Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2017 Páx. 10671

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de febreiro de 2017 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Pablo Beiro.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Pablo Beiro con domicilio na avenida da Florida número 1, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 9 de decembro de 2016, José Manuel Alvelo Berredo, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pablo Beiro constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 8 de novembro de 2016, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número de protocolo 1.232, pola Asociación Club Amfiv que actúa representada polo seu presidente José Antonio Beiro Rodríguez.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– O apoio á promoción, desenvolvemento e mantemento do deporte adaptado a todos os niveis en Galicia, tanto de alta competición e de disciplinas deportivas paralímpicas, como nas estruturas de base necesarias para iso, achegando a práctica e difusión do deporte adaptado aos discapacitados e demais cidadáns, dotándoos dos medios materiais e humanos necesarios. A sensibilización da sociedade galega ante a discapacidade, as causas que a motivan e a súa superación a través do deporte adaptado, favorecendo a tolerancia, o respecto e a integración, e potenciando na súa práctica a igualdade, a multiculturalidade e o traballo en equipo, así como a promoción da saúde a través das prácticas deportivas. A promoción de eventos, seminarios, cursos, encontros, campus sobre o deporte adaptado e actividades físico-deportivas.

– O desenvolvemento e potenciación en xeral de actividades deportivas, culturais e sociais, así como o fomento do deporte. A integración, formación e orientación educativa desde a infancia e especialmente na mocidade a través dos centros educativos e pedagóxicos de Galicia. A colaboración con asociacións, sociedades e institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas, así como clubs e deportistas para a súa preparación e acceso a competicións de carácter nacional ou internacional. A integración, formación e orientación sociolaboral a través do deporte de persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial.

– A formación profesional, orientación e inserción laboral de persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial.

– O establecemento, na forma e medida que se considere posible e conveniente, de relacións con entidades nacionais e estranxeiras que persigan fins semellantes.

– A promoción e fomento do patrimonio deportivo do Club Amfiv, procurando estender o coñecemento xeral desta entidade deportiva e do seu socio-fundador Pablo Beiro Diz.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Manuel Alvelo Berredo como presidente; Manuel Veiga Rodríguez como vicepresidente; José Carlos González Castro como secretario e José Antonio Beiro Rodríguez como vicesecretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Pablo Beiro, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de febreiro de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Pablo Beiro e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza