Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2017 Páx. 10588

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Serra do Faro (fase I), nos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea (Ourense), promovido pola sociedade Serra do Faro, S.L. (expediente IN661A 2011 02/3 AT).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Serra do Faro, S.L. en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Serra do Faro (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 33 MW.

Segundo. O 23.6.2011, Serra do Faro, S.L. (en adiante a promotora), como sociedade filial unipersoal de Vector Verde, S.A. e ao abeiro do disposto no artigo 36.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense (en adiante a xefatura territorial) remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Retegal, Concello de Piñor, Concello de San Cristovo de Cea, Concello de Rodeiro e Deputación Provincial de Pontevedra. No caso do concello de San Cristovo de Cea, a xefatura territorial reiterou a mencionada solicitude de condicionado sen que se recibise resposta.

Cuarto. O 28.6.2011 o Concello de Piñor emitiu o correspondente condicionado. Posteriormente, o 10.4.2012, en relación coa modificacións do proxecto, o dito concello comunica que mantén o condicionado emitido o 28.6.2011. A promotora mostrou a súa conformidade mediante escrito presentado o 12.7.2012.

Quinto. O 28.3.2012, a promotora presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Sexto. Por Resolución do 12 de abril de 2012, da Xefatura Territorial, someteuse a información pública o estudo ambiental do parque eólico, o proxecto de execución das instalacións que comprende, o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e de inclusión no réxime especial do parque eólico que se desenvolverá nos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea (Ourense).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22 de maio, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 30 de maio de e no xornal La Voz de Galicia do 22 de maio de 2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial e dos concellos afectados (Piñor e San Cristovo de Cea).

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións indicadas no anexo desta resolución, sobre as cales a Xefatura Territorial informou o 9.11.2012.

Sétimo. O 20.4.2012 a Deputación Provincial de Pontevedra emitiu o correspondente condicionado. A promotora manifestou a súa conformidade mediante escrito do 12.7.2012.

Oitavo. O 20.4.2012 Retegal emitiu o correspondente condicionado. A promotora mostrou a súa conformidade mediante escrito do 12.7.2012.

Noveno. O 27.4.2012 Retevisión emitiu o correspondente condicionado. A promotora contestou o 12.7.2012.

Décimo. O 21.5.2012 o Concello de Rodeiro respondeu a solicitude de condicionado técnico manifestando a súa conformidade co proxecto do parque eólico, e sen considerar necesario formular reparos ás especificacións técnicas contidas nel.

Décimo primeiro. O 14.6.2012 a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo segundo. O 2.11.2012 a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

Décimo terceiro. O 6.11.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial informou que a área correspondente ao parque eólico non tiña ningún dereito mineiro preexistente.

Décimo cuarto. O 9.11.2012 a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo quinto. O 11.3.2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo sexto. O 19.3.2015 a promotora solicitou a suspensión temporal no procedemento de autorización administrativa para unha potencia parcial de 6 MW, correspondente ás posicións nº 7 e 8, e que se continúe coa tramitación da autorización administrativa previa para o resto da potencia, dividindo os trámites administrativos en dúas fases.

Esta solicitude vén motivada pola necesidade de estudar novas localizacións compatibles coas cautelas establecidas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o 1.8.2012. Estas novas localizacións das posicións 7 e 8 só serían viables, desde o punto de vista da produción enerxética e de cumprimento das distancias mínimas a núcleos de poboación, fóra dos actuais límites da ADE II-10-8 en que se atopa o parque eólico, polo que sería necesaria a ampliación da dita ADE a través do futuro plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo sétimo. O 28.7.2015, en resposta á solicitude indicada no punto anterior, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a Serra do Faro, S.L. a tramitación do parque eólico en dúas fases. A primeira delas con 9 aeroxeradores e 27 MW de potencia e a segunda fase, de 6 MW, vinculada directamente á futura ampliación da ADE II-10-8 na aprobación definitiva do plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo oitavo. O 7.3.2016 a promotora presentou a addenda ao estudo de impacto ambiental co obxecto de adaptar este documento á fase I do parque eólico.

Décimo noveno. O 23.6.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 22 de agosto de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Vixésimo. O 1.9.2016 a promotora presentou a addenda ao proxecto de execución, co obxecto de adaptar este documento á fase I do parque eólico, así como a relación de bens e dereitos afectados correspondente a esta fase.

Vixésimo primeiro. O 5.9.2016 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética informou sobre a addenda mencionada no punto anterior.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polos artigos 38 e 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas de Ourense do 6.11.2012 non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico, polo que non foi necesaria a apertura do trámite de compatibilidade a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. No que respecta ás alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, a seguir resúmese o seu contido:

– Solicitude de expropiación total de parcelas afectadas parcialmente por entender que quedan inservibles para aproveitamento.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, a maior parte deles relativos aos datos de titularidade das parcelas.

– Proximidade das instalacións do parque eólico a parcelas con explotacións gandeiras, cos conseguintes prexuízos para estas canto a ruído, molestias para os animais e limitacións no uso e xestión das explotacións, motivo polo cal deben incluírse na relación de bens e dereitos afectados, así como percibir as correspondentes indemnizacións.

– As superficies de afección deberán corresponderse coas que deriven do proxecto sectorial; no contrario, incorreríase en causa de nulidade na declaración de utilidade pública e no posterior procedemento expropiador.

– Deben considerarse, ademais, como afeccións as limitacións derivadas da recualificación automática do solo.

– As superficies detalladas na relación de bens e dereitos afectados foron obtidas da planimetría catastral, a cal difire da real, polo que será durante o levantamento de actas previas cando se concrete a superficie realmente afectada, así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de indemnización.

– Deberase realizar un tracexamento sobre o terreo, co permiso e presenza dos propietarios, co obxecto de determinar con precisión os límites das afeccións. Sería conveniente que, a fin de evitar a indefensión dos interesados, esta traza se efectuase con anterioridade á convocatoria para o levantamento de actas previas.

– No que respecta á cualificación do tipo de cultivo, deberá terse en conta a realidade física do terreo no momento do levantamento de actas previas ou no que se concrete a afección para os efectos da indemnización.

En vista destas alegacións e das respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. Respecto ás solicitudes de expropiación total dalgunhas parcelas, non queda acreditado que as afeccións do proxecto sobre estas fagan antieconómica a súa explotación ou conservación, polo que non procede atender as mencionadas solicitudes.

3. En relación coa reclamación sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre unha explotación gandeira e na cal se solicita que se inclúa esta na relación de bens e dereitos afectados, cómpre manifestar que sobre as parcelas ocupadas pola mencionada explotación non existe ningún tipo de afección directa do proxecto (ocupación en pleno dominio, servidumes de voo, paso ou protección eólica ou ocupación temporal), polo que non poden ser obxecto do procedemento de declaración de utilidade pública.

4. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 23.6.2016, que se fixo pública por Resolución do 22 de agosto de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Serra do Faro (fase I), situado nos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea (Ourense) e promovido por Serra do Faro, S.L., cunha potencia de 27 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución do parque eólico composto polos documentos modificación do proxecto de execución do parque eólico Serra do Faro (marzo 2012 e addenda á modificación do proxecto de execución do parque eólico Serra do Faro, fase I (agosto 2016), asinados polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado nº 1185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado, o primeiro deles, polo dito colexio oficial o 21.3.2012 co número CO120573. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Serra do Faro, S.L.

Domicilio: parque de San Lázaro, 7, 1ª planta, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Serra do Faro, fase I.

Potencia: 27 MW.

Concellos afectados: Piñor e San Cristovo de Cea (Ourense).

Produción neta anual estimada: 88.510 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 25.370.263 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

ED50 Fuso 29

ETRS89 Fuso 29

UTM-X

UTM-Y

UTM-X

UTM-Y

1

586.750

4.714.000

586.625,18

4.713.785,36

2

588.250

4.714.000

588.125,19

4.713.785,38

3

587.200

4.712.000

587.075,18

4.711.785,35

4

583.500

4.708.000

583.375,15

4.707.785,30

5

581.500

4.708.000

581.375,14

4.707.785,30

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

Datum ED50 Fuso 29

ETRS89 Fuso 29

UTM-X

UTM-Y

UTM-X

UTM-Y

1

587.005

4.713.030

586.880,18

4.712.815,36

2

587.348

4.713.004

587.223,18

4.712.789,36

3

586.301

4.712.836

586.176,18

4.712.621,35

4

586.558

4.712.378

586.433,18

4.712.163,35

5

585.757

4.712.025

585.632,17

4.711.810,34

6

585.264

4.711.466

585.139,17

4.711.251,33

9

584.189

4.710.046

584.064,16

4.709.831,32

10

584.481

4.709.851

584.356,16

4.709.636,32

11

583.666

4.709.624

583.541,16

4.709.409,31

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 9 aeroxeradores Vestas V-112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria con xerador síncrono, montados sobre fuste tubular metálico cunha altura de buxa de 84 m e un diámetro de rotor de 112 m.

– 9 centros de transformación de potencia unitaria 3.450 kVA e con relación de transformación de 0,65/20 kV, instalados no interior de cada aeroxerador, cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 20 kV de interconexión entre os centros de transformación 0,65/20 kV dos aeroxeradores e destes coa subestación de transformación, composta por 4 liñas con condutores tipo RHZ1 12/20 kV Al de varias seccións.

– Subestación eléctrica 132/20 kV, dotada dunha posición de liña e outra de transformación, con transformador de potencia 28/35 MVA ONAN/ONAF, transformador para servizos auxiliares de 100 kVA e relación de transformación 20/0,42 kV, edificio de control e os correspondentes aparellos para realizar as funcións de medida, protección, telemando e control.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Serra do Faro, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 507.405,26 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Serra do Faro, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 271.314 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir a obriga de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro zutonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 23.6.2016 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Alegacións presentadas durante o período de información pública

Manuel Fernández Conde, o 22.5.2012; Concello de Piñor, o 23.5.2012; José Gil González, en representación dos herdeiros de Juan Gil Álvarez, o 24.5.2012; Mariano Gil Vázquez, o 24.5.2012; Luis Ledo Lamas, o 28.5.2012; María Luz Lois Vázquez, en representación dos herdeiros de Valentín Lois Fernández, o 28.5.2012; María del Carmen Pérez Fernández, o 28.5.2016; Francisca Vázquez Fernández, o 28.5.2012; Purificación Vázquez Fernández, o 29.5.2012; José Manuel Rodríguez Otero, o 30.5.2012; José Rodríguez Cibeira, o 23.5.2012 e o 30.5.2012; Manuel Álvarez Álvarez, o 30.5.2012; Antonio Vázquez Fernández, o 31.5.2016; María González Fernández, o 31.5.2012; María del Carmen García García, o 31.5.2012; Claudino Rodríguez González, o 1.6.2012; José Ramón Fernández Martínez, o 4.6.2012; Gerardo Crespo Mojón, o 5.6.2012; Manuel Pérez Cibeira, o 5.6.2012; Juan Antonio Martínez Fernández, o 7.6.2012; José Antonio Martínez Rodríguez, o 7.6.2012; Camilo Crespo Vázquez, o 7.6.2012; María Carmen Fernández Gil, o 8.6.2016; Mercedes Fernández Decabo, o 8.6.2012; Manuel García González, o 11.6.2012; María Purificación Fernández Vázquez, o 12.6.2012; Eduardo Fernández Fernández e María del Carmen Fernández de la Fuente, o 15.6.2012; Rosa Fernández Fernández, o 15.6.2012; María Carmen García García, o 18.6.2012; José Manuel López Cuñarro, o 6.7.2012; Modesto Otero Marcos, o 30.8.2012; Veneranda Novoa Janeiro, o 9.10.2012; María Luisa Gil Pereira, o 25.10.2012.