Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2017 Páx. 9136

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de febreiro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes denominados Cerradiña e outros, da parroquia de Domaio, no concello de Moaña, solicitados a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Domaio.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45-1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial.

Vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.

Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra: Xosé Carlos Morgade Martínez.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico- Administrativo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 14.12.2016, coa asistencia das persoas indicadas na marxe, reúnese na segunda planta do edificio administrativo sito no número 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación dos montes denominados Cerradiña e outros da parroquia de Domaio, solicitados a favor dos veciños da CMVMC de Domaio (Moaña).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito obrantes na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra do 30.6.2015.

Segundo. Contra a citada resolución, Juan Santos Gómez como presidente e en representación da Comunidade de Montes de Domaio, no 5.8.2015, presenta recurso de reposición contra a citada resolución no referente á non clasificación das parcelas A Granxa, Carroque-Pedra Negra, Fontán Sur, Pumariño, Paradela e Río do Bazo, xuntando diversa documentación en apoio das súas alegacións.

Terceiro. Con data 25.8.2015, Mª Mercedes Romero Verdeal, veciña de Domaio e propietaria dun mato denominado As Pegadas próximo a unha das parcelas clasificadas, reclama que se rectifique o linde sur da parcela Liñares-Barreiros, que alega ser a citada leira da súa propiedade e non máis terreo veciñal da Comunidade de Montes de Domaio, como se recolle na resolución. Presenta planos e diversa documentación en apoio da súa alegación.

Cuarto. Contra a anterior reclamación, a Comunidade de Montes de Domaio presenta fotografías e planos catastrais, alegando que a citada leira da reclamante non é lindeira coa parcela clasificada Liñares-Barreiros, senón que entre ambas as parcelas hai outra parcela veciñal xa clasificada, polo cal entende que é correcta a descrición dos lindes da resolución e que esta non afecta ao mato de Mª Mercedes Romero Verdeal.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como o artigo 12 da Lei 13/1989.

Segundo. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada Lei 30/1992, no referente ás parcelas denominadas A Granxa, Carroque-Pedra Negra, Fontán Sur, Pumariño, Paradela e Río do Bazo.

Terceiro. No tocante á alegación presentada por Mª Mercedes Romero Verdeal sobre a parcela Liñares-Barreiros, unha vez examinados os planos presentados na súa reclamación e os presentados pola Comunidade de Montes de Domaio, e consultada a planimetría anexa á resolución, rexéitase a citada alegación tras comprobarse que o mato As Pegadas da recorrente non linda coa parcela Liñares-Barreiros clasificada, polo que a Resolución do 30.6.2015 non afecta o citado mato.

Cuarto. Sobre o recurso presentado pola Comunidade de Montes de Domaio e unha vez revisada a documentación presentada, resultan as seguintes consideracións sobre as parcelas impugnadas:

A Granxa. A resolución non considera suficientemente probado o aproveitamento actual desta parcela. A documentación presentada (fotografías dunha limpeza recente) non desvirtúan suficientemente tal consideración.

Carroque-Pedra Negra. A Comunidade de Montes recorda ter presentado a certificación do seu secretario conforme esa parcela é limpada pola comunidade e presenta fotografías dunha limpeza recente. Ademais, presenta copia da acta previa de ocupación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda de 16.10.2002 pertencente ao expediente de expropiación forzosa para a construción da vía de alta capacidade do Morrazo, acompañada do plano parcelario da obra, no cal se recollen que os lindes norte e sur da parcela expropiada á Comunidade de Montes de Domaio son parcelas pertencentes á mesma e corresponden ás citadas subparcelas Caroque e Pedra Negra. Tamén presenta certificación do secretario da asociación de veciños Monte Faro de Domaio do acordo tomado na asemblea xeral celebrada o 17.10.2004 no cal se reclama á Comunidade de Montes que deslinde e incorpore ao patrimonio veciñal algunhas parcelas que están sufrindo intentos de apropiación por parte de particulares. Entre estas parcelas está Pedra Negra. Considerase acreditado o carácter veciñal destas dúas parcelas.

Fontán sur. Esta parcela pódese dividir en dúas subparcelas: a primeira (A) é un terreo aberto, de 460 m2 aproximadamente, descrito no informe do Servizo de Montes como terreo de pendente media, forestalmente está raso con matogueiras de silveira... inclúe camiño de acceso a edificación, postes de tendido eléctrico e telefónico. A segunda (B) é un terreo de 100 m2 aproximadamente, pechado cun cerramento metálico diáfano e ocupado por unha edificación dedicada primeiro a cocedeiro de marisco e hoxe habilitada como vivenda. A Comunidade de Montes achega copia do escrito presentado en 1992 ante a Xunta de Galicia denunciando a dous veciños por verteduras de terra nesta parcela, e escrito do 28.4.2000 do ocupante da edificación do antigo cocedeiro propoñendo a permuta do terreo ocupado por outra parcela da súa propiedade e de semellante extensión. Estudada a documentación, considérase acreditado o carácter veciñal da subparcela A, pero non acreditado a da subparcela B ocupada pola edificación, pois a proposta de permuta, indicio importante do carácter veciñal do terreo, por si soa non supón proba inequívoca dese carácter.

Pumariño. A Comunidade de Montes recorda ter presentado a certificación do seu secretario conforme esa parcela é limpada pola comunidade e ter presentado fotografías que o acreditan. Pola súa parte, a certificación antes citada do secretario da asociación de veciños Monte Faro de Domaio do acordo tomado na asemblea xeral celebrada o 17.10.2004 en que se reclama á Comunidade de Montes que deslinde e incorpore ao patrimonio veciñal algunhas parcelas que están sufrindo intentos de apropiación por parte de particulares fai referencia tamén a esta parcela.

Así mesmo, sobre esta parcela a Comunidade de Montes mantivo un intenso litixio xudicial por terse formulado contra ela varias conciliacións e unha demanda da propietaria dunha leira lindeira por unha servidume de paso reclamada pola propietaria. Presenta copia das actas de conciliación e da sentenza ditada polo Xulgado de primeira instancia número 1 de Cangas do 8 de setembro de 2010 na cal se desestima a demanda ao non ter acreditado a propietaria lindeira a constitución do dereito real de servidume. Salientamos nesta sentenza o fundamento xurídico segundo, ao tratar a excepción da falta de litisconsorcio pasivo necesario, que non foi admitida ao entender a xuíza que a parte demandada debía ser a Comunidade de Montes de Domaio por considerar que a acción exercida non é outra que a acción confesoria de servidume, a cal só pode ser exercida fronte ao titular ou titulares polos cales supostamente discorre a servidume de paso en cuestión, quedando correctamente constituída a relación xurídica procesual coa presentación da demanda fronte aos devanditos titulares, neste caso fronte á Comunidade de Montes de Domaio. Por todo isto, considérase acreditado o carácter veciñal desta parcela.

Paradela. Esta parcela está lindeira con máis monte veciñal clasificado da parroquia de Domaio. A Comunidade de Montes recorda ter presentado a certificación do seu secretario conforme esa parcela é limpada pola comunidade e ter presentado fotografías que o acreditan. Presenta agora unha declaración xurada dun dos herdeiros dun muíño situado na parcela, que recoñece o seu carácter veciñal da mesma. Presenta tamén copia do convenio acordado co Goberno municipal de Cangas en 2007 para a restauración e valoración do contorno forestal dos ríos da Freixa e da Miñouba, no cal está incluída a parcela Paradela, segundo a planimetría anexa ao convenio. Ademais, presenta copia do Proxecto de melloras no monte comunal de Domaio, elaborado por un enxeñeiro técnico forestal en 2015 e que nos seus puntos 11, 12 e 13 recolle actuacións nesta parcela para potenciar o seu uso social e recreativo, reparando as infraestruturas existentes e instalando outras. Acompáñase con fotografías das actuacións. Considérase acreditado o carácter veciñal desta parcela.

Río do Bazo. A resolución non considera suficientemente probado o aproveitamento actual desta parcela. A documentación presentada (fotografías dunha limpeza recente) non desvirtúan suficientemente tal consideración.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o xurado por unanimidade acorda:

A desestimación do recurso de reposición presentado por Mª Mercedes Romero Verdeal e a estimación parcial do recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes de Domaio no sentido de outorgar a clasificación como monte veciñal ás parcelas: Carroque-Pedra Negra, Fontán sur (parcela A), Pumariño e Paradela a favor da CMVMC de Domaio, de acordo cos lindes e a cabida reflectidos no antecedente de feito terceiro da Resolución do 30.6.2015 e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución, e confirmar en todos os demais termos a resolución impugnada.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo con disposto nos artigos 114, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 3 de febreiro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra