Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2017 Páx. 10668

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de febreiro de 2017 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Dr. Severiano Campos.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Dr. Severiano Campos con domicilio na avenida das Camelias número 96 baixo, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 12 de xaneiro de 2017, José Severiano Antonio Padua Campos García, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Dr. Severiano Campos constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 20 de decembro de 2016, ante o notario Pablo Rueda Rodríguez Vila, co número de protocolo 2.353, por José Severiano Antonio Padua Campos García, María Amelia Peláez Rodríguez e Iria Campos Peláez que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Levar a cabo a acción social, psicolóxica e educativa de persoas e colectivos vulnerables e excluídos desde unha visión integral, traballando na investigación e formación, desenvolvendo campañas de sensibilización e incidencia para facer visibles os problemas.

– Contribuír á transformación social e individual das persoas excluídas e vulnerables, achegando axuda médica e psicolóxica.

– Conseguir o dereito universal á saúde ocular mediante a promoción e desenvolvemento de programas preventivos e/ou asistenciais na área da saúde ocular.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por José Severiano Antonio Padua Campos García como presidente; María Amelia Peláez Rodríguez como vicepresidenta; e Iria Campos Peláez como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Dr. Severiano Campos, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de febreiro de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Dr. Severiano Campos e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza