Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 6 de marzo de 2017 Páx. 11433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2017, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, de inicio do proceso de selección de adxudicatarios dunha vivenda de promoción pública vacante (aloxamentos protexidos), en réxime de alugamento no concello de Ferrol (expediente C-2006/010).

Rematados os procedementos convocados por acordos da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña do 28 de abril do 2011, 15 de marzo do 2013 e 13 de maio de 2015, para a selección de adxudicatarios de vivendas de promoción pública do expediente C-2006/010, sitas no concello de Ferrol, quedou sen adxudicar unha vivenda da quenda de mobilidade reducida.

Para os efectos da súa adxudicación, e de conformidade co establecido no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas (en diante, Decreto 1/2010), e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, Decreto 253/2007), a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de adxudicatario dunha vivenda de promoción pública (aloxamentos piloto para persoas maiores de 60 anos e menores de 35) no concello de Ferrol, expediente C-2006/010, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características da promoción

• Número de vivendas: 1.

• Localización das vivendas: parcela 27-A do polígono de Esteiro, concello de Ferrol.

• Quenda: mobilidade reducida.

• Característica da vivenda:

1 habitación, cunha superficie total de 44.23 m2. Dispón de rocho e garaxe.

Segundo. Condicións dos/das beneficiarios/as

1. Poderá resultar adxudicataria da vivenda de promoción pública a persoa, nacional ou estranxeira, maior de idade ou menor emancipada, con plena capacidade de obrar que, como titular dunha unidade familiar ou convivencial, reúna os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscrito ou anotado no Rexistro Único de Demandantes na data desta resolución de inicio como demandante de vivenda de promoción pública para o concello de Ferrol, na quenda de mobilidade reducida.

b) Pertencer a algún dos colectivos a que van destinadas as vivendas da promoción:

• Maiores de 60 anos.

• Menores de 35 anos.

c) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0 e 2,5 veces o índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

d) Formar parte dunha unidade familiar/convivencial cun máximo de 2 integrantes, en atención ás características da vivenda ofertada.

e) Residir ou traballar nos concellos de Ferrol, Ares, Cedeira, Fene, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas ou Valdoviño, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

f) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou de convivencia, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se resulta adxudicatario, queda obrigado a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

g) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa foran titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS, ou que a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana, suxeitos ao imposto sobre bens inmobles, que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do antedito, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceiro. Cualificación da promoción

A promoción obtivo a cualificación definitiva de vivendas de promoción pública en réxime de alugamento destinadas a persoas maiores de 60 anos e menores de 35 anos, en virtude de resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 9 de setembro de 2011.

Cuarto. Réxime de adxudicación

A vivenda adxudicarase en réxime de alugamento para satisfacer as necesidades dos colectivos especificados.

O réxime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección, sen que sexa posible o cambio de réxime de alugamento á compra.

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

O contrato de arrendamento terá unha vixencia de 5 anos, prorrogables por períodos anuais, e estará prohibida en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

A renda inicial anual será a que resulte de aplicarlle o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, se é o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento

O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010.

O sorteo celebrarase ante notario o día 6 de marzo do 2017, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, circunstancia que se poñerá en coñecemento dos interesados mediante anuncio na páxina web do IGVS, no cal se indicará a nova data do sorteo, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo será elixido un adxudicatario provisional. Tamén se elixirán ata un máximo de 20 solicitantes para formar parte da lista de reserva, na orde correlativa que resulte do sorteo.

Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de adxudicatarios e de reserva e, realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, a Comisión Provincial ditará resolución aprobatoria da lista definitiva de adxudicatarios e de reserva.

Sétimo. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de adxudicatarios e de espera.

A publicación das listas provisional e definitiva de adxudicatarios e de espera realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Co fin de protexer os datos persoais dos interesados, as citadas listas poden limitarse a indicar a relación dos números das credenciais asignadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e os nomes dos titulares das ditas credenciais que resulten adxudicatarios.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de espera, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015.

A Coruña, 27 de xaneiro de 2017

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña