Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2017 Páx. 5729

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2017 pola que se convocan a concurso público prazas de persoal docente e investigador contratado.

Esta reitoría, en cumprimento do acordado polo Consello de Goberno do 7 de xuño de 2016 desta universidade, convocou por Resolución reitoral do 21 de xuño de 2016 (DOG do 1 de xullo) e do 12 de xullo de 2016 (DOG do 27 de xullo) entre outros, os concursos 1007/16-17 e 2027/16-17 que unha vez resoltos quedaron desertos por falta de aspirantes. En consecuencia, resolve convocar de novo para a súa provisión mediante concurso público, as prazas de persoal docente e investigador contratado que figuran como anexo I a esta resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Aos concursos obxecto desta convocatoria seranlles de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada por acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos consellos de goberno do 10 de maio de 2007, 19 de xullo de 2007 e 22 de xullo de 2009 (en diante, Normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo), (en diante, Convenio) e as bases desta convocatoria.

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñan nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación a asumir polas persoas adxudicatarias non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. Do mesmo xeito, a referencia ao centro no que deberá desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos aos que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados e domingos e os declarados festivos, segundo o disposto no artigo 30 da LPACAP. Considéranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día no que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos que as persoas aspirantes deberán reunir para ser admitidas nestes concursos serán, uns de carácter xeral, e outros de carácter específico segundo o tipo de praza.

2.1. Requisitos de carácter xeral para todas as prazas:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es nos termos en que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito, e os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou de nacionais doutros Estados cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España.

As/os nacionais de Estados distintos dos indicados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratadas/os, sempre que se atopen en España en situación de legalidade e sexan titulares dun documento que as/os habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos dezaseis anos.

c) Non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública española, da Unión Europea ou do Estado do que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Ser titulado universitario ou estar en posesión do título concreto (ou equivalente), cando se requira, ou da certificación supletoria correspondente. Cando o título se obtivera no estranxeiro, deberá estar homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. No caso de candidatos con títulos da Unión Europea, deberá estar en posesión da homologación ou da credencial de recoñecemento dirixido ao exercicio da profesión de profesor de universidade.

f) No caso de persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

2.2. Requisitos de carácter específico: están recollidos no anexo V para cada tipo de praza.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar na instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso no que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación da solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avenida Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da LPACAP. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas antes de que procedan á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de terse presentada a solicitude a través dos últimos procedementos descritos, os solicitantes deberán adiantar por correo electrónico ao enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

3.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboar á USC, por cada concurso no que soliciten participar, a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES07-2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exenta do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa unha minusvalidez igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación do grao de minusvalidez.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa, que deberá estar vixente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

Xunto coa solicitude (anexo II: instancia) acompañarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e as/os descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco, e, de ser o caso, do feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España, co que teña o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario, que para cada praza se requira ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da Normativa.

c) De conformidade co indicado na alínea f) da base 2.1, as persoas aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial, poderán presentar coa solicitude a documentación acreditativa do coñecemento dalgunha das linguas oficiais da USC. O coñecemento do español acreditarase mediante fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase conforme dispón a norma sétima.2 do anexo II da Normativa.

No caso de que non se acredite documentalmente o dito coñecemento, este verificarase ben pola comisión encargada de resolver o concurso, que poderá recabar o asesoramento de persoas expertas en caso necesario, ou ben pola Administración a través dunha proba específica.

d) Recibo de ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o resgardo acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento da dita taxa.

Non procederá reintegrar ás persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

e) Os documentos específicos correspondentes a cada praza sinalados no anexo V.

f) Presentarase un currículo por cada concurso ao que se solicite participar, consonte ao modelo anexo III, que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas concursantes no dito currículo (anexo III), sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 3.2 desta convocatoria, e que dentro do dito prazo sexan acreditados conforme ao establecido na alínea seguinte.

g) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo ao que se refire a letra anterior, consonte ao establecido no anexo VI da convocatoria, o cal pode consultarse no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Non será preciso achegar os documentos acreditativos do rendemento académico e da experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de relacionalos no modelo de currículo (anexo III). Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados e estruturados consonte ao modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas, numeración que debe coincidir coa indicada no currículo (anexo III) para cada mérito. Estes documentos presentaranse encadernados (espiral ou canudo), ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Para tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde na que foi presentada.

Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome da persoa aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de currículo (anexo III), indicando o número de orde do arquivador que os contén.

No caso de que se solicite concorrer a varios postos da mesma área, categoría e centro, que serán xulgados por unha mesma comisión, será suficiente con presentar un exemplar desta documentación acreditativa de méritos.

Toda a documentación acreditativa de méritos á que se refire esta alínea g) deberá aportarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos rematado o antedito prazo, nin sequera no prazo de subsanación de documentación ao que se refire a base 5.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nas alíenas a), b), d) e e), será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

A non presentación do modelo de currículo (anexo III) ao que se refire a alínea f) determinará a non valoración dos méritos da persoa aspirante. A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme ao establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador publicará unha resolución aprobando a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de quince días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo coa data da súa inserción. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado.

5.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de persoas aspirantes admitidas e excluídas poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión, se non serán excluídas definitivamente da realización das probas.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de quince días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada nos mesmo taboleiros e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato na categoría docente de que se trate.

6. Documentación relativa á guía docente e proxecto de actividades docentes. Prazo de presentación.

6.1. As persoas concursantes a prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde deberán presentar un proxecto de actividades docentes que deberá axustarse ao indicado para a guía docente na alínea B do artigo 23 da Normativa.

6.2 As persoas concursantes a prazas de profesor axudante doutor deberán presentar unha guía docente referida á materia que para o correspondente concurso se estableza na convocatoria. No caso de que no perfil se indique «materias da área» esta guía referirase a unha materia troncal ou obrigatoria, adscrita á área de coñecemento á que corresponda a praza obxecto de concurso das que se cursen para a obtención dunha titulación oficial de primeiro ou, segundo ciclo na USC das titulacións estruturadas segundo a normativa aprobada con anterioridade á aprobación do Real dedreto 1393/2007, ou ben a unha materia de formación básica ou obrigatoria dun título oficial de grao aprobado na USC, conforme se indica no artigo 6.f) da Normativa.

Os requisitos que debe cumprir a guía docente están recollidos no artigo 23.B da Normativa.

6.3. O proxecto de actividades docentes e a guía docente poderá presentarse xunto co formulario que figura como anexo VII no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, nun prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG. Estes documentos estarán numerados en cada unha das súas páxinas e encadernados, ou suxeitos de modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente, que impida a posterior inclusión ou perda de información. Cando non se presente en prazo o proxecto de actividades docentes ou guía docente, entenderase que a persoa aspirante desiste da súa solicitude de participación no concurso correspondente, e o seu expediente non será valorado.

7. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

7.1. Os concursos obxecto desta convocatoria serán resoltos polas comisións que se relacionan no anexo IV que se pode consultar no enderezo electrónico: http://www.usc.es/profesorado

Estas comisións rexeranse polo disposto na Normativa.

7.2 . A puntuación final de cada concursante será a suma das puntuacións obtidas na valoración do currículo e nas probas orais, conforme ao disposto no anexo II da Normativa.

7.3 O procedemento de selección estrutúrase para cada tipo de praza segundo se indica no anexo V desta convocatoria.

7.4. A orde de actuación das persoas aspirantes a prazas con probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra «O», de conformidade co establecido na Resolución do 3 de febreiro de 2016 da Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia.

7.5. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de reclamacións e recursos non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos previo aboamento das taxas correspondentes.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber reclamación ou recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

8. Proposta de provisión.

8.1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización das probas, farase pública no taboleiro de anuncios do centro no que actúe a comisión de selección, a proposta motivada sobre a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de puntuación. Sobre a forma e a motivación da proposta estarase ao disposto no artigo 28 da Normativa.

8.2. Contra a proposta de provisión de prazas de profesor axudante doutor e profesor asociado de Ciencias da Saúde poderase interpoñer reclamación ante o reitor, nun prazo de dez días, que será instruída por unha Comisión de Revisión nos termos e consonte ao procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da Normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a contratación da persoa candidata proposta, salvo resolución motivada en contrario.

9. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

9.1. A resolución reitoral que autorice, cando proceda, a contratación da/do candidata/o ou candidatas/os segundo a orde de puntuación, farase pública no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, así como na páxina web da Universidade http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá á notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos ca esta, segundo o previsto no artigo 45 da LPACAP.

9.2. As persoas candidatas ás que se atribúan as prazas obxecto de concurso deberán asinar o contrato nun prazo de dez días hábiles segundo se indique na resolución pola que se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

9.3. Antes de proceder á sinatura a persoa candidata deberá presentar copias compulsadas (ou simples acompañadas dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos de carácter xeral e específicos para cada tipo de praza exixidos nesta convocatoria, sempre que non os presentara xunto coa instancia. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal. Estes documentos deberán presentarse en:

• Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador-Colexio de San Xerome-Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Vicexerencia-Edificio Biblioteca Intercentros-Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

A acreditación dos requisitos exixidos na base 2.1.a) deberá axustarse ao seguinte:

a) Para as persoas aspirantes nacionais dos Estados membros da Unión Europea, doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein, Noruega) ou da Confederación Suíza, será suficiente coa copia compulsada (ou simple acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do documento acreditativo da nacionalidade. As persoas aspirantes nacionais dos restantes Estados deberán acreditar ademais que teñen recoñecida a excepción de autorización de traballo.

b) As persoas aspirantes cónxuxes de nacional español, nacional doutro Estado membro da Unión Europea ou nacional doutros Estados cando así se estableza nun Tratado Internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España deberán presentar, ademais do indicado na alínea a), os documentos acreditativos do vínculo matrimonial e unha declaración xurada do seu cónxuxe de non estar separado de dereito deles.

c) Os documentos que así o precisen deberán presentarse traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico.

De non presentarse a documentación na forma e prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela se deriven desta convocatoria.

9.4. Se a persoa candidata non asinara o contrato dentro do prazo sinalado no número 2 desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o que fora seleccionada e procederase a formalizar a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

9.5. Con carácter xeral os contratos que se deriven desta convocatoria producirán efectos desde a data en que se asinen, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

9.6. Cando nunha mesma data se autorice a contratación dunha persoa candidata para ocupar máis dunha praza, a sinatura dun dos contratos suporá a renuncia ao dereito a ser contratada nas outras prazas para as que fora proposta. A sinatura do contrato suporá tamén a renuncia á praza que, de ser o caso, se estivese ocupando con anterioridade, salvo que ambos os postos resulten compatibles.

9.7. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria as normas contidas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica e demais normativa de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e as súas normas de desenvolvemento.

No caso de que o candidato desempeñe un posto no ámbito privado susceptible de ser compatibilizado, deberá solicitar a compatibilidade nesta universidade.

10. Características dos contratos.

10.1. Retribución.

Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no artigo 32º do Convenio colectivo para o PDI laboral.

10.2. Duración dos contratos.

Estes contratos terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles, ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior, e a súa duración será a que para cada categoría corresponda segundo o establecido no artigo 35 da Normativa e para os contratos de profesor interino de substitución, tamén no acordo do Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011.

11. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2017

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 22.9.2015; DOG do 5 de outubro)
Luís Lima Rodríguez
Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador

ANEXO I
Relación de prazas de concursos que quedaron desertos

Profesor axudante doutor:

Nº de concurso: 6001/16-17. Dedic.: T.

Nº de prazas: 1(FX0342).

Área de coñecemento: Didáctica e Organización Escolar.

Departamento: Pedagoxía e Didáctica.

Perfil: materias da área.

Centro (*): Fac. de Formación do Profesorado.

Localidade: Lugo.

Profesor asociado Ciencias da Saúde:

Nº de concurso: 6002/16-17. Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0361).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Psiq. Radioloxía e Saúde Pública.

Perfil: prácticas tuteladas. Pediatría-Escolares, preescolares e lactantes-Servizo de Pediatría-Escolares, preescolares e lactantes. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Titulación: graduado/a ou diplomado/a en Enfermaría.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade

ANEXO V
Requisitos específicos, documentación propia e procedemento de selección

Profesor axudante doutor

Os aspirantes deberán reunir os requisitos de carácter xeral sinalados na base 2 da convocatoria e ademais os seguintes:

Requisitos específicos e documentación:

a) Posuír o título de doutor.

b) Ter acreditada a avaliación positiva da súa actividade docente e investigadora por parte da ACSUG, da ANECA ou de calquera outro órgano de avaliación que determinen as leis doutras comunidades autónomas, sempre que exista un convenio ou concerto previo coa Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben reunir as condicións que determinan a cualificación automática para ser contratado nesta figura.

Deberán presentar, ademais da documentación sinalada na base 4 da convocatoria, a fotocopia do documento acreditativo da avaliación positiva para esta figura contractual expedido pola ACSUG ou pola ANECA, ou de que reúne as condicións que determinan a cualificación automática para ser contratado nesta figura, agás no suposto de que esta acreditación xa conste nas bases de datos da USC, así como a declaración, segundo o modelo anexo VIII, que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, de ter sido ou non anteriormente axudante ou profesor axudante doutor. Non presentar os documentos especificados, será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 da convocatoria.

Procedemento selectivo:

A selección de profesores axudantes doutores levarase a cabo en dúas fases:

I. Primeira fase.

A primeira fase consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial alegados polo candidato.

A comisión de selección valorará os currículos dos aspirantes consonte ao establecido nos baremos que figuran no anexo I da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino para este tipo de prazas.

Será mérito preferente, ata un máximo de 8 puntos, a estadía do candidato en universidades ou centros de investigación de recoñecido prestixio, españois ou estranxeiros, distintos da USC (modificación da Normativa: acordo do Consello de Goberno do 10 de maio de 2007).

Concluída a valoración dos currículos faranse públicos os resultados e convocarase aos candidatos para a realización da segunda fase, indicando a data, a hora e o lugar de realización desta.

II. Segunda fase.

A segunda fase constará dunha única proba, de carácter eliminatorio, que consistirá na exposición oral en sesión pública da guía docente durante un tempo máximo de corenta e cinco minutos.

Seguidamente a comisión debaterá co candidato sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo dunha hora.

A puntuación final de cada concursante virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases.

Profesor asociado de ciencias da saúde

Os/as aspirantes deberán reunir os requisitos de carácter xeral sinalados na base 2 da convocatoria e ademais os seguintes:

Requisitos específicos e documentación:

• Estar en posesión da titulación concreta, ou equivalente que, de ser o caso, exixa a convocatoria para cada praza.

• Posuír a condición de especialista de recoñecida competencia con exercicio de actividade profesional fóra do ámbito académico universitario. Esta actividade profesional deberá estar directamente relacionada cos contidos da actividade docente a desenvolver que figuran especificados na convocatoria e terse realizado por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, por referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

• Os/as aspirantes a prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde (PACS) deberán estar prestando servizos nas dependencias para as que se convocan as ditas prazas e manter esta situación durante o tempo de vixencia do contrato.

Para as prazas de PACS a actividade profesional requirida deberase acreditar mediante unha certificación, expedida pola autoridade sanitaria competente, na que conste que están prestando servizos nas dependencias que se especifican para cada unha das prazas, no anexo I.

Non presentar os documentos especificados para cada praza nos dous parágrafos anteriores, será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

Procedemento selectivo:

A selección de profesores asociados de Ciencias da Saúde (PACS) levarase a cabo nunha única fase, de carácter eliminatorio, que consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial alegados polo candidato, así como do proxecto de actividades docentes.

A comisión de selección valorará os currículos e os proxectos de actividades docentes dos aspirantes consonte ao establecido nos baremos que figuran no anexo I da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino da USC para as prazas de profesor asociado e profesor asociado de Ciencias da Saúde, segundo o caso.

A puntuación final de cada concursante virá dada pola suma das puntuacións do currículo e do proxecto de actividades docentes.

Lexislación específica:

Aos concursos de prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde será de aplicación, ademais das Normas xerais sinaladas na base 1 da convocatoria, o Real decreto  1558/1986, do 28 de xuño, regulador das bases do réxime de concertos entre as univesidades e as institucións sanitarias (BOE do 31 de xullo), así como o concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) aprobado por Orde do 18 de xuño de 2001 (DOG do 29 de xuño).