Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56878

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2017.

BDNS (Identif.): 326778.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda, dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das axudas convocadas destinarase un crédito máximo total de 27.464.419 € dos orzamentos de 2017, 2018 e 2019. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias