Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2017 Páx. 108

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da planta de coxeración de biogás na estación depuradora de augas residuais (EDAR) Lagares, que Aguas de las Cuencas de España, S.A. promove no concello de Vigo.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 9 de novembro de 2015, a sociedade Aguas de las Cuencas de España, S.A. presentou solicitude para a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha planta de coxeración de biogás na EDAR Lagares, no concello de Vigo.

Segundo. Mediante a Resolución do 23 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra, sométense a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación, que se publicaron con data do 29 de decembro de 2015 no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra nº 249, e con data do 14 de xaneiro de 2016 no Diario Oficial de Galicia nº 18, sen que conste que se presentara alegación ningunha. As características técnicas da instalación son as seguintes:

Planta de coxeración eléctrica composta por un grupo de coxeración formado por dous equipamentos motoxeradores de biogás de potencia nominal 800 kW/400 V cada un, un centro de transformación con dous trafos elevadores de tensión de 1.000 kVA cada un con RT 400 V/15-20 kV e un centro de medida. A instalación está situada no recinto da estación depuradora de augas residuais Lagares, en Vigo.

Terceiro. Con data do 8 de marzo de 2016, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra eimitiu informe favorable no referido aos requisitos técnicos para a execución da planta previstos no proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, a coordinación, a planificación, a execución, o seguimento e o control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e o seu outorgamento corresponderá á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Aguas de las Cuencas de España, S.A. para unha planta de coxeración de biogás na estación depuradora de augas residuais, EDAR Lagares, promovida no concello de Vigo.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción da devandita planta de coxeración de biogás segundo o proxecto de execución denominado «Instalación de coxeración a partir de biogás con grupo motor xerador de 2×800 kW na estación de tratamento de augas residuais de Lagares (EDAR Lagares)», asinado polo enxeñeiro técnico Luís A. Tizón Cabaleiro, colexiado nº 2.449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Terceira. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Aguas de las Cuencas de España, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución.

Quinta. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de doce meses contados a partir da data de notificación das presentes resolucións. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade destas autorizacións.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto as presentes autorizacións por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliacións e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas