Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2017 Páx. 8852

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de febreiro de 2017, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Malpica (repotenciado) como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 9 de febreiro de 2017, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Malpica (repotenciado). Malpica de Bergantiños e Ponteceso (A Coruña), promovido por Parque Eólico Malpica, S.A. (Pemalsa).

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Malpica repotenciado.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

1) Plan urbanístico vixente.

O parque eólico Malpica (repotenciado) afecta os concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso, na provincia da Coruña.

O Concello de Malpica de Bergantiños réxese polas Normas subsidiarias e complementarias do planeamento do termo municipal de Malpica de Bergantiños, publicadas no Boletín da Provincia da Coruña do 30 de maio de 1995. Os terreos onde se sitúa a instalación están clasificados como «solo non urbanizable común», polo que a ordenanza aplicable é a de solo non urbanizable común.

De acordo co establecido na letra d) da disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, da Lei do solo de Galicia, ao solo clasificado polo planeamento vixente como solo rústico aplicaráselle o disposto na presente lei para o solo rústico, e manterase, en todo caso, a vixencia das categorías de solo recollidas no planeamento respectivo. Seguindo o artigo 34.4 da lei citada anteriormente, os nosos terreos poden corresponder a varias categorías de solo rústico, polo que será necesario aplicar os distintos réximes de forma complementaria.

Parte do ámbito territorial do proxecto no termo municipal de Malpica de Bergantiños atópase dentro do lugar de interese comunitario e zona de especial protección para as aves «Costa da Morte», declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, da Consellería de Medio Ambiente. De acordo co establecido no artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, os terreos incluídos nas devanditas figuras de protección clasifícanse como «solo rústico de protección de espazos naturais».

O Concello de Ponteceso conta co Plan xeral de ordenación municipal de Ponteceso, aprobado polo pleno do Concello o 26 de agosto de 2006. Este plan xeral atópase condicionado polo novo Plan xeral de ordenación municipal, aprobado inicialmente polo Concello o 25 de xuño de 2012.

Os terreos afectados pola instalación están clasificados no novo plan xeral como «solo rústico de protección de espazos naturais» e «solo rústico de protección de infraestruturas». Os terreos clasificados como «solo rústico de protección de infraestruturas» superpóñense aos clasificados como «solo rústico de protección de espazos naturais», aplicando ambos os dous réximes de forma complementaria.

2) Plan de ordenación do litoral.

O Plan de ordenación do litoral (POL), aprobado definitivamente polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ten a natureza dun plan territorial integrado, regulado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. O plan ten por obxecto establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de durabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, a protección e a posta en valor das zonas costeiras.

O POL establece que o plan «facilitará a implantación de fontes de enerxías renovables» e determina que «se impulsará que nas unidades de protección paisaxística se realice a repotenciación dos parques eólicos máis antigos, substituíndo os aeroxeradores antigos por outros de maior potencia e eficiencia enerxética».

As normas xerais de regulación de usos do POL (artigo 46) inclúen as infraestruturas de produción de enerxía entre os usos e actividades admisibles nos solos clasificados como rústicos polo plan.

3) Adecuación ao planeamento.

A instalación dunha central xeradora de enerxía eléctrica a partir dun recurso renovable como é a enerxía do vento contribuirá de forma significativa ao desenvolvemento industrial e socioeconómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

A construción dun parque eólico atópase necesariamente vinculada a un terreo concreto co fin de aproveitar o seu potencial eólico.

Por este motivo será necesario modificar os plans urbanísticos exclusivamente na área delimitada por este proxecto sectorial, redactando para isto unha ordenanza específica de «solo rústico de protección de infraestruturas (parques eólicos)» que permita como uso a instalación do parque eólico Malpica (repotenciado).

Como consecuencia, a área enerxética do parque eólico incluirase dentro da clasificación «solo rústico de protección de infraestruturas (parques eólicos)», superposta á clasificación «solo rústico de protección de espazos naturais», polo que se propón a revisión da normativa urbanística vixente que rexe os municipios afectados para facer viable a implantación da instalacións neste tipo de solo, co cal deberá engadirse a esta normativa a citada ordenanza específica que se describe a continuación.

4) Solo rústico de protección de infraestruturas (parques eólicos).

A área de afección do proxecto sobre os concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso, que é proposta para a súa reordenación como solo rústico de protección de infraestruturas, limítase exclusivamente á área da superficie vinculada ao parque eólico.

A superficie vinculada ao parque eólico é a ocupada materialmente por aeroxeradores, subestación, edificio de control, redes de condución eléctrica e novos accesos viarios exteriores e de servizos, máis as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións, tal como se define a continuación:

– Aeroxeradores: 200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento.

– Edificacións secundarias: 5 m.

– Redes de condución: 3 metros a cada lado do eixe da rede. Eliminaranse nas marxes que discorren paralelas aos camiños de servizo. Tendo en conta estas directrices delimitouse a área de incidencia urbanística, que se recolle no plano de ordenación urbanística proposta. Esta área supón 1,01 ha e representa a superficie vinculada ao parque eólico.

Por iso, no momento en que se leve a cabo a primeira modificación puntual do planeamento urbanístico de Malpica de Bergantiños e Ponteceso, ou se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de solo de Galicia (LSG), incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos de ordenación urbanística do presente proxecto sectorial, cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, de acordo coa seguinte proposta de modificación:

• Ámbito de aplicación e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola superficie vinculada ao parque eólico, que se representa nos planos do presente proxecto sectorial destinado á instalación de infraestruturas vinculadas á utilización do recurso natural do vento.

A área de ocupación das infraestruturas do parque eólico Malpica (repotenciado) nos concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso comprende un total de 25,6 ha.

• Usos permitidos.

Os usos destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural do vento para poder implantarse nesta categoría de solo deberán contar, ademais da correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa aprobación do proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas, forestais e gandeiros.

• Condicións de edificación.

Dada a alta demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

A altura máxima será aquela necesaria para a explotación dos recursos eólicos, establecéndose esta para os aeroxeradores en 120 m de fuste.

• Condicións estéticas.

Serán as determinadas na declaración de impacto ambiental.

As construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de solo deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen. Para iso, a tipoloxía das construcións deberá estar acorde coas características da contorna, e os materiais empregados para cubertas de edificacións deberán harmonizar coas demais construcións da contorna.

Os compoñentes exteriores dos aeroxeradores serán de cor branca acabada semimate e carecerán de arestas vivas ou de superficies metálicas reflectoras.

• Condicións dos servizos.

De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de solo de Galicia (LSG), o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver ao seu cargo os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Evacuación e tratamento de augas residuais.

– Subministración de enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

– Corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes.

2. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial e como sistema xeral.

O presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico Malpica (repotenciado), de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 e por Resolución do 20 de decembro de 2002 pola que se aproba definitivamente a modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 85 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, da Lei de solos de Galicia (LSG), sobre a declaración de utilidade pública dos bens e dereitos afectados polas instalacións.

En consecuencia, tal e como establece a disposición transitoria terceira da Lei 2/2016, as obras e instalacións incluídas no presente proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia estarán suxeitas a licenza urbanística municipal.

Por outra banda, as obras e instalacións proxectadas do parque eólico Malpica (repotenciado) cualifícanse como sistema xeral de infraestruturas, segundo establece o artigo 5.4 do Decreto 80/2000.