Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2016 Páx. 55869

IV. Oposicións e concursos

Consello Consultivo de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2016 pola que se fai público o acordo plenario polo que se convoca o concurso para a provisión dun posto de letrado/a vacante no cadro de persoal deste organismo.

De conformidade co establecido na Lei 3/2014, do 24 de abril, e en virtude das competencias que lle corresponden conforme o artigo 13 do Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, esta Presidencia

RESOLVE:

1. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de concurso, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta resolución.

2. Facer público o Acordo plenario do 21 de decembro de 2016 polo que se aproban as bases do concurso para a provisión dun posto de traballo do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia, vacante no seu cadro de persoal, do teor literal seguinte:

«Ao existir un posto vacante segundo a relación de postos de traballo vixente aprobada polo Consello da Xunta de Galicia do 8 de outubro de 2015, o Pleno do Consello Consultivo de Galicia, na súa reunión do día 21 de decembro de 2016, ao abeiro do artigo 15.f) do seu Regulamento de organización e funcionamento, acorda aprobar as bases do proceso de provisión, polo sistema de concurso, para cubrir un posto de letrado/a, vacante no seu cadro de persoal, consonte as seguintes bases:

I. Requisitos de participación.

1. Poderán participar neste concurso:

a) As persoas funcionarias do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia, unha vez transcorridos dous anos desde que accedesen ao posto que veñan desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, caso en que non se exixirá permanencia.

b) As persoas funcionarias do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia en situación de excedencia voluntaria por interese particular, unha vez transcorrido o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) As persoas funcionarias do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público.

2. Están obrigados a participar neste concurso:

a) As persoas funcionarias do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia, adscritos/as provisionalmente por reingreso ao servizo activo ou rehabilitación da condición de funcionario de carreira.

b) As persoas funcionarias do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia que se encontren á disposición do/da presidente/a deste órgano ou adscritos/as provisionalmente por remoción dun posto de libre designación.

II. Posto ofertado.

Os/as interesados/as poderán solicitar o posto relacionado no anexo I, sempre que reúnan as condicións exixidas nel.

III. Solicitudes de participación e documentación que se lles debe xuntar.

As persoas interesadas que desexen tomar parte no concurso deberán presentar solicitude dirixida á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia, no prazo de quince días a partir do seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes para tomar parte neste concurso axustaranse ao modelo que se publica como anexo II. Achegarase xustificación documental compulsada polo organismo competente, agás cando se trate da xustificación dos particulares da alínea B) 2 do baremo.

A presentación de solicitudes e a documentación indicada no punto anterior farase no Rexistro Xeral do Consello Consultivo (situado na rúa Algalia de Abaixo, 24, 2ª planta, 15704 Santiago de Compostela), no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (situado no Edificio Administrativo de San Caetano) ou polos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

IV. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación do posto de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

Puntuación total: 65 puntos.

A) Méritos xerais: ata 53 puntos.

1. Grao persoal consolidado en relación co posto de traballo que se convoca. Máximo 5 puntos:

a) Nivel 30: 5 puntos.

b) Nivel 28 ou 29: 3 puntos.

2. Traballo desenvolvido: máximo 20 puntos.

Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a. A valoración efectuarase consonte os seguintes criterios:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel: 0,50 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ao desempeñado: 0,30 puntos.

3. Antigüidade na carreira administrativa. Máximo de 10 puntos, a razón de 0,40 puntos por ano completo.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente, de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

4. Cursos de formación ou perfeccionamento en materias xurídicas relacionadas co posto de traballo que se convoca. Só se tomarán en consideración os impartidos por universidades ou centros oficiais de formación que expidan certificación de asistencia ou diploma. Cada curso de duración igual ou superior a 50 horas valorarase con 1 punto, e non serán valorables os cursos inferiores a 50 horas lectivas, nin a asistencia a congresos, xornadas, simposios ou similares, nin os cursos de doutoramento ou os módulos ou partes integrantes dun curso. Máximo de 10 puntos.

5. Cursos de galego sobre linguaxe xurídica ou administrativa. Só se tomarán en consideración os impartidos por centros oficiais de formación que expidan certificación de asistencia ou diploma. Máximo 8 puntos, consonte os seguintes parámetros:

a) Curso de nivel medio de linguaxe xurídica galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, así como as equivalencias recoñecidas no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011, pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas: 5 puntos.

b) Curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega, curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega, así como as equivalencias recoñecidas no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011, pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas: 8 puntos.

A avaliación do curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega ou do curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega implicará que non se compute estar en posesión dos correspondentes cursos de nivel medio.

B) Méritos específicos: ata 12 puntos.

1. Titulacións universitarias oficiais: 7 puntos máximo.

a) Doutor en dereito: 7 puntos.

b) Licenciatura ou grao en materia diferente de dereito: 3 puntos.

2. Publicacións en materias xurídicas que conten con ISBN ou ISSN: máximo 5 puntos.

A publicación acreditarase mediante a achega do orixinal ou fotocopia compulsada delas.

A puntuación que se asignará por cada publicación será dun máximo de 1 punto en razón das características daquela: temática, extensión, dificultade de realización e rigor xurídico científico a xuízo da comisión de valoración, conforme uns criterios establecidos previamente.

A orde de prioridade para a adxudicación do posto determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos nas bases se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

V. Comisión de valoración.

A valoración dos méritos alegados polos/as concursantes para a adxudicación do posto de traballo vacante será efectuada pola comisión de valoración, que será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

VI. Listaxe de admitidos e excluídos.

Finalizados os prazos de presentación de instancias de participación, a Presidencia do Consello Consultivo de Galicia publicará a listaxe definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas, contra a cal se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VII. Desenvolvemento do concurso.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de valoración examinará a documentación presentada polas persoas aspirantes e puntuará os méritos alegados de acordo co baremo.

A proposta de adxudicación do posto de traballo ofertado recaerá, en todo caso, sobre o/a concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados.

Unha vez efectuada a proposta de valoración provisional dos méritos adoptado por acordo da comisión de valoración, farase pública no taboleiro de anuncios do Consello Consultivo de Galicia e na súa páxina web.

Contra o dito acordo os/as concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación.

Examinadas e resoltas pola comisión as reclamacións presentadas, elevarase á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia acordo definitivo de resolución do concurso.

A convocatoria resolverase por resolución da Presidencia do Consello Consultivo de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na cal figurará o destino adxudicado.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas contra a valoración provisional de méritos entenderanse implícitas na devandita resolución.

VIII. Adxudicación de destino.

1. O destino adxudicado será irrenunciable, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, casos en que poderán optar entre os postos adxudicados, e estarán obrigados a comunicar por escrito a opción realizada ao Consello Consultivo de Galicia no prazo de tres días.

2. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia, non xerarán dereito a indemnización.

IX. Toma de posesión.

A toma de posesión no posto adxudicado como consecuencia da realización do presente concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na resolución deste, desde a cal se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 24 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

X. Publicación de acordos.

Agás as mencións expresas que o presente acordo realiza ao Diario Oficial de Galicia e para as resolucións nel mencionadas, o resto de acordos publicarase na páxina web e no taboleiro de anuncios da sede do Consello Consultivo».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano consultivo, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2016

José Luis Costa Pillado
Presidente do Consello Consultivo de Galicia

ANEXO I

Denominación: letrado/a.

Código do posto: CCG 005.

Nivel: 30.

Complemento específico: 21.631,80 €.

Subgrupo: A1.

Corpo ou escala: letrado do Consello Consultivo de Galicia.

Centro directivo ou dependencia: Consello Consultivo de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file
missing image file