Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9208

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2017.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral; será á Consellería de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, e coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, a quen lle corresponden as competencias e funcións nesta materia, e entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, polo que dando cumprimento á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, está a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral. Así mesmo, correspóndelle executar a Axenda 20 para o emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión de subvencións, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.

Artigo 2. Liñas e o seu financiamento

1. Estas axudas distribúense en dúas liñas:

a) Liña 1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido intersectorial en materia de prevención de riscos laborais. Cun importe total de 490.000 euros.

b) Liña 2: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais. Cun importe total de 1.000.000 de euros.

2. A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente no programa de gasto 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015/00507, no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

3. Unha vez realizada a proposta de resolución de concesión da subvención e para o caso de existir remanente de crédito nunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.

4. Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

5. Na liña 1, para o caso de que o orzamento dispoñible nesta liña, incluídas, de ser o caso, as incorporacións dos remanentes da liña 2, non sexa suficiente para cubrir todas as accións que sexan susceptibles de seren subvencionadas, establecerase un límite, polo que ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade e, en todo caso, non poderá superar o 50 % do dito orzamento.

Artigo 3. Accións subvencionables

1. Liña 1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido intersectorial dirixidos a persoas traballadoras activas e en situación de desemprego, a delegados e delegadas de prevención, a recursos preventivos e persoas traballadoras designados que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

2. Liña 2: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:

a) Liña 2.1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial dirixidos a persoas traballadoras activas e a persoas en situación de desemprego, a delegados e delegadas de prevención, a recursos preventivos e persoas traballadoras designadas que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

b) Liña 2.2: estudos e traballos técnicos de carácter sectorial ou intersectorial destinados á investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo.

c) Liña 2.3: accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias tanto de carácter sectorial ou intersectorial:

1º. Liña 2.3.1: conferencias, xornadas, seminarios e/ou publicacións.

2º. Liña 2.3.2: gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica en relación coa normativa de prevención de riscos laborais.

3º. Liña 2.3.3: elaboración de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral.

3. Todas as accións subvencionables, tanto no momento da súa proposta como no da xustificación, terán unha calidade mínima que poderá ser verificada ou informada, por petición do órgano tramitador, por parte de persoal técnico na materia.

4. Os produtos derivados das actividades subvencionables deberán estar en galego, aínda que, a maiores, se poidan facer tamén en castelán.

Artigo 4. Accións non subvencionables

1. Cursos, xornadas e seminarios formativos que non se realicen integramente de forma presencial.

2. Cursos, xornadas e seminarios formativos que conten cun número de asistentes menor a oito.

3. Na liña 2, os cursos de nivel básico (artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención).

4. Accións que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva das persoas integrantes das entidades solicitantes e, en particular:

a) Cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

b) Financiamento dos custos de concertos con servizos de prevención alleos ou cotas de participación en servizos de prevención mancomunados.

c) Custos de funcionamento de medios propios para o desenvolvemento da actividade preventiva (traballadores/as designados/as, servizos de prevención propios ou mancomunados).

5. Avaliacións de riscos ou ferramentas para o desenvolvemento de actividades preventivas que xa existan dentro de programas de asesoramento público ás persoas empresarias.

6. Accións que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, físico ou electrónico, ou de ferramentas informáticas existentes, nin as reedicións de publicacións realizadas con anterioridade, recibisen ou non subvención con cargo a convocatorias doutros exercicios desta orde de subvención.

7. Accións cuxo contido, obxecto e persoas destinatarias coincida co desenvolvemento de proxectos subvencionados en anos anteriores, así como as xa realizadas por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias:

a) Na liña 1: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido intersectorial, as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, e as organizacións sindicais intersectoriais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Na liña 2: cursos, xornadas e seminarios formativos de contido sectorial e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:

1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

3º. Asociacións empresariais galegas, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

4º. Asociacións profesionais e empresariais galegas, rexistradas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 20 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

5º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomos/as rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

2. Non obstante o indicado no número 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións de acordo co seguinte:

a) Os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ambas as dúas entidades en que se determine a parte estimada da actividade subvencionable que ten previsto executar, compromiso que será subscrito pola representación legal de ambas as dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo V. En todo caso, o pagamento da subvención efectuarase á entidade beneficiaria principal.

b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na liña 1 e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Neste caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a esta. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse:

– Copia compulsada do instrumento de formalización da agrupación.

– Copia compulsada do compromiso de execución formalizado polas entidades agrupadas, subscrito pola representación legal destas, onde se concreten as partes do proxecto que realizará cada entidade, segundo o modelo do anexo VI.

– Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias:

a) Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 6. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias das subvencións poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción.

2. Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos e determinarase o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade principal.

3. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a autorización previa da Secretaría Xeral de Emprego. Presentarase unha memoria xustificativa para tal efecto.

4. Cando se dean as dúas circunstancias de que a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, procederase á subscrición dun contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización á Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 7. Requisitos de asistencia aos cursos, xornadas e seminarios formativos

1. Exixirase un mínimo de 15 asistentes aos cursos de formación sectorial e intersectorial en materia de seguridade e saúde laboral.

2. En casos excepcionais, debidamente motivados e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderán levarse a cabo estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito. Esta autorización será solicitada pola entidade beneficiaria por correo electrónico ao enderezo seguridade-saude-laboral@xunta.gal e a resposta será comunicada pola mesma vía ao solicitante.

3. Durante a execución das accións non se permitirá a ausencia a máis dun 20 % do tempo total de duración desta. No caso de que a dita acción se desenvolva por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10 % en ningún dos módulos.

Artigo 8. Gastos subvencionables e período de imputación

1. As axudas desta orde terán as contías máximas establecidas no anexo X.

2. Admitirase o movemento entre partidas nunha porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, no caso de que se desexe unha porcentaxe superior, deberá solicitarse previamente autorización á Secretaría Xeral de Emprego.

3. As accións propostas e os gastos que deriven delas, que se detallarán no anexo II, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2017 ata o prazo máximo establecido no artigo 17 desta orde.

4. As axudas que se concedan destinaranse a financiar os gastos das actividades levadas a cabo de acordo co seguinte:

a) Gastos xerais de execución:

1º. Terán relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade (cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares), gastos de coordinación e de arrendamentos de aparellos e equipamentos.

2º. O período para imputar os gastos de publicidade será de 2 meses como máximo antes de realizar as actividades e, para os relativos á difusión, 1 mes como máximo despois do remate de todas as actividades relativas ás accións.

3º. No caso de reedición de material de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade.

b) Gastos derivados da subcontratación:

1º. O período para imputar os gastos para o caso de cursos, xornadas e seminarios formativos e estudos e traballos técnicos será como máximo dos 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e, como máximo, 1 mes posterior ao seu remate, e, para o caso das accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, 2 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e, como máximo, 1 mes posterior ao seu remate.

2º. Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito cunha antelación mínima de 15 días ao inicio da fase de planificación e organización e posterior autorización pola Secretaría Xeral de Emprego. Deberase achegar posteriormente o contrato que se realice coa entidade ou profesional que presta os servizos.

c) Gastos de persoal técnico propio:

A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 60 % do custo mensual laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade), excepto nas accións correspondentes á liña 2.3.2 de gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, na cal será do 100 %. Deberá terse en conta que o referido límite se calculará en función das nóminas do período que corresponda á actividade que se vai realizar, non en función do custo total anual, e deben especificarse as horas destinadas en cada acción, de acordo co seguinte:

1º. Para as accións relativas a cursos, xornadas e seminarios formativos e estudos e traballos técnicos imputarase, como máximo, o gasto dos 4 meses antes do inicio efectivo das accións e o de 1 mes posterior ao seu remate.

2º. Para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, o gasto de 2 meses antes do inicio efectivo das accións e o de 1 mes posterior ao seu remate. Na fase de realización da acción, este gasto imputarase referido ao período efectivo en que teñan lugar as actividades.

3º. De teren que achegarse gastos de persoal técnico propio vinculado ao proxecto, deberase indicar a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que realizarán o servizo externo e o persoal propio ou contratado.

c) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.

d) Gastos de axudas de custo: poderán ser por desprazamento coas contías máximas establecidas no anexo X.

e) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, entre outros, poderán imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións tendo en conta que:

1º. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

2º. O período máximo para imputar estes gastos, para as accións relativas a cursos, xornadas e seminarios formativos e a estudos e traballos técnicos, na fase de planificación e organización das accións, será dos 4 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate e, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, 2 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate. Para a fase de realización efectiva da acción, o período estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

f) Gastos específicos: poderán ser os do persoal docente, co custo horario sinalado no anexo X. Así mesmo, os dos alugueiros de materiais de protección e seguridade e os do seguro de accidentes das persoas participantes, os cales se poderán imputar ao 100 % sempre que estean referidos ás datas efectivas do programa de actividades e quede acreditada a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante documento xustificativo ou certificación acreditativa de cada organización.

Artigo 9. Gastos non subvencionables

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo das entidades solicitantes nin axudas de custo para asistentes a cursos, xornadas e seminarios formativos ou ás actividades de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

2. Non se admitirán gastos referidos a almorzos nin ningún outro de carácter protocolario.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 10. Presentación de solicitudes e prazo

1. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presentase máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se teña presentado en primeiro lugar.

2. Para as accións da liña 1 que soliciten as organizacións que estean integradas noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes e se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

8. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11. Solicitudes e documentación

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I, xunto coa seguinte documentación:

1. Documentación administrativa:

a) Só no caso de denegar expresamente a consulta dos datos de identidade da persoa representante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, DNI ou NIE.

b) Só no caso de denegar expresamente a súa verificación por medios telemáticos, NIF da entidade.

c) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade.

d) No caso de seren organizacións cuxos estatutos non estean depositados nas oficinas públicas de depósito de estatutos de organizacións empresariais e sindicais, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indicarán o rexistro público onde están depositados ou, de non facelo así, achegarán copia compulsada dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade e achegarán certificación emitida pola persoa responsable sobre a súa vixencia na data de presentación da solicitude.

2. Documentación técnica:

a) Acción solicitada, segundo o anexo II. No caso de que un mesmo proxecto implique distintas accións, cubrirase un anexo por cada acción. No encabezamento de cada unha delas deberá:

1º. Incluír a liña de axudas a que opta.

2º. Na denominación da acción proposta, definir o contido da acción, evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

b) Memoria explicativa de cada unha das accións en que se recolla unha clara descrición e planificación das accións solicitadas.

c) Orzamento do proxecto completo:

Deberá recoller o conxunto de todas as accións solicitadas e individualizar por cada unha das liñas 1 (anexo III) e 2 (anexo IV), especificando o seu custo e desagregando os gastos totais de todas as accións. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, de ser o caso, a cantidade que achegue. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, debe manterse, cando menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.

d) Compromiso de execución da entidade asociada (anexo V).

e) Compromiso da execución da entidade agrupada (anexo VI).

3. Para os proxectos iniciados antes desta convocatoria que se pretendan continuar con cargo ao financiamento desta orde xunto coa solicitude, presentarase un avance da súa situación e un informe do estado do proxecto cun resumo cronolóxico das accións realizadas e as proxectadas.

4. Designarase unha persoa responsable/coordinadora única para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todos os proxectos incluídos na solicitude, da que se achegará o nome, teléfono e correo electrónico no anexo I.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou a documentación presentada contivese erros ou fose insuficiente, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos requiridos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

b) O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a valoración adecuada dos proxectos.

Artigo 13. Avaliación e Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor, á vista das solicitudes e a documentación que se presenten, verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e, para o caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, ditarase resolución de exclusión por parte da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. A Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e catro vogais, dos cales tres serán persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego, unha delas actuará como secretaria e a outra persoa será un/unha técnico/a do Issga. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a Comisión de Valoración, de xeito motivado, poderá requirir dos/das solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.

4. A Comisión de Valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións, tendo en conta a orde de prelación acadada polas entidades solicitantes e con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A presidencia da Comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Para valorar as solicitudes a Comisión aplicará os seguintes criterios de valoración:

a) Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 5 puntos):

1º. A representatividade determinarase para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial polo que foron creadas e, para as organizacións sindicais e empresariais, observarase o establecido no título III da Lei do Estatuto dos traballadores, segundo o ámbito territorial e funcional específico en cada unha das accións programadas, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

2º. A puntuación da representatividade valorarase do seguinte xeito (de 0 a 5 puntos):

– Para as entidades con representatividade sectorial: menor do 10 %, 0 puntos; entre o 10 % e menor do 25 %, 1 punto; entre o 25 % e menor do 35 %, 2 puntos; a partir do 35 %, 3 puntos.

– Entidades con representatividade intersectorial: menos do 10 %, 2 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %, 3 puntos; entre o 25 % e menos do 35 %, 4 puntos; a partir do 35 %, 5 puntos.

b) Dimensión territorial da entidade solicitante (de 0 a 3 puntos): se o ámbito territorial da entidade é inferior a provincial, 0 puntos; se é provincial, 1 punto; se é interprovincial, 2 puntos; e se é autonómico, 3 puntos.

c) Sectorialidade/intersectorialidade (de 1 a 2 puntos): se a entidade ten carácter sectorial, 1 punto, ou intersectorial, 2 puntos.

d) Taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos): entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade: menos do 15 %, 0 puntos; do 15 % ata o 30 %, 1 punto; do 30 % ata o 50 %, 2 puntos; do 50 % ata o 80 %, 3 puntos; 80 % ou máis, 4 puntos.

e) Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade (de 0 a 2 puntos): ata un 40 %/60 %, 0 puntos; un 40 %/60 %, 1 punto; 50 % de ambos sexos, 2 puntos.

f) Cofinanciamento da acción (de 0 a 4 puntos): menos do 10 % de cofinanciamento, 0 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %, 1 punto; entre o 25 % e menos do 35 %, 2 puntos; entre o 35 % e menos do 50 %, 3 puntos; máis do 50 %, 4 puntos. A porcentaxe de cofinanciamento que se indique no anexo II deberá manterse sexa cal sexa o importe da subvención concedida.

g) Especificidade da acción (de 1 a 2 puntos): segundo a temática sexa intersectorial, 1 punto, ou sectorial, 2 puntos.

h) Protección de persoas traballadoras especialmente sensibles a determinados riscos (de 1 a 3 puntos): segundo a acción teña como contido actuacións dirixidas a persoas traballadoras especialmente sensibles a determinados riscos (mulleres embarazadas, traballadores/as con pouca experiencia laboral, traballadores/as temporais, traballadores/as de idade avanzada e colectivos especialmente sensibles), un colectivo, 1 punto; dous ou máis colectivos, 3 puntos.

i) Alcance territorial da acción (de 0 a 2 puntos): se é inferior a provincial, 0 puntos, provincial, 1 punto, e autonómico, 2 puntos.

j) Sinistralidade do sector a que vai dirixido a acción (de 1 a 2 puntos): cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio, 0 puntos, cando coincida co índice de incidencia medio, 1 punto, e cando sexa maior do índice de incidencia medio, 2 puntos.

k) Por accións dirixidas a traballadores/as autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas (de 0 a 3 puntos): non dirixidas a estes colectivos, 0 puntos; dirixidas a colectivos entre os que estean calquera destes, 1 punto; dirixidas exclusivamente a pemes, 2 puntos; e dirixidas exclusivamente a traballadores/as autónomos/as e/ou microempresas, 3 puntos.

l) Renuncia ás axudas (de 0 a 1 punto): no caso de que a entidade teña renunciado, unha vez concedidas estas axudas no período dos tres exercicios anteriores, 0 puntos; de non ter renunciado, 1 punto.

m) Non execución de máis do 50 % do importe concedido no período dos tres exercicios anteriores (de 0 a 1 punto): no caso de non ter executado, 0 puntos; de ter executado, 1 punto.

2. No caso de se producir un empate nas valoracións, terase en conta a puntuación obtida en cada un dos criterios segundo a orde de prelación establecida no punto 1 deste artigo.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e será notificada ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten. Unha vez notificadas as resolución, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder 5 meses. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante a Secretaría Xeral de Emprego, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 16. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Prazo de remate e xustificación das accións

1. Todas as accións deberán estar rematadas con data límite do 31 de outubro de 2017, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No relativo á presentación da documentación xustificativa será ata o 10 de novembro, agás no caso da liña 2.3.2 de gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, que poderán presentar nóminas, facturas, así como os documentos de cotización á Seguridade Social e demais documentos xustificativos de pagamento ata o 20 de novembro de 2017. As datas límite referiranse á entrada desta documentación no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 18. Xustificación do pagamento

1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os cales foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final dirixida á Secretaría Xeral de Emprego, por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Na xustificación económica, o importe do cofinanciamento calculado sobre o custo total xustificado deberá respectar a porcentaxe indicada no anexo II e comprenderá os seguintes documentos:

a) Certificado da persoa responsable legal da entidade no cal figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas (anexo VII).

b) Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción subvencionada.

c) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluídos as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, de ser o caso, así como o xustificante do pagamento do financiamento propio (anexo VIII).

d) Xustificantes de gastos realizados durante as distintas fases de execución do proxecto, separando planificación e organización e realización efectiva da acción. Non se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

3. A xustificación técnica ou informe final do proxecto será conforme o modelo do anexo IX.

4. Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal), e o depósito legal de ser o caso. Non seguir estes criterios determinará o non pagamento dos gastos.

5. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas e cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

b) Conterán os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», asi como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada). Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, no cal conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura da persoa responsable/coordinadora designada da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da dita conformidade, que fará referencia á presente orde, emitida pola persoa responsable/coordinadora designada, na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe e que se xuntará aos orixinais ou copias compulsadas das facturas.

Artigo 19. Xustificación segundo o tipo de gasto

Os tipos de gastos adecuaranse á desagregación por partidas que se incluíu no orzamento, co nivel de detalle que nel figura. Imputaranse os gastos e cos límites que se establecen no artigo 8 e anexo X da orde de convocatoria:

1. Gastos xerais de execución: achegarase orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento e, de ser o caso, unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase ademais documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel. Eses materiais, unha vez feita a comprobación pola Secretaría Xeral de Emprego, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento e, no caso de non retirarse, pasarán a ser propiedade da Administración.

2. Gastos derivados da subcontratación:

a) No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía de 17.999 euros+IVE establecida no artigo 23 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, deberán achegarse as correspondentes ofertas económicas.

b) Para xustificar este gasto presentarase o orixinal ou a copia compulsada da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

3. Gastos de persoal:

a) Persoal técnico propio: deberá presentar certificado da persoa representante legal da entidade, no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada ao proxecto e o seu custo.

b) Persoal técnico contratado expresamente para o proxecto: terá que presentarse o contrato de traballo no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado.

c) Para xustificar os gastos deste persoal deberán presentar, así mesmo o seguinte:

1º. Copia compulsada das nóminas de cada un dos meses que se imputan ao proxecto, acompañadas do comprobante do aboamento expedido pola entidade bancaria.

2º. Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais.

3º. Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

4. Axudas de custo: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

5. Gastos indirectos: certificado emitido pola persoa representante legal da entidade beneficiaria, sen prexuízo de que a Secretaría Xeral de Emprego solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

6. Gastos específicos das accións: orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento.

Artigo 20. Memoria técnica das actividades

1. A xustificación técnica ou informe final axustarase ao modelo do anexo IX e especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto:

a) Cando a actividade realizada sexan cursos, xornadas e seminarios formativos (liña 1 e liña 2.1), faranse constar a/s data/s, o lugar e o sitio de realización, o programa formativo, a descrición do colectivo destinatario, o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado, copia dos relatorios e presentacións gráficas, o control de asistencia do alumnado asinado e os documentos gráficos da actividade formativa.

b) Cando se trate de actividades de difusión e sensibilización e intercambio de experiencias (liña 2.3.1) farase constar o programa/guión, o tipo de participantes, o profesorado e o material entregado, copia dos relatorios e presentacións gráficas, así como o documento gráfico do evento.

c) Para o desenvolvemento de ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral (plataformas interactivas, páxinas web, etc.) presentarase o enlace e o CD, DVD ou documento similar co contido realizado. Darase acceso á Secretaría Xeral de Emprego, Subdirección Xeral de Relacións Laborais, na fase de realización e de implantación destas ferramentas para os efectos de verificar os seus contidos.

d) Nos proxectos de investigación e estudos e traballos técnicos, presentarase o documento final.

2. O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos antes sinalados, dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 21. Corrección de defectos de xustificación e pagamento

1. Se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos exixidos, requirirase a entidade beneficiaria para que presente a dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación da dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

2. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou revogación da subvención.

3. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Secretaría Xeral de Emprego emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. Poderán acordarse pagamentos parciais á medida que a entidade beneficiaria xustifique as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

5. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Antes do inicio das actividades, comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos.

3. Comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

4. No caso de cursos, xornadas e seminarios de formación, unha vez iniciada a actividade, deberán comunicar, no prazo máximo de cinco días naturais, calquera cambio que se produza por correo electrónico ao enderezo seguridade-saude-laboral@xunta.gal

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto: guías, dípticos, enquisas, conferencias, relatorios que se poidan aproveitar noutros sectores ou empresas.

11. Difundir o resultado final da acción en formato dixital, vía internet, que terá que ser de acceso público, sen prexuízo de que a súa distribución se teña feito tamén en formato papel ou en CD, DVD ou noutros soportes electrónicos.

12. Deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter os documentos, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará, pola solicitante, a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 25. Gradación dos incumprimentos

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida nos seguintes casos:

a) O incumprimento das condicións para seren entidades beneficiarias segundo o artigo 5 da presente orde.

b) O incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención recollidas no artigo 21.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

2. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación exixida ou que a dita documentación sexa incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

Artigo 26. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, dará lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 27. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 28. Seguimento e control

1. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha antelación mínima de 10 días o inicio e o fin das accións de formación e de difusión e de sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo:
seguridade-saude-laboral@xunta.gal

3. Así mesmo, respectarase a adecuada publicidade a que se refire o artigo 21 desta orde e observarase o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, no relativo ao depósito legal.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde; para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión das que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos preceptos que teñen a consideración de básicos; a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación; e, con carácter supletorio a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX
Modelo de xustificación técnica ou informe final do proxecto

O obxectivo de realizar un resumo do proxecto é para facilitar a difusión, se é o caso, dos seus resultados. Estes resumos proporcionarán ás persoas interesadas unha visión xeral do proxecto.

Neste documento preséntanse e explícanse os criterios de cobertura necesarios para a realización do resumo, así como o formato e a forma de presentalos, seguindo o esquema seguinte:

A. Datos de identificación do proxecto:

1. Título: indicar o título completo.

2. Autor/a ou autores/as: en primeiro lugar, indicar o nome dos/das autores/as principais e, a seguir, o dos/das colaboradores/as.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: indicar a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases do proxecto.

6. Ámbito territorial: sinalar a dimensión territorial.

6.1. Para proxectos de formación, número de localidades en que se realiza.

6.2. Para estudos/traballos técnicos, o territorio estudado sobre o territorio de implantación do sector.

7. Persoas destinatarias: sinalar a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

B. Sinopse:

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes do traballo. Así mesmo, explicaranse brevemente os antecedentes, o desenvolvemento do proxecto e os obxectivos acadados, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía:

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo o proxecto. Se é o caso, debe explicarse o método de recollida da información ou da captación de participantes, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal que se vai analizar, técnicas de análise, síntese de expor a información, datas de execución e os seus destinatarios.

D. Resultados:

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes das accións de formación, de investigación ou estudo, da ferramenta implantada, da difusión, sensibilización ou intercambio de experiencias.

E. Utilidade práctica dos resultados en relación coa prevención de riscos laborais:

Destacarase a achega que o traballo supón no campo da prevención de riscos laborais e se o proxecto vai ter continuidade nalgún aspecto, realizando, cando sexa posible, unha prospectiva do proxecto.

F. Conclusións finais e posibles recomendacións:

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución do problema estudado e a súa posible aplicación nas empresas.

G. Difusión e explotación de resultados:

Achegarase a información da produción científica do proxecto: bases de datos, programas informáticos, publicacións, relatorios... Tamén se incorporará unha breve descrición das accións de difusión que, se é o caso, se realizaron para difundir o proxecto, tanto ao seu inicio como ao seu remate.

H. Recursos humanos e técnicos:

Sinalaranse as persoas participantes no proxecto e os medios técnicos que se precisaron.

Entre os recursos deberán figurar, de ser o caso, as subcontratacións realizadas, indicando as tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a estas subcontratacións.

I. Bibliografía:

Para o caso de proxectos de investigación e estudo ao final do traballo ofrecerase unha lista coas referencias bibliográficas.

Xustificación de actividades de gabinetes técnicos:

Os gabinetes técnicos deberán presentar una ficha por cada unha das actuacións realizadas ao abeiro da presente orde, coa seguinte estrutura:

Ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos:

Nome do técnico/a:

Persoa traballadora/empresa asesorada:

Data:

Hora de inicio:

Hora de finalización:

Resumo da actuación realizada:

ANEXO X
Cadro de cantidades máximas subvencionables

Concepto

Custo horario

Desprazamento

(Por km)

Persoal

Persoal técnico propio

---

0,19 €

Persoal técnico contratado

---

0,19 €

Docente de cursos

60 €

0,19 €

Día

Máximo

Relator/a de mesa redonda, xornadas

---

0,19 €

180 €

---

Relator/a de xornadas/conferencias

---

0,19 €

250 €

---

Coordinación externa de cursos (subcontratación)

---

300 €

Coordinación externa de xornadas (subcontratación)

120 €

300 €

Medios técnicos-importe/día

Alugueiro de sala

120 €

Alugueiro de medios para teoría

Prezo mercado

Alugueiro de medios prácticos

Prezo mercado

Material de traballos de investigación

35 % orzamento de persoal

Redacción: libros, manuais

Por páxina

Máximo

Supervisión

---

400 €

Autoría

10 €

2.000 €