Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2017 Páx. 4911

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do 30 de xuño de 2016 entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organización sindicais CIG, CC OO, CSI-F e UGT polo que se modifica o segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 19 de xullo de 2013).

Visto o texto do Acordo do 30 de xuño de 2016 entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSI-F e UGT polo que se modifica o segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia (DOG do 19 de xullo de 2013), e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Secretaría Xeral de Emprego,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo do día 30 de xuño de 2016 entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSIF e UGT polo que se modifica o segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia
(DOG do 19 de xullo de 2013)

Reunida o día 21 de xuño de 2016 a comisión de seguimento do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e analizado o segundo parágrafo da instrución cuarta, que establece:

«Cuarta. Limitacións para a formalización do contrato de remuda:

2. No suposto de que unha vez formalizado o contrato co remudista, este se extinga por calquera causa, no prazo de 10 días deberá comunicarse á correspondente delegación territorial do Instituto Nacional da Seguridade Social o novo contrato de remuda realizado co substituto daquel; para dar cumprimento ao dito prazo, o remudista será seleccionado directamente polo Servizo Público de Emprego de Galicia».

Proponse unha redacción alternativa en que se prime a cobertura mediante as listas de contratación derivadas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para el desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O día 30 de xuño de 2016 a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSIF e UGT

Acordan:

Primeiro. Unha nova redacción do segundo parágrafo da instrución cuarta das instrucións para a aplicación do Acordo para o acceso á xubilación parcial e do contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, que queda do seguinte xeito:

«2. No suposto de que, unha vez formalizado o contrato co remudista, este se extinga por calquera causa, no prazo de 10 días deberá comunicarse á correspondente delegación territorial do Instituto Nacional da Seguridade Social o novo contrato de remuda realizado co substituto daquel; para dar cumprimento ao dito prazo, o remudista será seleccionado correlativamente do seguinte xeito:

1º. Lista confeccionada a propósito para a selección do remudista, sempre que non existan listas posteriores derivadas do Decreto 37/2006.

2º. Listas derivadas do Decreto 37/2006.

3º. En caso de non existiren listas do Decreto 37/2006, será seleccionado directamente polo Servizo Público de Emprego de Galicia».

Segundo. O presente acordo entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura e darase conta del na próxima Comisión de Persoal.

Autorízase o persoal que determine a Dirección Xeral da Función Pública para o seu rexistro e publicación.