será substituída polo membro do persoal do Consello que, reunindo os requisitos establecidos na lei, acorde o Pleno.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá formular as declaración de bens patrimoniais e de actividades previstas para os conselleiros e conselleiras.

Artigo 24. Funcións

1. A persoa titular da Secretaría Xeral desempeñará as funcións conducentes ao adecuado exercicio das competencias gobernativas do Pleno, da Comisión de Goberno, das seccións e do conselleiro ou conselleira maior en todo o relativo ao réxime interior do Consello de Contas.

2. Correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral:

a) Asistir con voz, pero sen voto, ás sesións do Pleno, da Comisión de Goberno e das seccións.

b) Prestar asesoramento ao Consello de Contas e aos seus órganos nas cuestións que se lle demanden.

c) Redactar as actas das sesións do Pleno, da Comisión de Goberno e das seccións e certificalas, co visto e prace do conselleiro ou conselleira maior ou da persoa que exerza a presidencia daquelas.

d) Preparar a orde do día e a documentación das convocatorias do Pleno, da Comisión de Goberno e das seccións, de acordo coas instrucións do conselleiro ou conselleira maior ou da persoa que exerza a presidencia daquelas.

e) Tramitar as convocatorias para as reunións do Pleno, da Comisión de Goberno e das seccións.

f) Expedir certificacións das actas, dos acordos e dos documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do conselleiro ou conselleira maior.

g) Formar o anteproxecto de orzamento e o proxecto de memoria anual, para sometemento ao Pleno.

h) Implementar o plan de prevención da corrupción do Consello de Contas, así como elaborar periodicamente unha memoria de execución das medidas previstas.

i) Custodiar o Rexistro Xeral e a documentación do Consello de Contas e dirixir os servizos de arquivo e biblioteca.

j) Exercer, por delegación do conselleiro ou conselleira maior, a xefatura directa e a xestión do persoal do Consello de Contas e propor a súa adscrición aos distintos servizos.

k) Actuar como instrutor nos expedientes que se inicien por motivo de faltas cometidas polo persoal do Consello de Contas e elevar á Comisión de Goberno a proposta correspondente.

l) Supervisar a contabilidade e a xestión económica e orzamentaria do Consello de Contas.

m) Exercer aquelas funcións que se relacionen co réxime interior do Consello e as que lle confíen expresamente os demais órganos do Consello de Contas.

TÍTULO III
Procedementos

CAPÍTULO I
Planificación das actuacións

Artigo 25. Plan estratéxico a medio prazo

O Consello de Contas aprobará un plan estratéxico a medio prazo, no que se enmarcará a elaboración dos plans anuais de traballo, que conterá a planificación das súas actuacións, así como os obxectivos, liñas de traballo e áreas de fiscalización preferentes. O plan estratéxico a medio prazo abarcará un período mínimo de tres anos.

Artigo 26. Plan anual de traballo

1. Durante o último trimestre do ano, o Consello de Contas elaborará o plan anual de traballo, que conterá as actuacións que se desenvolverán no exercicio seguinte, indicando as razóns que motivan a súa realización e o seu ámbito subxectivo, obxectivo e temporal, e no que se integrará o programa de actividades da Sección de Prevención da Corrupción.

2. O plan anual de traballo será aprobado polo Pleno antes do día 31 de decembro de cada ano e poderá modificarse, mediando proposta debidamente motivada dalgún conselleiro ou conselleira, cando concorran circunstancias que así o aconsellen.

Artigo 27. Remisión e publicidade

Os plans mencionados nos artigos anteriores, así como as súas modificacións, serán remitidos ao Parlamento de Galicia para os efectos do seu coñecemento e serán publicados na páxina web do Consello de Contas.

CAPÍTULO II
Deber de colaboración

Artigo 28. Deber de colaboración

1. As entidades e persoas a que se refire o artigo 2 da lei colaborarán no exercicio das funcións do Consello de Contas, e estarán obrigadas a subministrarlle cantos datos, estados, documentos, antecedentes ou informes lles solicite.

2. Toda persoa física ou xurídica, pública ou privada, está obrigada a proporcionar, logo de requirimento, toda clase de datos, informes ou antecedentes deducidos das súas relacións económicas, profesionais ou financeiras con outras persoas que sexan necesarios para o exercicio das funcións de control previstas neste regulamento.

Artigo 29. Requirimentos de colaboración

1. O Consello de Contas dirixirá o requirimento de colaboración á persoa física ou xurídica ou ao titular do órgano ou autoridade que exerza a representación das entidades sometidas a fiscalización.

2. A persoa ou o órgano que reciban un requirimento de colaboración do Consello de Contas están obrigados a xustificar a súa recepción e a facer efectiva a colaboración no prazo que se estableza. Cando existan causas que o xustifiquen, poderán solicitar unha ampliación do prazo inicialmente establecido, e o Consello de Contas decidirá se admite a ampliación solicitada e, de ser o caso, o novo prazo que se conceda.

3. A falta de colaboración dos obrigados a prestala porase en coñecemento do Parlamento de Galicia. O incumprimento dos requirimentos do Consello de Contas poderá dar lugar, ademais, ás seguintes medidas:

a) Aplicar as multas coercitivas establecidas legalmente.

b) Se os requirimentos se refiren á reclamación de xustificantes de investimentos ou gastos públicos e non son cumpridos no prazo solicitado, proporase ao centro xestor o inicio do oportuno expediente de reintegro.

c) Trasladar os feitos ao Ministerio Fiscal para os efectos das posibles responsabilidades penais a que houber lugar.

Artigo 30. Remisión de informes de auditorías e controis

1. Cando a normativa vixente estableza a obrigatoriedade da auditoría de contas para determinadas entidades do sector público, estas achegarán o informe de auditoría xunto coas contas rendidas.

2. Igualmente, trasladaranse ao Consello de Contas os informes de auditorías e control financeiro das revisións practicadas polos servizos competentes da Administración autonómica ou baixo a dirección desta. Para estes efectos debe remitirse ao Consello de Contas unha copia de todos os informes no prazo de trinta días desde a súa elevación a definitivos.

Artigo 31. Acceso a documentación e dependencias

1. O persoal auditor do Consello de Contas terá, no exercicio das súas funcións, libre acceso ás oficinas, centros e dependencias, así como ás autoridades e persoal das entidades suxeitas a control, que deberán facilitar o acceso aos sistemas contables que sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

2. O Consello de Contas poderá determinar os medios e o formato de transmisión en que debe ser facilitada a documentación; para estes efectos, a remisión en soporte informático ou telemático realizarase de acordo cos requisitos e especificacións técnicas que se establezan en cada caso.

O Consello poderá establecer sistemas alternativos de presentación telemática, baseados en sistemas seguros de transmisión de información e cos formatos de entrega predefinidos, logo de comunicación dos contadantes e fixación polo Consello dos sistemas de validación e autentificación aplicables en cada modelo de presentación telemática.

CAPÍTULO III
Función de fiscalización

Sección 1ª. Contido e alcance

Artigo 32. Obxecto

1. A función fiscalizadora do Consello de Contas ten por obxecto comprobar o efectivo sometemento da actividade económica, financeira e contable do sector público de Galicia aos principios constitucionais de legalidade, eficacia, eficiencia e economía en relación con todos aqueles actos que dean lugar ao recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico, así como cos ingresos e gastos que deles deriven e, en xeral, cos relativos á recadación, investimentos ou aplicación dos fondos públicos e a súa adecuación á consecución dos obxectivos previstos.

2. O contido da fiscalización axustarase ao disposto no artigo 4 da lei para esta función e estenderase ao sector público autonómico definido no artigo 2.1 da lei, así como ás persoas físicas e xurídicas beneficiarias de axudas públicas, ás formacións políticas e ás fundacións ou entidades vinculadas a elas nos termos definidos na propia lei.

Artigo 33. Tipos e alcance da fiscalización

1. En función dos obxectivos establecidos, a fiscalización adoptará algún dos tipos seguintes ou unha combinación deles:

a) Fiscalización financeira, co obxecto de verificar se a información financeira se presenta de conformidade co marco normativo que lle resulte aplicable e expresar unha opinión acerca de se os estados financeiros están preparados, en todos os aspectos materiais, de conformidade con ese marco.

b) Fiscalización operativa, centrada en determinar se as actuacións, programas e institucións se xestionan de conformidade cos principios de economía, eficiencia e eficacia e se existen áreas de mellora.

c) Fiscalización de cumprimento, centrada en comprobar se as actividades, operacións financeiras e informacións cumpren, en todos os aspectos significativos, coa normativa que regula a actividade das entidades fiscalizadas.

2. No marco das actuacións de fiscalización, o Consello de Contas poderá comprobar a eficacia dos sistemas de control interno das entidades fiscalizadas, podendo efectuar revisións dos sistemas informáticos que lle dan soporte coa finalidade de verificar a seguridade, o grao de confianza e a integridade dos datos.

3. Será inherente á función fiscalizadora do Consello de Contas a facultade de comprobar a dinámica e situación dos resultados orzamentarios e a súa adecuación á lexislación orzamentaria aplicable, así como realizar a avaliación das técnicas orzamentarias aplicadas.

4. Nos supostos a que se refire o artigo 4.b) da lei, a función fiscalizadora terá por obxecto comprobar a adecuada obtención e utilización por parte dos beneficiarios das subvencións, créditos, avais e demais axudas recibidas, incluídas as exencións e bonificacións fiscais.

Para estes efectos, as comprobacións poderán consistir no exame dos rexistros contables, contas ou estados financeiros dos beneficiarios, na comprobación material dos investimentos e outros activos nos que se concretou a axuda e das outras condicións impostas na súa concesión.

Artigo 34. Técnicas de fiscalización

No exercicio da súa función fiscalizadora, o Consello de Contas aplicará os principios e normas de auditoría do sector público (ISSAI-ES) e empregará as técnicas e procedementos que resulten idóneos para o tipo de fiscalización pretendida. Estes principios poderán ser desenvolvidos a través de normas e manuais de fiscalización, que serán aprobados polo Pleno.

Sección 2ª. Procedemento

Artigo 35. Iniciativa

1. A iniciativa da fiscalización correspóndelle ao Consello e adoptarase por acordo do Pleno, por proposta dos conselleiros e conselleiras, como consecuencia da petición do Parlamento ou por comunicación previa presentada por unha persoa física ou xurídica.

2. Os procedementos para o exercicio da función fiscalizadora impulsaranse de oficio en todos os seus trámites.

3. Os requirimentos de inhibición feitos ao Consello de Contas non producirán a suspensión do respectivo procedemento.

Artigo 36. Directrices técnicas

Con anterioridade ao comezo dos traballos de execución do plan anual de traballo, o Pleno, por proposta dos respectivos conselleiros e conselleiras, poderá aprobar as directrices técnicas de fiscalización que se aplicarán nas distintas actuacións e que desenvolverán os ámbitos, tipos e obxectivos xerais da fiscalización, así como as áreas, procedementos e medios que se empregarán.

Artigo 37. Dirección da actividade fiscalizadora

1. As actuacións fiscalizadoras correspondentes a cada departamento sectorial efectuaranse baixo a dirección da conselleira ou conselleiro adscrito a el. Aprobado o plan anual de traballo, o conselleiro ou conselleira designará, de entre o persoal que teña adscrito, o responsable técnico da súa execución e o equipo de auditoría correspondente.

2. Naquelas actuacións cuxa iniciativa ou execución corresponda a varios departamentos ou requira a súa colaboración, os conselleiros e conselleiras afectados proporán, e a Sección de Fiscalización acordará, os procedementos necesarios para a adecuada coordinación dos traballos de fiscalización.

Artigo 38. Inicio das actuacións da actividade fiscalizadora

1. O conselleiro ou conselleira responsable da actuación notificará aos contadantes das entidades que vaian ser fiscalizadas o inicio da actividade cunha antelación mínima de cinco días hábiles. Nesa comunicación especificarase o alcance da fiscalización e acreditarase nominalmente aos membros do equipo do Consello de Contas que efectuará as actuacións.

2. Os traballos de fiscalización iniciaranse, con carácter ordinario, despois da rendición das contas. Non obstante, o Consello poderá desenvolver traballos de preparación ou iniciar as actuacións fiscalizadoras antes de que termine o exercicio económico ao que se refira a fiscalización. Neste último caso, os informes que se emitan sobre estas actuacións non poderán aprobarse ata que as contas se rendan formalmente.

Artigo 39. Designación de interlocutor

No prazo máximo de cinco días desde que se reciba a notificación do Consello de Contas do inicio das actuacións fiscalizadoras, a entidade suxeita ao control designará un interlocutor responsable de facilitar a comunicación co equipo auditor e atender os requirimentos de documentación e información que se lle efectúen. Este interlocutor deberá ter atribucións e facultades suficientes para atender as solicitudes e requirimentos que se practiquen.

A existencia dun interlocutor non impedirá que o Consello poida dirixirse ao funcionario ou autoridade que, de ser o caso, corresponda.

Artigo 40. Exame de documentación

1. O Consello de Contas poderá requirir ao ente suxeito a fiscalización que a documentación solicitada se poña á disposición do equipo auditor, para o seu exame e comprobación, nas dependencias do devandito ente, cando así o aconsellen razóns de programación e execución do traballo de fiscalización.

2. Con carácter xeral, todas as peticións de documentación ou información que deban remitirse á sede do Consello serán contestadas no prazo máximo de dez días.

Artigo 41. Rendición de contas

1. A Conta xeral da Comunidade Autónoma remitirase ao Consello de Contas antes do 30 de setembro do ano seguinte ao que se refire.

2. Para o resto das contas que deban remitirse ao Consello observaranse os prazos que determinen as disposicións de aplicación. Nos supostos en que non exista regulación legal expresa, deberán presentarse no Consello antes do 30 de xullo do exercicio seguinte ao de execución.

3. As contas das entidades locais renderanse dentro do prazo fixado pola súa regulación legal específica.

4. No suposto de que o órgano competente non aprobase as contas, estas remitiranse ao Consello de Contas acompañadas da acta ou certificación que recolla as circunstancias que impediron o cumprimento daquel trámite.

Artigo 42. Requirimentos de documentación

1. O Consello de Contas requirirá os entes públicos que non rendesen as contas no prazo legalmente establecido para que cumpran a súa obriga no termo de dez días.

2. Se durante a realización do procedemento de fiscalización se estimaren necesarios outros datos, documentos ou antecedentes referidos á xestión obxecto de análise, o conselleiro ou conselleira encargados da fiscalización solicitarán aos organismos fiscalizados que os completen no prazo que se indique no requirimento.

Artigo 43. Remisión de contratos

1. Nos termos previstos na lexislación de contratos do sector público, os órganos e entidades integrantes do sector público de Galicia teñen a obriga de remitir ao Consello de Contas, no prazo máximo de tres meses desde a súa formalización, copia certificada dos contratos que celebren polos importes e segundo os tipos establecidos para tal efecto na indicada normativa. No mesmo prazo e condicións deberán remitir as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos e extinción dos contratos.

2. O Consello de Contas poderá determinar a forma en que os órganos de contratación incluídos no ámbito de aplicación do Rexistro público de contratos, Plataforma de contratos públicos ou outros rexistros públicos da Comunidade Autónoma cumprirán as súas obrigas de rendición coa remisión dos contratos aos citados rexistros.

3. Os contratos do sector público local remitiranse á Plataforma de rendición de contas das entidades locais de acordo coas normas específicas aprobadas para esta remisión.

4. O disposto nos números anteriores entenderase sen prexuízo das facultades do Consello de Contas para reclamar cantos datos, documentos e antecedentes considere pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza ou contía.

Artigo 44. Inventario de entes públicos e de contratos

O Consello de Contas levará os seguintes inventarios:

a) Un inventario de entes do sector público de Galicia suxeitos a rendición de contas, no que figuren as rendidas ao Consello de Contas, coa data en que se reciban e, de ser o caso, as incidencias producidas.

b) Un inventario de contratos que, pola súa contía, sexan remitidos ao Consello de Contas en cumprimento da obriga establecida na normativa de contratos do sector público. O Consello de Contas aprobará as normas que regulen a remisión desta información contractual.

Sección 3ª. Informes e memoria anual

Artigo 45. Resultado da fiscalización

1. O resultado da fiscalización farase constar por medio de informes, mocións ou notas dirixidas á autoridade, organismo ou entidade a que afecten, e a través de memorias.

2. Os informes emitidos polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora poden ser de carácter xeral ou específico. Son informes xerais os referidos ao exame e comprobación das contas de rendición periódica obrigatoria das entidades do sector público, cuxo ámbito temporal comprende un exercicio económico. Son informes específicos aqueles que recollen resultados de actuacións concretas de fiscalización que se realicen sobre entidades, períodos, contas, operacións, actividades ou servizos determinados.

3. O informe será ordinario se figura no plan anual de traballo; e extraordinario, cando o Pleno acorde a súa realización, sempre que a actividade que se vai fiscalizar reúna os requisitos de urxencia e de extraordinaria importancia.

4. As mocións conterán propostas tendentes a modificar a interpretación dunha norma. As notas dirixidas á autoridade, organismos ou entidades aos que afecte o resultado da fiscalización conterán recomendacións para revisar prácticas administrativas inadecuadas ou prexudiciais para o sector público que afecten a devandita entidade ou institución.

Artigo 46. Anteproxecto de informe

O resultado de cada actuación fiscalizadora farase constar nun anteproxecto de informe que comprenderá os feitos postos de manifesto, as conclusións e as recomendacións que se estimen pertinentes, e será sometido a deliberación da Sección de Fiscalización polo conselleiro ou conselleira responsable da actuación.

Artigo 47. Alegacións

1. Concluídas as deliberacións, o anteproxecto de informe porase de manifesto aos responsables do ente fiscalizado, que disporán dun prazo non superior a trinta días para alegaren ou presentaren os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

O prazo poderá ser prorrogado, logo de petición razoada, por acordo do conselleiro ou conselleira responsable da actuación.

2. Cando a fiscalización se refira a períodos nos que fosen outras persoas as responsables do ente fiscalizado ou as titulares do órgano, conferiráselles tamén a estas o mesmo trámite de audiencia. Nestes casos, o departamento correspondente poderá solicitar a colaboración da entidade fiscalizada para identificar os seus nomes e enderezos, así como para o envío do anteproxecto de informe. Na sede electrónica do Consello indicaranse os informes en trámite de alegacións para facilitar que os afectados poidan exercer este dereito, comunicando directamente o seu domicilio para efectos deste trámite.

3. A omisión do trámite de audiencia ás persoas ou entidades referidas nos números anteriores poderá dar lugar á interposición de recurso ante o Pleno, contra cuxa resolución non cabe novo recurso administrativo.

4. As alegacións poderán presentarse a través da sede electrónica do Consello de Contas. No caso de presentarse en papel, deberá remitirse unha copia en soporte informático ao enderezo de correo que se determine.

5. As alegacións presentadas fóra de prazo terán a consideración de extemporáneas e non se incorporarán ao informe, aínda que poderán ser examinadas para a súa valoración e deixarse constancia no informe da súa recepción. O mesmo tratamento recibirá a remisión de documentación previamente solicitada na fase de fiscalización que fose achegada no período de alegacións.

6. Á vista das alegacións ou documentación presentada, o conselleiro ou conselleira responsable poderá apreciar a conveniencia de acordar novas comprobacións ou dilixencias. Os resultados destas serán sometidos a un novo trámite de audiencia nos termos e prazos que se sinalen.

Artigo 48. Proxecto de informe

1. Unha vez cumprido o trámite de alegacións, o conselleiro ou conselleira responsable elevará de novo o anteproxecto de informe coas alegacións á Sección de Fiscalización para a súa aprobación como proxecto de informe.

2. A Sección de Fiscalización fará as observacións e conclusións que estime pertinentes, que deberán ser incorporadas ao proxecto de informe polo conselleiro ou conselleira responsable no prazo de cinco días.

3. O proxecto de informe elevarase ao Pleno para a súa aprobación como informe de fiscalización definitivo.

No suposto de existiren discrepancias, o conselleiro ou conselleira responsable deberá defendelas na sesión do Pleno que debata o proxecto de informe coa finalidade de que este órgano acorde o que considere pertinente.

Artigo 49. Traslado e publicidade dos informes

1. Os informes aprobados polo Pleno trasladaranse ao Parlamento de Galicia, con remisión de copias ao Tribunal de Contas, á Xunta de Galicia e ás autoridades, organismos e entidades afectadas.

2. Cando os informes se refiran á xestión económica e financeira das corporacións locais, daráselles traslado, ademais de ao Parlamento de Galicia e ao Tribunal de Contas, ás propias corporacións, co fin de que os seus respectivos plenos os coñezan e, se é o caso, adopten as medidas que procedan.

3. Os informes faranse públicos a través das páxinas web do Consello de Contas e do Parlamento. O Diario Oficial de Galicia publicará o correspondente anuncio, no que constará a ligazón que permita acceder ao texto completo dos informes.

Artigo 50. Memoria anual

1. A memoria anual comprenderá un balance das actuacións practicadas polo Consello de Contas e un resumo da súa actividade e organización, e xuntaráselle a seguinte documentación:

a) A declaración definitiva sobre o exame e a comprobación da Conta xeral da Comunidade.

b) O informe de fiscalización do sector público autonómico.

c) O informe de fiscalización da Conta xeral das entidades locais.

d) Os informes de fiscalización específicos realizados.

e) O informe das actividades desenvolvidas pola Sección de Prevención da Corrupción.

f) O informe das actividades practicadas por delegación do Tribunal de Contas ou seguidas como consecuencia de indicios de responsabilidade contable, penal ou administrativa.

g) As consultas e ditames emitidos.

h) Os resultados da fiscalización da evolución de bens patrimoniais de autoridades, de terse solicitado esta.

i) A información sobre o seguimento das recomendacións realizadas en informes de fiscalización anteriores.

j) O anexo das contas do Consello de Contas coa súa correspondente liquidación.

2. Para o exame e comprobación da Conta xeral da Comunidade Autónoma terase en conta o prazo establecido no artigo 25.1 da lei.

Artigo 51. Seguimento das recomendacións

1. No exercicio da súa función fiscalizadora, o Consello de Contas proporá nos seus informes as medidas que estime que deben adoptarse para a mellor xestión económico-administrativa do sector público, así como aqueloutras máis idóneas para lograr un control máis eficaz deste.

2. As recomendacións terán que estar fundamentadas, ser viables, abordar as causas das deficiencias e estar redactadas de forma clara, evitando xeneralidades e obviedades.

3. O Consello de Contas dará traslado das recomendacións aos organismos controlados, e estes estarán obrigados, dentro do prazo concedido, a responder de maneira motivada sobre a súa aceptación ou rexeitamento e detallar, de ser o caso, os centros responsables da implantación das medidas propostas e o prazo estimado para a súa aplicación.

4. O Consello de Contas realizará un seguimento periódico das medidas efectivamente implantadas, para o cal poderá requirir información que acredite a posta en marcha das medidas comprometidas e/ou realizar traballos puntuais de fiscalización orientados a comprobar a realidade da información comunicada cando se poñan de manifesto accións insuficientes ou insatisfactorias.

5. O seguimento das recomendacións no ámbito da Administración autonómica poderá realizarse no seo da comisión mixta Consello de Contas-Intervención Xeral.

6. Os informes de fiscalización incluirán necesariamente un apartado no que se faga mención expresa ao seguimento das recomendacións formuladas en informes anteriores relativos á área ou materia obxecto de fiscalización.

CAPÍTULO IV
Función de prevención da corrupción

Artigo 52. Contido

No exercicio da función de prevención da corrupción, o Consello de Contas colaborará coas administracións suxeitas ao seu ámbito de actuación, propondo a implantación de sistemas de prevención e a elaboración de manuais de xestión de riscos da corrupción, comprobando os sistemas de prevención que se poñan en marcha, asesorando sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción e fomentando na sociedade civil, e particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Artigo 53. Solicitude de información

1. A Sección de Prevención da Corrupción solicitará ás administracións e entidades públicas suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas información sobre os seus sistemas de prevención da corrupción, e comprobará a idoneidade do deseño e a implantación das políticas de integridade.

Para estes efectos, desenvolverá actuacións de avaliación do control interno implantado e das medidas adoptadas para garantir a execución ética, económica e eficiente das operacións desenvolvidas, para preservar os recursos fronte a posibles perdas por mala xestión, erro ou fraude, e para respectar o cumprimento da normativa aplicable e garantir a adecuada rendición de contas.

2. As entidades públicas están obrigadas a remitir a información solicitada polo Consello de Contas en cumprimento do deber de colaboración establecido polo artigo 23 da lei. O incumprimento inxustificado desta colaboración dará lugar á aplicación das medidas establecidas neste regulamento.

Artigo 54. Plans de prevención de riscos da corrupción

1. Con base na información obtida, a Sección de Prevención da Corrupción efectuará as oportunas recomendacións ás distintas entidades públicas suxeitas ao seu ámbito de actuación instándoas á elaboración, aprobación, revisión e publicidade dos seus plans de prevención de riscos da corrupción.

2. Os plans de prevención de riscos da corrupción son documentos sometidos a seguimento polo Consello de Contas, e están dirixidos a previr, evitar ou minimizar os riscos de corrupción no seo da estrutura orgánica das administracións públicas. Como instrumentos activos de auxilio á boa xestión e ao bo goberno, céntranse na mellora e fortalecemento dos sistemas internos de control, na promoción dunha cultura de responsabilidade, na definición de regras éticas e de integridade e na mellora da transparencia e legalidade dos procedementos.

3. Os plans de prevención de riscos de corrupción deberán conter información pertinente, confiable e relevante, comunicada en tempo e forma, e os sistemas de seguimento do control interno para garantir a súa efectividade a través do tempo, tendo en conta, en todo caso, os seguintes aspectos:

a) Un contorno de control que fomente a integridade e os valores éticos do persoal e unha estrutura organizativa que defina a asignación de responsabilidades.

b) A avaliación dos riscos de corrupción máis relevantes para efectos de incumprimentos da normativa aplicable ou da presentación de información económico-financeira fidedigna.

c) Actividades de control para a detección e prevención de tales riscos.

4. A Sección de Prevención da Corrupción colaborará na elaboración destes plans a través da aprobación de modelos tipo, así como de guías con recomendacións para o establecemento e mantemento dun control interno efectivo no sector público, que porá á disposición das entidades do sector público autonómico a través da páxina web do Consello de Contas.

Artigo 55. Avaliación sistemática de plans

A Sección de Prevención da Corrupción requirirá ás administracións e demais entidades públicas suxeitas ao seu ámbito de control a remisión periódica dunha memoria de execución das medidas plasmadas nos plans ou nas propostas e recomendacións efectuadas en materia de prevención, para os efectos da súa avaliación sistemática, e proporá, de ser o caso, a revisión e adaptación do plan á realidade de cada entidade a través de melloras que garantan a transparencia e minimicen as posibilidades de fraude.

Artigo 56. Seguimento dos plans

1. Todos os procedementos de fiscalización incluirán a revisión do contorno de control interno implantado nas entidades e realizarase unha avaliación de riscos, aplicando para tal fin os procedementos de auditoría que sexan fixados pola Sección de Fiscalización.

2. Esta avaliación, que servirá para realizar un seguimento puntual dos plans ou sistemas de prevención nas entidades obxecto de fiscalización, figurará de forma diferenciada nos informes de fiscalización dentro dos traballos de revisión do control interno coa denominación «Controis en materia de prevención da corrupción e políticas de integridade».

3. A Sección de Prevención da Corrupción terá en conta os resultados dos distintos informes nos que se inclúan conclusións e recomendacións que poidan cuestionar a efectividade dos plans de prevención de riscos da corrupción ou recomenden a súa revisión.

4. A Sección de Prevención da Corrupción tomará en consideración a información contida nas comunicacións ou denuncias presentadas por persoas físicas ou xurídicas para os efectos de extraer conclusións ou identificar aspectos que cómpre mellorar que deban ser considerados nas futuras revisións dos plans, sen prexuízo doutras actuacións que en materia de fiscalización poida decidir o Pleno en relación con aquelas.

Artigo 57. Asesoramento en materia de prevención da corrupción

A Sección de Prevención da Corrupción asesorará o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos en materia de prevención da corrupción.

Para estes efectos, poderá instar á adopción de medidas normativas precisas para a efectividade do seu labor e solicitar a colaboración de expertos nesta materia dos distintos ámbitos de actuación dos poderes públicos.

Artigo 58. Accións de concienciación no sector público

Coa finalidade de reforzar a implantación das actuacións previstas no ámbito do sector público autonómico para a prevención da corrupción, o Consello de Contas promoverá as seguintes accións:

a) Acompañamento dos procesos de implantación dos plans de prevención de riscos de corrupción mediante visitas de sensibilización e concienciación nas institucións.

b) Formación e estudos en materia de prevención da corrupción.

c) Impulso das mellores prácticas, incorporando recoñecementos ao labor desenvolvido polas entidades públicas nesta materia.

d) Calquera outra destinada a consolidar unha cultura de integridade no funcionamento das institucións públicas.

Artigo 59. Instrumentos de colaboración

O Consello de Contas promoverá instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, así como con outros órganos representativos de diferentes entidades públicas, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Artigo 60. Concienciación e participación cidadá

1. O Consello de Contas impulsará, a través de convenios de colaboración con entidades representativas de distintos ámbitos do sector privado, o establecemento de mecanismos de autorregulación tendentes a evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.

2. Para o fomento da conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público, a Sección de Prevención da Corrupción promoverá estudos e actividades formativas en materia de prevención da corrupción.

Artigo 61. Comisión Técnica de Prevención da Corrupción

A Comisión Técnica de Prevención da Corrupción definirá os criterios para a elaboración dos cuestionarios de avaliación de control interno e para a formulación de guías e modelos de plans de prevención de riscos da corrupción, e así mesmo coñecerá, con carácter previo á súa aprobación, as propostas e recomendacións formuladas pola Sección de Prevención da Corrupción nesta materia. Tamén terá como función analizar os aspectos detectados na revisión do control interno das entidades fiscalizadas ou nas distintas fiscalizacións que poidan recomendar a revisión dos plans de prevención ou a adopción de novas recomendacións.

CAPÍTULO V
Outras funcións

Sección 1ª. Funcións delegadas polo Tribunal de Contas

Artigo 62. Funcións delegadas polo Tribunal de Contas

O Consello de Contas poderá asumir por delegación do Tribunal de Contas a realización de actuacións previas que correspondan a procedementos xurisdicionais por responsabilidade contable. A solicitude, asunción ou rexeitamento da citada delegación requirirá acordo do Pleno.

Artigo 63. Procedemento no caso de asunción de actuacións previas

1. De o Pleno acordar asumir a delegación, a Comisión de Goberno nomeará o delegado instrutor e o equipo de auditoría que deba prestar a súa colaboración. O instrutor proporá á Comisión de Goberno o nomeamento dun funcionario ou funcionaria do Consello para que actúe como secretario ou secretaria.

2. A instrución do procedemento xurisdicional asumido axustarase aos termos da delegación e ás normas polas que se rexa nesta materia o Tribunal de Contas e, supletoriamente, polas do Consello de Contas.

3. O delegado instrutor manterá informado o Pleno do desenvolvemento do procedemento e, unha vez finalizadas as actuacións, remitirallas ao Tribunal de Contas.

Sección 2ª. Indicios de responsabilidade

Artigo 64. Procedemento no caso de indicios

1. Detectados indicios de responsabilidade contable, penal ou administrativa, o conselleiro ou conselleira competente para as actuacións poderá solicitar informe do equipo de fiscalización e informe da Asesoría Xurídica do Consello antes de trasladar o asunto ao conselleiro ou conselleira maior para a súa inclusión na orde do día do Pleno, que poderá adoptar algunhas das seguintes decisións:

a) A remisión das actuacións aos órganos competentes.

b) O desenvolvemento de actuacións complementarias.

c) O arquivo das actuacións.

d) No caso de comunicacións ou denuncias, a toma en consideración destes feitos de cara á elaboración dos plans anuais de traballo.

2. Para a remisión aos órganos competentes, procederase do seguinte xeito:

a) Se os indicios son de responsabilidade contable, poranse en coñecemento do Tribunal de Contas.

b) Se os indicios son de responsabilidade penal, poranse os feitos en coñecemento da Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Se os indicios son de responsabilidade administrativa, comunicarase aos superiores xerárquicos dos presuntos responsables e ás autoridades que teñan atribuídas as competencias de supervisión ou control na materia concreta.

Artigo 65. Tramitación das comunicacións ou denuncias

1. As comunicacións ou denuncias deberán conter os datos identificativos de quen as formule, enderezo postal ou electrónico para os efectos de notificacións, feitos e razóns nos que se concreta a solicitude e o lugar, data e sinatura do solicitante.

2. Recibida a comunicación ou denuncia, o conselleiro ou conselleira maior porao en coñecemento do conselleiro ou conselleira do departamento responsable da súa tramitación, que poderá solicitar ao denunciante a presentación de documentación complementaria co fin de aclarar ou ampliar o contido da denuncia.

3. O exercicio destas actuacións atenderase sen menoscabo do cumprimento do plan anual de traballo. As comunicacións ou denuncias non confiren a quen as formula a condición de interesado no procedemento fiscalizador que, de ser o caso, se inicie en virtude de acordo do Pleno.

Artigo 66. Actuacións complementarias

Se no exercicio da súa función fiscalizadora ou con motivo de denuncia fundamentada o Consello tiver coñecemento da existencia de feitos ou comportamentos que poidan ser constitutivos de responsabilidade contable, o conselleiro ou conselleira do departamento competente poderá propor á Sección de Fiscalización abrir unhas dilixencias complementarias para ampliar os feitos e cualificar, con maior coñecemento daqueles, a existencia de indicios desta responsabilidade.

Sección 3ª. Función consultiva

Artigo 67. Solicitudes de asesoramento

1. No exercicio da función consultiva, corresponde ao Consello de Contas a emisión dos seguintes ditames e contestacións a consultas:

a) Os solicitados, en materia de contabilidade pública e xestión económico-financeira, polas institucións e entidades previstas no punto 2 do artigo 1 da lei.

b) Os solicitados polo Parlamento sobre os orzamentos da Comunidade Autónoma e a súa execución e liquidación.

c) Os solicitados polo Parlamento ou pola Xunta sobre proxectos normativos que afecten os ingresos e gastos públicos.

d) Os solicitados polo Parlamento, Administración autonómica e administracións suxeitas ao ámbito do Consello de Contas sobre instrumentos normativos ou internos de prevención da corrupción.

2. Corresponde ao Consello de Contas a emisión de informes que solicite a consellaría competente en materia de facendas locais para resolver as discrepancias que lle sexan elevadas a este órgano polas persoas que ocupen a presidencia das entidades locais a través do procedemento regulado na normativa do Estado.

3. Conforme o establecido na disposición adicional bis da lei, someteranse a informe do Consello de Contas as proposicións de lei e os anteproxectos de lei que versen sobre o seu réxime xurídico ou sobre o exercicio das súas funcións.

Artigo 68. Procedemento

1. A formulación da consulta requirirá o acordo previo do Consello da Xunta, do pleno do ente local ou do órgano superior de goberno do resto de entidades do sector público de Galicia interesados.

2. Na solicitude de asesoramento concretarase o obxecto da consulta, debendo ser acompañada de todos os antecedentes, documentos ou informes necesarios para poder pronunciarse sobre a cuestión formulada. En todo caso, deberanse achegar os informes do servizo xurídico e, de ser o caso, do servizo de control interno da entidade que formula a consulta, co contido das súas respectivas conclusións a cada cuestión suscitada.

3. Recibida a solicitude de asesoramento, o conselleiro ou conselleira maior elevaraa ao Pleno, para que decida sobre a súa admisión. A decisión comunicarase ao órgano consultante, sen que caiba recurso contra a súa denegación.

4. Non se admitirán as solicitudes de consulta a que se refire o artigo 67.1.a) que non conteñan un obxecto preciso ou sexan confusas ou xenéricas, substitúan a fiscalización de control interno ou versen sobre asuntos xa consultados por esa entidade.

5. Se, unha vez admitida a consulta, o Consello estima que a documentación está incompleta, requirirase o ente consultante para que se complete coa documentación adicional que se indique para o efecto, suspendéndose neste suposto o cómputo dos prazos para a súa contestación ata a recepción da documentación solicitada. De non se completar a documentación no prazo de quince días, a solicitude de asesoramento arquivarase conforme as normas que regulan o procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O Pleno determinará o membro do Consello de Contas que debe dirixir o asesoramento, así como o prazo para a súa realización e o persoal de apoio con que contará para a elaboración da proposta de ditame, que será sometida ao informe da Asesoría Xurídica do Consello. O conselleiro ou conselleira responsable da emisión do informe a que alude o artigo 67.2 será o titular do departamento competente en materia de facendas locais.

7. Unha vez aprobado o resultado da consulta polo Pleno, remitirase ao ente consultante e publicarase na páxina web do Consello de Contas.

Artigo 69. Réxime das consultas

1. Os ditames resultantes do exercicio da función consultiva non serán vinculantes e serán emitidos no prazo de tres meses desde a admisión polo Pleno da solicitude de asesoramento, sen prexuízo da posibilidade de prorrogar o dito prazo de forma motivada.

2. As respostas a consultas e os ditames emitidos incluiranse na Memoria anual do Consello de Contas.

Sección 4ª. Fiscalización da evolución dos bens patrimoniais de altos cargos

Artigo 70. Procedemento específico en relación coa evolución dos bens patrimoniais de altos cargos

1. Cando o órgano responsable do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia aprecie unha evolución inadecuada da situación patrimonial dun alto cargo do sector público autonómico respecto dos seus ingresos acreditados, poderá solicitar, a través da consellaría competente, nunha petición razoada, que o Consello da Xunta de Galicia se dirixa ao Consello de Contas para que proceda a fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais do devandito alto cargo.

2. Recibida a solicitude do Consello da Xunta, o conselleiro ou conselleira maior designará un responsable técnico da súa execución e o persoal de apoio que se precise.

3. O Consello de Contas terá acceso ao Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos nos termos que regulamentariamente se determinen.

4. O período obxecto de fiscalización coincidirá co do mandato do cargo público, de modo que non alcanzará, en ningún caso, períodos anteriores á toma de posesión do cargo e finalizará cando se produza o cesamento efectivo daquel.

5. O alto cargo cuxa situación patrimonial sexa obxecto de exame deberá achegar toda a información que lle sexa requirida, así como comunicar todas aquelas circunstancias que sexan relevantes para a elaboración do informe.

6. O Consello de Contas, en todo caso, deberá remitir á persoa fiscalizada un borrador previo de conclusións para permitirlle, nun prazo de quince días, presentar alegacións. Unha vez cumprido o trámite de alegacións, o conselleiro ou conselleira maior someterá o resultado desa fiscalización coas alegacións presentadas á aprobación da Sección de Fiscalización para a posterior elevación ao Pleno. Aprobado por este órgano, remitirase á Xunta de Galicia e incorporarase ao informe anual que se remite ao Parlamento de Galicia.

7. Se, como resultado da súa fiscalización, o Pleno advirte indicios de responsabilidade administrativa, penal ou doutra índole, deberá pólo en coñecemento da autoridade ou órgano administrativo ou xurisdicional competente.

TÍTULO IV
Persoal ao servizo do Consello de Contas e organización administrativa

CAPÍTULO I
Persoal ao servizo do Consello de Contas

Artigo 71. Persoal ao servizo do Consello

1. O persoal ao servizo do Consello de Contas está constituído polas profesionais e os profesionais deste órgano con retribución a cargo das dotacións recollidas no seu orzamento.

2. O persoal que preste servizos no Consello de Contas rexerase pola lexislación reguladora do emprego público de Galicia, sen prexuízo das normas específicas que lle resulten aplicables.

3. O Consello de Contas terá respecto do seu persoal as mesmas competencias que posúa en cada momento a Administración xeral da Comunidade Autónoma, que exercerá de forma autónoma a través dos seus propios órganos.

Artigo 72. Clasificación do persoal

1. O persoal ao que se refire o artigo anterior clasifícase en:

– Persoal funcionario de carreira.

– Persoal funcionario interino.

– Persoal laboral.

– Persoal eventual.

2. Os auditores, técnicos, axudantes e, se é o caso, outro persoal de auditoría serán seleccionados por oposición, concurso, concurso-oposición ou por calquera dos procedementos legais de provisión de postos de traballo.

3. O Consello de Contas disporá de persoal técnico, administrativo, auxiliar e subalterno que sexa necesario para o desenvolvemento das súas funcións, que será seleccionado segundo o indicado no punto anterior.

Artigo 73. Persoal funcionario de carreira

1. Estarán ocupados por persoal funcionario de carreira os postos que así se indiquen na relación de postos de traballo aprobada polo Consello de Contas. Os postos de traballo do persoal funcionario do Consello cubriranse ordinariamente por concurso específico entre funcionarios que presten servizos no Consello ou noutras administracións ou organismos públicos.

2. A provisión de postos de traballo atenderá á efectiva promoción profesional do persoal que presta servizos no Consello de Contas, para cuxos efectos desenvolverá unha adecuada planificación e ordenación dos recursos humanos.

3. Os funcionarios con destino no Consello de Contas en situación de servizo noutras administracións públicas estarán en servizo activo respecto desta institución. Corresponde ao Consello declarar as situacións administrativas, das que dará conta á Administración do corpo ou escala a que pertenza o funcionario.

Artigo 74. Persoal funcionario interino

É persoal funcionario interino o que, por razóns de urxencia ou necesidade, ocupe prazas da relación de postos de traballo do Consello de Contas mentres non se cubran definitivamente.

Artigo 75. Persoal laboral

1. Poderase autorizar a contratación de persoal en réxime laboral para o desempeño de postos de traballo que reúnan as características previstas na lexislación da función pública galega. O devandito persoal rexerase polo disposto no Estatuto dos traballadores e nas súas disposicións complementarias.

2. A selección de persoal laboral fixo realizarase mediante convocatoria pública, garantindo os principios constitucionais de acceso ao emprego público, e, na súa provisión de postos, atenderase a unha efectiva promoción profesional.

Artigo 76. Persoal eventual

O persoal eventual, previsto na relación de postos de traballo do Consello, só poderá exercer funcións de confianza e asesoramento especial dos membros do Consello e será nomeado polos conselleiros ou conselleiras. O seu cesamento producirase por decisión daqueles ou de forma automática ao cesaren os conselleiros ou conselleiras aos que estean asignados.

Artigo 77. Comisionados

1. O Consello de Contas, de forma motivada, poderá comisionar persoas expertas, sexan ou non persoal funcionario, que teñan a titulación adecuada, co obxecto de realizar tarefas complementarias nos ámbitos da fiscalización, a prevención da corrupción ou o asesoramento atribuídos ao Consello de Contas.

2. Non poderá ser comisionado quen incorra nalgún dos supostos aos que se refire o número 3 do artigo 12 da lei.

Artigo 78. Principios e normas de conduta

1. No exercicio das súas funcións, o persoal do Consello de Contas debe gardar a debida consideración ás autoridades e ao persoal dos organismos e entidades que fiscalicen, así como un escrupuloso respecto aos dereitos e garantías daquelas persoas coas que teñan que relacionarse.

2. Os funcionarios ao servizo do Consello desenvolverán as tarefas asignadas conforme o código de conduta previsto na lexislación da función pública galega e, así mesmo, con observancia do código ético institucional que aprobe o Pleno.

3. No ámbito da fiscalización, e de conformidade coas normas ISSAI-ES, prestarase especial atención aos seguintes principios ou normas de conduta:

a) Integridade no exercicio do traballo e nas relacións coa entidade fiscalizada, sen valerse en ningún caso da súa posición ou da información obtida para obter vantaxes persoais para si ou para terceiros.

b) Independencia, obxectividade e imparcialidade nas tarefas encomendadas, evitando conflitos de intereses que poidan producirse, así como relacións coa entidade fiscalizada que poidan menoscabar a súa independencia. Cando a persoa designada para un traballo aprecie a concorrencia de calquera circunstancia que puider afectar estes principios, porao en coñecemento do conselleiro ou conselleira responsable da fiscalización.

c) Segredo profesional respecto dos feitos, datos ou documentos que coñecen por razón do seu traballo.

d) Competencia e desenvolvemento profesional para a realización dos traballos de fiscalización.

Artigo 79. Incompatibilidades do persoal ao servizo do Consello de Contas

1. O desempeño dun posto de traballo no Consello de Contas será incompatible co desempeño doutro posto de traballo, cargo ou actividade, dentro do marco e coas excepcións previstas na normativa básica estatal e na lexislación reguladora do emprego público de Galicia.

2. Logo de informe favorable da Comisión de Goberno, poderá autorizarse con carácter temporal o exercicio de funcións docentes ou de investigación, sempre que iso non menoscabe ou impida o estrito cumprimento das súas obrigas ou comprometa a súa imparcialidade ou independencia.

CAPÍTULO II
Equipos de fiscalización e comisións técnicas

Artigo 80. Equipos de fiscalización

1. A composición dos equipos de fiscalización será determinada, en cada caso, polo conselleiro ou conselleira atendendo ás exixencias da programación dos traballos aprobada. Con carácter xeral, o equipo contará cun auditor responsable técnico dos traballos e o resto do persoal asignado para cada fiscalización.

2. Correspóndenlle ao responsable técnico dos traballos as seguintes funcións, sen prexuízo das establecidas na relación de postos de traballo do Consello:

a) Elaborar, coa colaboración do equipo, o memorando de planificación, o borrador de proxecto de directrices técnicas e os programas de traballo, e presentalos ao conselleiro ou conselleira do departamento.

b) Asignar os diferentes traballos de fiscalización a cada compoñente do seu equipo.

c) Supervisar as tarefas do equipo de traballo, resolver as consultas dos membros do seu equipo e canalizar as que deban dirixirse a outros departamentos do Consello, dando conta ao conselleiro ou conselleira.

d) Coordinar e dirixir as relacións cos responsables das entidades fiscalizadas.

e) Redactar o borrador de anteproxecto de informe a partir dos documentos que conteñan os resultados das actuacións levadas a cabo polo equipo de fiscalización.

f) Realizar estudos en todas aquelas materias susceptibles de ser fiscalizadas.

g) Informar o conselleiro ou conselleira de cantas incidencias relevantes se presenten no desenvolvemento dos traballos.

3. Os equipos de fiscalización desenvolverán, baixo a supervisión do responsable técnico dos traballos, as seguintes funcións:

a) Colaborar na planificación e organización do traballo encomendado ao equipo.

b) Recompilar e ordenar a documentación necesaria para o labor fiscalizador.

c) Analizar e revisar, de acordo cos criterios e a normativa técnica aprobada, as contas, os estados financeiros, o control interno e a organización, así como cantos aspectos da xestión da entidade fiscalizada sexan relevantes para os obxectivos marcados en función do tipo de auditoría previsto no plan anual.

d) Realizar os traballos de control nas entidades fiscalizadas que sexan necesarios.

e) Trasladar ao responsable técnico dos traballos os documentos elaborados que conteñan os resultados e as conclusións a que chegasen no exercicio das súas funcións.

f) Elevar ao responsable técnico dos traballos as propostas que estimen oportunas para o mellor desenvolvemento do seu traballo.

g) As demais funcións de apoio e colaboración que puider requirir o desenvolvemento dos traballos.

Artigo 81. Comisións técnicas

1. Por acordo do Pleno poderá disporse a creación de comisións técnicas con funcións consultivas. O acordo de creación das comisións debe especificar a finalidade, o persoal que se adscriba a elas, o procedemento e o prazo para o exercicio das tarefas encomendadas, ou, se procede, o carácter indefinido daquelas.

2. En particular, no ámbito da fiscalización estas comisións técnicas terán como finalidade asegurar a elaboración e normalización dos procedementos técnicos de fiscalización e o control de calidade dos informes, así como a homoxeneidade das actuacións fiscalizadoras, contribuíndo á adopción de criterios e normas comúns aplicables a todas elas e á avaliación e mellora na calidade dos procedementos e resultados.

CAPÍTULO III
Organización da Secretaría Xeral

Artigo 82. Servizos da Secretaría Xeral

Baixo a dependencia orgánica da Secretaría Xeral, organizaranse os servizos xurídicos, económicos, administrativos e técnicos necesarios para o desenvolvemento das actividades do Consello. Corresponde ao Pleno crear novos servizos, reorganizar os existentes e definir as súas atribucións.

Artigo 83. Asesoría Xurídica

1. Baixo a dependencia orgánica da Secretaría Xeral existirá unha Asesoría Xurídica dirixida por un letrado ou letrada maior e integrada polos demais letrados que recolla a relación de postos de traballo. Correspóndenlle á Asesoría Xurídica:

a) Asesorar xuridicamente os órganos do Consello de Contas.

b) Representar e defender en xuízo os intereses do Consello de Contas ante calquera xurisdición, diante do Tribunal Constitucional e en procedementos arbitrais.

c) Apoiar a Secretaría Xeral en materias da súa competencia.

d) Asistir xuridicamente os equipos de auditoría.

e) Actuar nos procedementos de responsabilidade contable.

f) Calquera outra función que lle encomende o Consello.

2. Para as prestacións de asistencia xurídica só poderá acudirse á contratación externa cando non poidan ser cumpridamente satisfeitas pola Asesoría Xurídica as necesidades que se pretenden cubrir, pola insuficiencia, carencia ou inadecuación dos medios dos que dispón. En casos excepcionais, o Pleno poderá autorizar, mediante resolución motivada, que a representación e defensa en xuízo sexa asumida por un avogado ou avogada ou un procurador ou procuradora, que actuará baixo a supervisión da Asesoría Xurídica.

3. Corresponde á Asesoría Xurídica a supervisión e xestión da base de datos das comunicacións ou denuncias que informen sobre presuntas irregularidades, e da base de datos das actuacións do Tribunal de Contas iniciadas como consecuencia de indicios de responsabilidade contable derivadas dos informes do Consello. A Asesoría Xurídica custodiará a documentación recibida e tramitada en relación con estas actuacións.

Artigo 84. Control interno

1. O control interno de xestión económico-financeira do Consello de Contas será realizado por un interventor e demais persoal que, se é o caso, recolla a relación de postos de traballo, que exercerá, baixo a dependencia orgánica da Secretaría Xeral, as tarefas propias da función interventora e do control financeiro.

2. Correspóndelle ao interventor:

a) A fiscalización de todos os actos de contido económico e de movemento de fondos realizados polo Consello.

b) O asesoramento á persoa titular da Secretaría Xeral na elaboración do anteproxecto do orzamento.

c) A dirección e rexistro contable das operacións do Consello.

d) O asesoramento e control sobre a tramitación dos expedientes de gasto.

e) O control da tesouraría.

f) A preparación da rendición das contas propias do Consello e o informe dos expedientes de modificación orzamentaria.

g) O control da xestión patrimonial dos bens, servizos e instalacións.

h) En xeral, o asesoramento en todas aquelas actuacións propias da xestión económico-financeira e orzamentaria do Consello.

3. Se o interventor discrepa do fondo ou da forma dos actos dos expedientes examinados, formulará as súas obxeccións por escrito, e de persistir a discrepancia someteranse ao Pleno. Os reparos faranse constar na memoria das contas anuais do Consello.

TÍTULO V
Réxime xurídico e relacións institucionais

CAPÍTULO I
Réxime económico-financeiro

Artigo 85. Elaboración do orzamento

1. A persoa titular da Secretaría Xeral elaborará o anteproxecto de orzamento do Consello de cada ano e someterao ao Pleno para a súa aprobación. Ao anteproxecto achegará unha memoria explicativa e a liquidación do orzamento do exercicio anterior.

2. Unha vez aprobado polo Pleno, o proxecto do orzamento e a documentación anexa trasladaranse á consellaría con competencias en materia de facenda dentro do prazo establecido para o efecto, para que sexa integrado no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 86. Execución do orzamento

1. O réxime orzamentario do Consello regúlase pola Lei do Consello, pola normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, no que lle sexa aplicable, polas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. A aprobación das modificacións orzamentarias será competencia do Pleno, sen prexuízo das atribuídas pola normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aos presidentes dos órganos estatutarios, que corresponderán ao conselleiro ou conselleira maior.

Artigo 87. Libramentos en firme

1. As dotacións orzamentarias do Consello de Contas serán libradas en firme e periodicamente a nome del pola consellaría con competencias en materia de facenda a medida que este o requira, e non estarán suxeitas a ningún tipo de xustificación ante o Goberno galego.

2. Os documentos contables que se expidan para facer efectivas aquelas dotacións orzamentarias a favor do Consello de Contas serán propostos e autorizados pola consellaría con competencias en materia de facenda.

Artigo 88. Réxime de contabilidade

1. En aplicación da normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Consello de Contas está suxeito ao réxime de contabilidade pública, de forma independente e segregada da propia da Comunidade Autónoma, de acordo coas especificacións previstas neste regulamento.

2. O exame das contas do Consello de Contas correspóndelle ao Parlamento de Galicia, ao que se deberán trasladar con esta finalidade como anexo da memoria anual a que se refire o artigo 50 deste regulamento.

3. As contas do Consello desenvolveranse de acordo coa normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e demais disposicións sobre contabilidade pública que lles resulten aplicables.

4. A elaboración da Conta do Consello correspóndelle ao interventor, de acordo co recollido no artigo 84 deste regulamento, para ser sometida posteriormente á aprobación do Pleno antes da súa remisión ao Parlamento. Os xustificantes das contas permanecerán na sede do Consello á disposición do Parlamento.

Artigo 89. Anticipos de caixa fixa

No marco da normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o conselleiro ou conselleira maior poderá acordar provisións de fondos de carácter extraorzamentario á Secretaría Xeral para gastos periódicos e repetitivos do capítulo II do orzamento do Consello. Os límites de contía destes gastos e a forma de rendición da Conta determinaranse normativamente.

Artigo 90. Réxime de contratación e patrimonial

1. O réxime de contratación do Consello de Contas axustarase á normativa básica estatal e demais normativa que rexa para a Administración xeral da Comunidade Autónoma, coas adaptacións normativas que estableza o Pleno.

2. O réxime patrimonial do Consello de Contas será o que rexa para a Administración xeral da Comunidade Autónoma, correspondendo ao conselleiro ou conselleira maior o exercicio das competencias nesta materia.

Artigo 91. Réxime de xestión administrativa

1. En materia de procedemento, recursos e forma das disposicións e actos dos órganos do Consello de Contas non adoptados no exercicio da súa función fiscalizadora, serán de aplicación, na falta do previsto na lei, neste regulamento ou nas normas de desenvolvemento, os principios que inspiran a actuación administrativa de acordo coa normativa vixente en materia de procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os actos e resolucións en materia de persoal, xestión económica e réxime interno son susceptibles de recurso de alzada ante o Pleno, que esgota a vía administrativa. A resolución dos procedementos de revisión de oficio e do recurso extraordinario de revisión corresponderá ao Pleno.

3. O dereito de acceso á información e as obrigas en materia de publicidade activa serán as previstas na normativa de transparencia da Comunidade Autónoma, así como nas disposicións de desenvolvemento deste regulamento.

CAPÍTULO II
Relacións institucionais

Artigo 92. Relacións co Parlamento

1. As relacións do Consello de Contas co Parlamento de Galicia no exercicio das súas funcións produciranse a través da Comisión permanente non lexislativa de Relacións co Consello de Contas, salvo nos supostos en que as normas do Parlamento dispoñan a intervención do Pleno, da Mesa ou doutros órganos do Parlamento.

2. Sen prexuízo do disposto na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Parlamento de Galicia remitiralle ao Consello de Contas as súas contas xerais antes do 30 de xullo do ano seguinte ao do exercicio económico ao que correspondan, para a súa fiscalización.

Artigo 93. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e outras entidades do sector público

A actividade do Consello de Contas referente á Administración xeral e institucional da Comunidade Autónoma de Galicia canalizarase a través do conselleiro ou conselleira competente en materia de facenda, sen prexuízo das atribucións da comisión mixta Consello de Contas-Intervención Xeral da Comunidade Autónoma creada polo artigo 23.6 da lei e do disposto neste regulamento para o nomeamento de interlocutor dos traballos.

As relacións coas demais administracións e suxeitos integrantes do sector público de Galicia efectuaranse a través do órgano que exerza a súa representación.

Artigo 94. Relacións co Tribunal de Contas e outros órganos de control externo

As relacións co Tribunal de Contas e demais institucións e órganos de control externo efectuaranse a través do conselleiro ou conselleira maior.

Disposición adicional primeira. Plan de prevención de riscos da corrupción e código ético institucional do Consello de Contas

O Consello de Contas de Galicia aprobará o seu propio plan de prevención de riscos da corrupción, de conformidade co disposto no capítulo IV do título III do presente regulamento.

Así mesmo, aprobará un código ético institucional ao que deben someter as súas actuacións os conselleiros e conselleiras e o persoal que preste servizos no Consello de Contas.

Estes documentos publicaranse na páxina web da institución.

Disposición adicional segunda. Referencias normativas

Sempre que este regulamento faga referencia á lei, excepto que do contexto se deduza outra cousa, enténdese feita á Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Disposición transitoria única. Réxime aplicable ao cesamento dos funcionarios de carreira que obtiveron un posto de traballo polo procedemento de libre designación no Consello de Contas de Galicia con anterioridade ao 18 de setembro de 2014

Consonte o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do Consello de Contas, o persoal funcionario de carreira que con anterioridade ao 18 de setembro de 2014 ocupase un posto de traballo no Consello de Contas de Galicia obtido polo procedemento de libre designación ou tiver recoñecido un dereito á reserva deste posto de traballo e que fose cesado nese posto, ou se este foi obxecto de supresión, permanecerá no Consello de Contas, que deberá asignarlle un posto de traballo consonte o seu grao consolidado e cun complemento específico non inferior en máis de dous niveis ao devandito grao.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia aprobado pola Comisión permanente non lexislativa para as Relacións co Consello de Contas do Parlamento de Galicia na reunión do 2 de xuño de 1992.

Disposición derradeira primeira. Facultades para o desenvolvemento deste regulamento

O Pleno poderá aprobar as normas e regulacións precisas en desenvolvemento, aplicación e execución do presente regulamento de réxime interior, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Réxime supletorio

Os procedementos fiscalizadores rexeranse polo disposto na lei, por este regulamento e polas disposicións regulamentarias que aprobe o Pleno en desenvolvemento del e, na súa falta, polos principios da normativa do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En ningún caso serán de aplicación aos procedementos fiscalizadores as normas do procedemento común que determinan o carácter de parte ou lexitiman para a interposición de recursos en vía administrativa ou xurisdicional.

En todo o non regulado pola lei, por este regulamento e polas normas de desenvolvemento, será de aplicación supletoria a Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, e a Lei 7/1988, do 5 de abril, reguladoras do funcionamento do Tribunal de Contas.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.