Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2017 Páx. 8275

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de febreiro de 2017 pola que se extingue a autorización do Seminario Menor Diocesano Santa Catalina de Mondoñedo.

Mediante a Orde do 28 de febreiro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo, autorizáronse 4 unidades de educación secundaria obrigatoria e 2 unidades de bacharelato no Seminario Menor Diocesano Santa Catalina, de Mondoñedo (Lugo).

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incoa o expediente de extinción da autorización do Seminario Menor Diocesano Santa Catalina de conformidade co previsto no punto oitavo 2 da Orde do 20 de setembro de 1995, en relación cos artigos 16 e seguintes do Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Polo que antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Extinguir a autorización, por cesamento de actividades, do centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:

Denominación: Seminario Menor Diocesano Santa Catalina.

Código do centro: 27006905.

Domicilio: praza do Seminario, 1.

Concello: Mondoñedo.

Provincia: Lugo.

Titular: Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Ensinanzas que se extinguen: todas as autorizadas (4 unidades de educación secundaria obrigatoria e 2 unidades de bacharelato).

Segundo. A extinción da autorización dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria