Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2017 Páx. 5264

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Padrón (expediente IN407A 2016/1231-1).

Expediente: IN407A 2016/1231-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: adecuación da LMT PAD-807/808/809.

Concello: Padrón.

Feitos:

1. O 8 de xuño de 2016, o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– LMTS a 20 kV, de 810 m (actuacións 1, 2 e 3 LMTS), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al e RHZ1-2OL(S) 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe na subestación de Padrón e final no apoio A/S proxectado na PAD-807/808/809.

– LMTA a 20 kV, de 41 m (actuación 1 LMTA), condutor tipo LA-110 mm2 Al, con orixe no apoio A/S proxectado na PAD-807/808/809 e final no apoio existente da LMTA PAD-807/808/809.

– LMTA a 20 kV, de 20 m (actuación 2 LMTA), condutor tipo LA-56 mm2 Al, con orixe no apoio A/S proxectado na PAD-807/808/809 e final no apoio proxectado na derivación ao CT 15PYL1.

– LMTS a 20 kV, de 25 m (actuación 4 LMTS), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe no apoio proxectado na derivación na PAD-807/808/809 ao CT 15PYL1 e final no dito CT.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución de información pública: 13 de setembro de 2016.

– DOG: 14 de outubro de 2016.

– BOP: 28 de setembro de 2016.

– Xornal La Voz de Galicia: 9 de novembro de 2016.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo o certificado municipal do 24 de outubro de 2016.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

Andrés Quintá Fontiñas (predio 1), mediante escrito do 18.10.2016, solicita a impugnación da notificación efectuada por esta xefatura territorial, relativa á declaración de utilidade pública que Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita para a instalación de referencia, alega, en síntese o seguinte:

– O deber, non efectuado, de comunicar o inicio do expediente.

– O deber, non efectuado, de decretar a urxencia do trámite expropiatorio.

– Que debeu existir un procedemento de información pública regrada para o expediente.

– A documentación remitida por esta xefatura territorial na notificación da solicitude de declaración de utilidade pública antedita non foi o suficientemente clara da afección exacta da instalación proxectada na parcela. O reclamante tivo que facer uso das ferramentas Google Maps e Sixpac para situar as instalacións proxectadas. Coa súa reclamación o reclamante achega fotos da parcela.

– Que, co movemento do apoio T5 que se pretende, se despraza en liña recta uns 35 metros lineais cara adiante, deducindo con isto, que o motivo é o de retirar o seguinte poste e atrasar o punto de suxeición na súa parcela, liberando deste xeito a empresa Fraiz do afeamento que supón ter dito apoio pegado ao muro da empresa; non pode ser que sexa o reclamante o que cargue coas consecuencias diso. Esta cuestión contravén o Estado de dereito e o libre exercicio da propiedade privada.

– O reclamante alega que non pode acceder á resituación pretendida polas seguintes razóns:

• O expropiado non serían os 4 m2 que figuran na documentación achegada coa notificación. Ademais, non figura toda a servidume, a esquerda e a dereita, que correspondería ao trazado da liña.

• As distancias mínimas de seguridade establecidas polo regulamento aprobado polo Real decreto 223/2008, de 4 e un máximo de 6 metros, suporían que o predio quedaría totalmente inutilizado.

• En relación co punto anterior, o Real decreto 1955/2000 establece, no seu artigo 162, que a servidume de paso non impide ao dono do predio servinte cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume.

• O predio afectado pola instalación está en zona urbana ou urbanizable e, como tal, se ten que considerar para os efectos expropiatorios, pode, por tanto, solicitar o alleamento completo do predio.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor, que contestou:

– Escrito do 14.11.2016, no cal se valoran as alegación presentadas por Andrés Quintá Fontiñas (predio 1), no cal en síntese manifesta o seguinte:

• O trámite de información pública en que se atopa o expediente de referencia está establecido no artigo 55 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, así como nos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000. Nesta normativa especifícase que as solicitudes de autorización administrativa e declaración de utilidade pública se someterán ao trámite de información pública durante un prazo de 20 días.

• Os artigos 54 e 56 da Lei 24/2013 establecen que se declararán de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. A declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens e o de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos previstos no artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, non sendo, en consecuencia, precisa a declaración expresa de urxencia para a instalación proxectada, por atoparse implícita na declaración de utilidade pública.

• A finalidade das actuacións recollidas no proxecto de referencia é a de eliminar riscos, corrixindo situacións antiregulamentarias na liña PAD-807/808/809. Para iso proxéctase a instalación dun novo apoio no predio do reclamante baixo a liña aérea existente e desde as liñas subterráneas cara á subestación de Padrón. Con isto será posible desmontar a liña aérea existente entre esta parcela e a subestación e eliminar cinco apoios existentes. Por tanto, non se prevé o desprazamento do apoio T5 mencionado polo reclamante.

• Para acometer a actuación prevista no proxecto, precísase a expropiación de 9 m2 na parcela do reclamante, tal e como se fixo constar na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) que consta no expediente, non é correcto o dato de 4 m2 mencionados polo reclamante. Por outra parte, o predio de referencia xa se atopa gravado coa servidume de paso de enerxía eléctrica aérea da liña PAD-807/808/809 e non é necesario afectar máis superficie por este tipo de servidume.

• Segundo os datos catastrais existentes, o predio do reclamante ten unha superficie total de 306 m2 e dúas clases de solo: urbano e rústico. Estes datos son os que servirán de base para que o prexuízo ocasionado neste predio sexa valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia, co fin de que non se produza unha perda no patrimonio do seu propietario.

• No caso do predio do reclamante, non existen limitacións ou prohibicións á constitución de servidume de paso, establecidas tanto no artigo 58 da Lei 24/2013 como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, que impidan o establecemento do apoio no terreo incluído na RBDA presentada.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade coas condicións establecidas.

6. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalación eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a situación das instalacións non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58 a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por Andrés Quintá Fontiñas (predio 1) polo seguinte:

• O deber de notificación preceptivo realizouse efectivamente e consonte á normativa vixente (Lei 24/2013 e Real decreto 1955/2000).

• A declaración expresa de urxencia para a instalación proxectada non é necesaria posto que esta está implícita na declaración de utilidade pública, de conformidade co disposto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013.

• O expediente seguiu o trámite de información pública prescrito nos artigos 55, da Lei 24/2013, no 125 do Real decreto 1955/2000 e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• A documentación achegada para a localización das instalacións foi a achegada por Unión Fenosa Distribución, S.A.

• Non se proxecta o desprazamento de ningún apoio senón a instalación dun novo, no predio do reclamante.

• A servidume de paso da que xa é beneficiaria a liña actual non varía, posto que a traza e características correspondentes non varían.

• Segundo os datos proporcionados polo propio reclamante, véxase na súa argumentación e fotos, non se aprecian limitacións ou prohibicións á constitución de servidume de paso, establecidas tanto no artigo 58 da Lei 24/2013 como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

• No tocante á indemnización correspondente, esta será obxecto da tramitación do expediente expropiatorio en si.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

Segundo. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude a que se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Cuarto. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuizo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 10 de xaneiro de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña