Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2017 Páx. 192

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de decembro de 2016 pola que se modifica o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla (modificación do réxime de pesca do couto de Pontevea).

O Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla aprobouse mediante a Orde do 12 de decembro de 2014 pola que se aproba o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla (DOG núm. 244, do 22 de decembro).

O dito plan modificouse mediante a Orde do 15 de decembro de 2015 pola que se modifica o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla (DOG núm. 2, do 5 de xaneiro de 2016).

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio (DOG núm. 106, do 4 de xuño), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expediente de modificación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla.

A proposta de modificación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla foi sometida a información pública mediante a Resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra do 31 de outubro de 2016 (DOG núm. 221, do 18 de novembro).

No prazo de participación pública non se presentaron alegacións.

Na tramitación da modificación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla foron oídos o Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de outubro de 2016, e o Comité Galego de Pesca Fluvial, na sesión que tivo lugar o 30 de novembro de 2016. Ambos os comités emitiron informes favorables sobre a modificación do plan.

A tramitación do expediente de modificación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla axustouse ao establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial (DOG núm. 151, do 5 de agosto), e ao Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Con suxeición ao establecido no artigo 68 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é o órgano competente para a aprobación dos plans de xestión de recursos piscícolas.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación da modificación do Plan de xestión da pesca fluvial

Apróbase a modificación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla (modificación do réxime de pesca do couto de Pontevea).

Disposición adicional única

O contido íntegro deste plan poderá consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, sitas en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://www.cmaot.xunta.gal/), na parte de pesca fluvial.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio